Son abondas as persoas que a diario falan galego e que din que non o saben falar ben, porque falan o de aquí, e non o fan igual que, por exemplo, o presentador do telexornal. Pois vou dar un dato obxectivo e, incluso, como se adoita dicir, cientificamente demostrado: as galegas e os galegos, e, claro, tamén as bergantiñás e bergantiñáns, falamos o mellor galego do mundo. Si, é así, somos nós quen mellor en todo o mundo falamos a nosa lingua.E, ademais de falala ben, ata temos un día para celebralo. Vaia, para celebralo e para reivindicalo. E está ben, porque a lingua tamén necesita algo de festa, de visibilización e de enerxía. Porque o Día das Letras é unha data para festexar e reivindicar o noso maior ben colectivo, que é o noso idioma, o que fomos creando entre todas as galegas e todos os galegos ao longo dos séculos para nomear as cousas e os feitos do contorno en que nos integramos. Porque o galego fixémolo nós e di o que somos, a maneira que temos de ver o mundo. É o mundo que nós creamos. Por iso é, e ten que ser, a lingua das nosas letras, pero tamén ten que ser a lingua para ir á festa, para facer contratos, para ligar nos pubs ou nos parques, para pagar a contribución, para xogar na rúa, para ir á praia, para mover os marcos, para pedir unha de raxo, para as redes sociais, para pagar a volta e, incluso, para os actos rituais que tanto abundan estes días. Ten que ser a lingua para vivir, mellor, aquí.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
domingo, 18 de maio de 2014
O mellor galego do mundo
por Nel Vidal en La Voz de Galicia:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario