por Francisco Fernández Rei, membro da cerna de Prolingua, nas Voces de Prolingua:
A comezos do pasado mes de marzo a prensa informou dunha carta privada do presidente da Real Academia Española (RAE) ó presidente da compañía RTVE en que lle manifestaba que no plenario da institución provocara “desconformidade e certa inquedanza” que se elixise unha canción cantada parcialmente en inglés para representar a España no Festival de Eurovisión. Trátase de Dancing in the rain, que escolleron os espectadores de TVE e un xurado profesional e que a murciana Ruth Lorenzo interpretará na gala eurovisiva do 10 de maio en Copenhagen.
Segundo fontes afins á RAE, a institución quixo “ser discreta”, pero non podía deixar pasar “un feito así” porque o español é unha lingua que falan 500 millóns de persoas e porque o emprego do inglés nesa canción sorprendeu nalgúns países latinoamericanos, que se dirixiron á Academia para saber se ía manifestarse verbo diso.
A min sorpréndeme que o plenario da RAE se queixe agora, xa que non o fixo en edicións anteriores en que tamén se empregou o inglés. Cando TVE inventou a exitosa Operación Triunfo para ver quen representaría a España en Eurovisión 2002, a canción gañadora foi Europe's living a celebration, da que se repetía o título no cantar, como ocorreu con outras cancións de representantes españois antes e despois do 2002; e no 2009, o título estaba en castelán, pero incluía varias frases en inglés no texto.
Esa “discreta” queixa académica fixo que lembrase a década de 1960, cando só había unha televisión en España (e en branco e negro) e de neno seguía con interese o Festival de Eurovisión, como tantísima xente; e sendo eu mociño ocorreu o grande “escándalo” de Joan Manuel Serrat, escollido para representar a España en 1968 nese festival das televisións, pero quince días antes decidiu non acudir se non cantaba en catalán, co que quería chamar a atención sobre a situación marxinal deste idioma no franquismo. Hai quen di que Serrat só quería interpretar en catalán unha parte, pero Televisión Española negouse e recorreu a Massiel, que gañou ese ano co mesmo cantar preparado para Serrat, quen nos anos seguintes foi vetado en radio e TVE.
Despois de moitos anos de serme indiferente o Festival de Eurovisión, na década de 1990 volvín ter un moi relativo interese por el, non pola música, case toda electrónica e abondo reiterativa nos diversos intérpretes, senón polas letras das cancións. Quería ir constatando o uso imparable do inglés no festival e ver se os países con lingua románica que acudiran a moitas edicións seguían a usar os seus idiomas estatais ou se permitían que o representante televisivo usase unha lingua minorizada; e tamén tiña daquela a curiosidade por ver a lingua que usaba a persoa ou grupo que enviase Romanía, o outro Finis Terrae románico, participante desde inicios desa década de 1990 canda outros países do leste europeo.
Italia achega representación a Eurovisión desde a 1ª edición, en 1956, á que tamén asistiron os outros países que crearon o antigo Mercado Común (Francia, Alemaña, Holanda, Bélxica e Luxemburgo) e Suíza. Italia ten un complexo mapa lingüístico de linguas minorizadas, nunha situación de forte minorización, agás no Tirol do Sur; pero na súa longa participación (deixou de facelo a finais dos 90 e ata ben entrado este milenio) a lingua do seu representante foi sempre o italiano, agás no 1976 en que Romina Power cantaba en inglés e Albano en italiano; no 1985 acudiron estes mesmos intérpretes, que cantaban en italiano e en inglés só o facían co título do cantar, o que non ocorreu en 2011 en que R. Gualazzi interpretou en inglés e en italiano.
Nos moitos anos que participou, Francia usou o inglés na canción do 2008 e só unha mínima parte nas dos anos 2007 e 2012, mentres que no 2004 era francés con algo de castelán. O país ten un mapa con linguas en grave situación de minorización (no art. 2º da Constitución dise que a lingua de Francia é o francés) e segue sen ratificar a Carta europea das linguas rexionais e minoritarias, como tampouco a ratificou Italia; con todo, mandou representantes de linguas minorizadas a Eurovisión, o que nunca fixo España. En 1996 o grupo Dan Ar Braz & L'Héritage des Celtes interpretou integramente en bretón Diwanit Bugale ‘Que nazan os nenos’ e en 2011 Amaury Vassili cantou a peza operística Sognu ‘Soño’, totalmente en corso. Neste idioma (e en francés) en 1993 Patrick Fiori cantou Mama Corsica ‘Mamá Córsega’; e un ano antes Kali (Jean-Marc Monnerville) usou o crioulo de Haití (e o francés) en Monté la riviè ‘Sobe o río’.
Desde que comezou a participar en 1964, as cancións de Portugal sempre estiveron en portugués, agás no 2003, con partes en inglés e portugués; e no 2007 predominaba a lingua oficial con pequenas frases en francés, castelán e inglés. España, á parte do indicado máis arriba, só enviou representantes que usaron o castelán, entre eles, no 2011 a galega do Incio Lucía Pérez. En representación de Bélxica, co grupo Urban Trad no 2003 participou Verónica Codesal, filla de galegos de Guitiriz radicada en Bruxelas, que cantou Sanomi, composta nun idioma inventado polo grupo para evitar usar o francés ou o flamengo, linguas oficiais de Bélxica xunto co minoritario alemán, e pouquiño faltou para que gañase o festival o grupo de Verónica, que, ademais, era pandereiteira, vocalista e gaiteira do grupo Ialma.
No seu inicio en 1993, a representación de Romanía só empregaba o romanés, para no 2000 pasarse ó inglés, aínda que con combinacións de linguas algúns anos: no 2006 inglés con refrán (e título) en italiano e no 2008 romanés e parte en italiano, segundo o cantante; e no 2012 o grupo Mandinga, formado por músicos cubanos e romaneses, interpretaron Zaleilah (nome dun baile) en castelán, co refrán en inglés. No presente ano Romanía aposta pola parella Paula Seling e Ovi, que o farán en inglés coma no 2010. Aínda que leva anos cantando en inglés, e ben, prefiro a P. Seling que canta textos en romanés coma Ploaie în luna lui Marte ‘Chuvia na lúa de Marte’, o fermoso poema de Nichita Stănescu.
Moldavia, país de fala oficial romanesa cunha boa parte da poboación de lingua rusa ou ucraína, o idioma que usou en 2005, ano en que se incorporou, foi o inglés co coro en romanés; e logo sempre o inglés, agás no 2009 e 2013, que usou a lingua oficial. No 2006 o cantar en inglés interpretábao unha parella na que o home fora compoñente do grupo moldavo O-Zone, que coa canción en romanés –e non en inglés– Dragostea din tei ‘O amor de tilo’ se converteu no 2004 no grande éxito do verán en España e en case toda Europa. A descoñecida lingua de Mihai Eminescu escoitouse arreo nas radios e discotecas españolas grazas a Nu mă, nu mă iei ‘Non me, non me levas’, que era como se coñecía popularmente esa canción de O-Zone.
A globalización fai que o inglés sexa hoxe a lingua hipercentral do mundo, como o latín fora antano a lingua hipercentral de Europa, como sinalaron L.-J. Calvet e L. Varela. Ese avance imparable do inglés no que respecta ó Festival de Eurovisión explica que dos 37 países que van actuar na edición do 2014, farano en inglés 28 (entre eles Romanía e Moldavia) e 6 países usarán o idioma estatal (castelán, esloveno, hebreo, islandés, montenegrino e polaco) e o inglés, mentres que só tres países o van facer na súa lingua oficial (francés, italiano e portugués). Non se escoitará o catalán, porque Andorra non participa este ano, pero si o fixo entre 2004 e 2009, aínda que nunca chegou á fase final; agás no 2008, que cantou só en inglés , a persoa que representaba a TV andorrá cantaba en catalán, algún ano con algún verso en inglés.
Por mor da globalizacion estase a renunciar a un mosaico de linguas e culturas europeas que case non se visibilizan no mediático Festival de Eurovisión. Xa que a Unión Europea de Radiodifusión, responsable de organizalo, establece que cada TV pode escoller a lingua da canción de quen a represente, nada impide que TVE, que tamén a pagamos millóns de españois que diariamente usamos unha lingua diferente da castelá, envíe a Eurovisión alguén que cante nunha das outras linguas españolas ou en varias á vez. Non é tanto para facer visible nese festival televisivo unha lingua diferente da castelá, que tamén, senón para que a nivel popular se vexa e aprecie en toda España a existencia doutras linguas e culturas que forman parte do patrimonio cultural europeo.
As academias e institucións que velan por esas outras linguas españolas (Real Academia Galega, Euskaltzaindia, Institut d’Estudis Catalans, Acadèmia Valenciana de la Llengua, Academia de la Llengua Asturiana e Consello d’a Fabla Aragonesa), así como plataformas, asociacións e persoas que empregan e defenden esas linguas deberían manifestarlle á presidencia da compañía RTVE a súa desconformidade e inquedanza polo feito de que, desde que España empezou en 1961 a acudir ó Festival de Eurovisión, sempre se ignorou a existencia de excelente músicos que cantan nalgunha das linguas minorizadas españolas. Non deberiamos deixar pasar un feito coma ese as persoas que defendemos a etnodiversidade e que arelamos unha España realmente plurilingüe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario