Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 21 de maio de 2014

Falade galego

por Héctor Fernández Leiro, na Praza Pública:


Non é casual que o libro que oficialmente se considera como o renacemento da cultura galega, o amencer no que espertou desa longa noite de pedra que describiu Celso Emilio Ferreiro, sexa un poemario. A lírica, sempre vencellada ó noso idioma, e viceversa, ben parece que como dous namorados, están feitos o un para o outro. Será porque os galegos gustamos como os poetas de expresar emocións sen mencionalas? Como nos versos, os que vivimos mirando cara a inmensidade do atlántico estamos empapados de esa sensibilidade para amosar os nosos sentimentos ó tempo que os agochamos, como o son da gaita, que rindo chora.
Pero non quixera facer deste texto una alegoría da calidade da nosa produción lírica, senón por a atención nos acontecementos que envolven a resaca das letras galegas.
Coma xa é tradición, miles de persoas percorreron o país en defensa do idioma que compartimos, da nosa cultura e do noso pobo, pero iso non deixa de ser algo extraordinario nunha data tan sinalada no calendario dos galegos, para una vez pasada a romaría voltar a atoparnos cos ataques ao noso idioma proferidos pola plataforma Galicia Bilingüe, por un ilustre (que non ilustrado) presidente de todos os galegos, que non sabe nin citar correctamente a obra en galego quizais máis recoñecida a nivel mundial, un partido político, como o da señora Rosa Díez que despreza constantemente ó noso país, primeiro tirando dun estereotipo tan anticuado e desafortunado como o sentido pexorativo da verba “gallego”, para agora tentar privar do seu espazo de representación na televisión pública Galega a un partido que mellor ou peor, defende os intereses e o sentir de miles de galegos, como é o Bng.
Citando ó gran Castelao, todos estes ataques ó noso pobo, e á nosa cultura, entendida como as nosas maneiras de obrar, pensar é sentir, non son máis que un recoñecemento tácito do noso carácter nacional, a ofensa que provoca o carácter dunha cultura que non se deixa asimilar nos que renegan dela, e a mellor proba de que hai que continuar loitando pola dignificación, non xa do noso idioma, senón do noso futuro como pobo.
Os que queren que esquezamos o noso patrimonio e adoptemos un modelo que non é noso como propio, son os que como diría o infame ministro de educación, queren españolizar ós rapaces (que verbas máis duras), son os que adoutrinan na servidume, na negación das orixes, na vergonza do que se é, todo para tentar coutar o anceio de liberdade dun pobo que se debe sentar na mesa como irmán do pobo español, non coma súbditos dunha metrópole.
É en fin, o intolerante feixismo, que non é que volte, é que xamais chegou a marchar, agora presentado como salvador das clases populares, un subproduto do capitalismo que prostitúe a liberdade dos pobos presentándose como adalide dos traballadores e da democracia.
Non caerá o pobo Galego nos vellos erros do pasado, os mesmos que hoxe atacan a nosa Galeguidade, tentaron destruíla durante máis de cincocentos anos, non contaban con que a nosa lingua nace dun carácter cunha resistencia incuestionable a ser extinguido, como a flor do toxo, que florece durante todo o ano, cada muller e home sabe que non existe mellor agarimo para o noso idioma que usalo, parafraseando o poema de Pondal, hoxe e sempre, “Falade miniñas, falade galego”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario