Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 22 de maio de 2014

O mestre e o neno

por Lolo Pavón en La Región:


A Irmandade Xurídica Galega tributará o sábado 24 unha homenaxe a Amadeo Varela Rodríguez, co descubrimento dunha placa na fachada do inmoble de Progreso no que viviu e traballou o recoñecido avogado ourensán, que será seguido dun acto no Paraninfo do instituto Otero Pedrayo. É un grao de area na recuperación da débeda histórica que Ourense con quen foi xurista destacado, intelectual solvente e demócrata apegado ó seu país e a sua língua. (Forma parte da extensa nómina de persoeiros esquecidos, da que Olga Gallego, Alfredo Cid ou Segundo Alvarado constitúen exemplos clamorosos de víctimas da incuria e a racanería no recoñecemento do labor e legado dos homes e mulleres que deixaron pegada nesta terra. Por certo, Amadeo Varela deixou unha extraordinaria biblioteca, que se mantén no edificio de Progreso 75, que merecería a atención dalgunha institución ou entidade).

Ó longo da sua vida asumiu compromisos profesionais e persoais, ainda que lle acarrearan problemas cas autoridades, como a defensa dos intereses de afectados pola construcción do salto de Castrelo por parte da todopoderosa Fenosa; a organización do acto de despedida de Celso Emilio Ferreiro cando partía cara Venezuela, que constitiu un fito sociopolítico no Ourense da época, ou a militancia nas mocedades galeguistas na sua primeira xuventude.

Esa etapa correspóndese ca do mestre vocacional que viu prender a chama da ilusión ca proclamación da República; que ademais de aritmética, historia ou gramática, ensinaba valores e inculcaba o amor pola lectura como unha das fontes básicas do saber. Aquiles alumnos levaron gravadas a lume as ensinanzas recibidas ata o fin dos seus días. Por eso contaba a ledicia íntima que lle producía ver convertido en home de proveito un daquiles nenos paupérrimos do rural nos tempos da miseria, ó que prestaba libros, porque os seus pais o quitaran da escola porque para eles era máis importante axudar a tapar a fame da casa que a gramática.

Aquil neno é hoxe un nonaxenario que, lamentablemente, transita pola estrada da desmemoria, pero ata hai pouco viviu recoñecido ao home bó e xeneroso que lle introduciu o verme da inquedanza polo saber, lle ensinou a andar cos ollos abertos pola vida e de quen aprendeu, por certo, o hino galego. Ca chegada da guerra civil, morreu o gran mestre; a cambio, naceu un extraordinario avogado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario