por Alexander Schmuck no Sermos Galiza:
Todas as linguas son útiles, fermosas, non hai linguas nin máis doces nin máis brutas, nin unhas máis modernas ca outras. Sabemos que o que existen son prexuízos lingüísticos, eses xuízos de valor apresurados que provocan o rexeitamento dunha lingua, tan introducidos na sociedade como o racismo, a xenofobia ou o machismo.
Se vos digo que o galego é a lingua do amor pensades, e con razón, que isto tamén é un prexuízo. Fixádevos: cando moitas das persoas que adoitan falar galego renuncian a el para facerlle as beiras a alguén, xa que ligar en galego semella ser complicado ou imposíbel, eu afirmo que é a lingua do amor. Fixádevos: cando moitas das persoas que non falan galego afirman que é a mellor lingua para a poesía desde a Idade Media, coas cantigas de amigo e de amor, eu afirmo que é a lingua do amor, da prosa e do teatro de todos os días.
Cando unha persoa escolle o galego como lingua, cando a aprende, cando desexa desenvolver a súa vida nesa lingua contra todos os atrancos para levala á rúa, á escola, ao xulgado, ao traballo ou aos medios de comunicación, eu afirmo, lembrando as palabras do poeta, que a forza de tanto amor non pode ser inútil. Eu asegúrovos que o galego é a lingua do amor. Porque cando eu falo galego quen adoita dicir que por cortesía non se pode empregar esa lingua con quen non a fala, fica sen argumentos. Porque cando eu falo galego quen di que non o fala por non o ter aprendido ben, que non o quere estragar porque o seu non é o de verdade, fica sen argumentos. Porque cando eu falo galego quen di que este non é apto para a ciencia, para a filosofía, para aprehender o mundo, fica sen argumentos. Porque cando eu falo galego quen di que é por moda ou por nacionalismo, fica sen argumentos. Porque cando eu falo galego quen loa unha lingua universal inexistente, quen nega a riqueza lingüística do planeta, quen pretende facernos crer que esta lingua nos illa e nos afasta do mundo, fica sen argumentos. Porque nos meus papeis figura a nacionalidade alemá, porque estou en Galiza moito menos do que desexaría, porque descubrín esta lingua non hai moito tempo e dela non sabía nada antes, porque non a falo tan ben como me gustaría, porque a través do galego entrei no mundo da lusofonía e éme doado comprender outras linguas románicas afastadas da miña materna. Porque non son español, son galego por elección, non teño o deber de comprender as notificacións oficiais que desde a administración se me fan na lingua do estado e eu reclámoas en Galiza en galego.
O galego é para min a lingua do amor porque nela namoro desde algúns anos todos os días desde a alba do Rhein, desde as terras de Goethe, soño e desexo un futuro para o meu fillo de orixe etíope, desde Europa, embigo do mundo, tamén en galego, tanto como desexo que manteña viva a súa lingua materna, a que falou todos os días durante seis anos, até hai uns meses, o amhárico.Sei que a patria é a lingua e tamén que as persoas que deciden aprender e desenvolver a súa vida en galego contra todo, converten o galego na súa lingua do amor e contra isto non hai argumentos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario