Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 3 de maio de 2014

Tíralle da lingua

por Xoán Carlos Domínguez Alberte no Sermos Galiza:


A pasada quinta feira 24 de abril celebrouse en Compostela a fase final do concurso de relato oral “Tíralle da lingua”, que, cada curso convoca entre a comunidade escolar a AS-PG.

Esta iniciativa, da que polo xeral se fan cargo os equipos de normalización lingüística, conleva unha importante carga mobilizadora no conxunto dos centros educativos.
Isto débese a que, previamente, se realizan diferentes fases de traballo e concurso tanto en escolas coma en institutos. Nelas implícase —alén do profesorado— gran cantidade de alumnado.
Moitos son os aspectos positivos que conleva a participación neste certame: o traballo en equipo, o fomento das propias capacidades expresivas e dramatizadoras, a aprendizaxe e asunción de historias —quer de base culta, quer de base popular—, a corrección e superación continua no proceso de posta a punto…
Mais a principal calidade implícita neste proxecto é, por riba de todo, a reivindicación e a fachenda no uso normal, espontáneo, cotián, habitual, ininterrompido da nosa lingua. En especial por parte dos principais axentes no proceso de aprendizaxe, o alumnado, a mocidade galega. Xa sexa dun lugar ou doutro de Galiza, xa sexa do ámbito rural, vilego ou urbano.
O universo temático elixido para preparar unha sesión de contacontos é moi amplo. De se observaren as propostas que chegaron á aludida fase final poden extraerse alguhas conclusións parciais: achegamento ao universo das tecnoloxías da información e da comunicación, presentación de situacións cotiás da vida dun adolescente galego de arestora, plasmación de contextos lúdicos, abordaxe da tradición literaria…
En definitiva, as notas caracterizadoras teñen a diversidade de propostas, a variedade de estilos e de rexistros como denominador común. E isto é un valor engadido que fala moito das potencialidades dunha lingua viva, que se reinventa en cada ocasión, malia as continuas pexas que se lle tenta interpor por parte dos que ocupan o poder. De aí que “Tíralle da lingua” se converta nunha inmellorábel ferramenta para explorar as nosas capacidades expresivas na reclamación da normalidade idiomática para a lingua galega.
Nesta tarefa é moi de gabar que haxa colectivos que, sen complexos, contra vento e maré, no medio da tempestade, decote turren do mastro da identidade cara a bo porto. E isto débese ao compromiso, ao traballo contiuado e á entrega dos membros da asociación que isto fai posíbel.
O xurado desta última edición estivo integrado por profesorado dos cursos CELGA e de linguaxe administrativa a quen os dirixentes da Política Lingüística deste país, miserabelmente, despediron por non lles ter que pagaren a Seguridade Social.
Como manifestou no remate da fase final quen guiou o acto, a escritora Lucía Aldao, esta é unha aposta a favor da memoria e da supervivencia de todas as galegas e galegos. Da nosa dignidade como pobo. Beizón polo lume aceso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario