Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Olimpio Arca Caldas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Olimpio Arca Caldas. Amosar todas as publicacións

venres, 9 de febreiro de 2018

Olimpio Arca e o antroido da Ulla


Este pasado mes de novembro celebrouse a II Mostra de Teatro Escolar Olimpio Arca Caldas, organizadas pola A. C. Vagalumes. Canda elas organizouse unha xornada arredor da figura de Olimpio como estudoso e promotor do entroido da Ulla. Agora que se achegan estas festas quixen recuperar esta conferencia do mestre D. Olimpio sobre o tema. 

venres, 24 de novembro de 2017

"O libro dos porcos" e a clausura da II Mostra de teatro Olimpio Arca



O libro dos porcos foi a representación teatral coa que o CEIP do Foxo participou no II Mosta de teatro escolar Olimpio Arca. Tal e como anunciaramos esta mostra desenvolveuse os días 22 e 23 de novembro. Como pasa sempre, un vídeo non permite disfrutar nin do ambiente nin da enorme variedade de matices e emocións que transmite unha representación teatral, pero serve para difundir unha idea do que se viviu durante estas dúas xornadas no Teatro Principal da Estrada.
Tal e como dixo a filla de Olimpio ao remate destas xornadas, a actividade teatral na escola que tanto promovera o seu pai, servía para o mellor coñecemento da lingua, para enfrontarse a medos, coñecer mellor aos compañeiros, compartir viviencias, aprender a respectar e valorar o traballo dos outros, fomenta a creatividade e o traballo manual, tamén é un incentivo para o coñecemento da música e finalmente é un escaparate para a visibilización da lingua e un pulo á súa normalización.
Pais, profesores e alumnos, a comunidade escolar enteira, pode estar orgullosa da actividade realizada baixo o paraugas desta mostra, que se ben comenzou tímidamente o ano pasado, colleu folgos suficientes como para comenzar a pensar nunha terceira edición.
Velaquí a fermosa clausura do acto da II Mostra de teatro Olimpio Arca, da voz de unha das súas fillas:



Aínda que houbo máis intervencións, polo momento podemos ver as seguintes:
Contemplando unha estrela, CEIP de Figueroa
O galo e o raposo, CEIP de Figueroa
Presentación de Secundaria na II Mostra de Teatro Olimpio Arca Caldas
A min o que me gusta é o teatro, IES Manuel García Barros
O mercador de venecia. CPR N. S. de Lourdes
As avelaíñas chamadas... IES Antón Losada Diéguez
As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, IES nº 1 da Estrada

luns, 20 de novembro de 2017

Olimpio Arca: II mostra de teatro escolar e mesa sobre o entroido da Ulla


Olimpio Arca Caldas foi un apaixado do teatro escolar. Escribiu varias obras de teatro e dirixiu grupos de teatro nas escolas. Por esta razón o curso pasado a Asociación Cultural Vagalumes solicitara a colaboración dos centros da Estrada para organizar un certame de teatro homenaxeando a figura de Olimpio. O éxito e o entusiasmo desta inicitiva levou a que se organizara unha segunda edición na que se incrementou a participación, polo que houbo que dividir o certame en dúas xornadas, unha na tarde do mércores, na que participan os centros de primaria e outra na do xoves cos de secundaria.
Ademais o venres s 20:30h ,  no auditorio do MOME, haberá unha mesa sobre o entroido da Ulla e a participación de Olimpio Arca na súa difusión. Nesta mesa redonda proxectarase o video dunha entrevista inédita sobre este tema, feita a Olimpio pola ANPA do CEIP Manuel Villar Paramá de Vea.


luns, 5 de decembro de 2016

Audiobiografía de D. Olimpio



O pasado martes 29/11/16, tal e como informabamos ese mesmo día, a Asociación Cultural Vagalumes organizou un certame de teatro en homenaxe ao mestre Olimpio Arca Caldas. A xornada puido celebrarse grazas ao traballo realizado desde os centros da Estrada. A pesar de que non tiveron moito tempo para preparar os traballos que presentaron ese día o resultado foi magnífico. Isto significa que hai moito profesorado con técnicas, coñecemento e unha enorme capacidade de traballo. Un traballo que, por certo, non é recoñecido  desde a administración educativa. É tempo que non se remunera en forma algunha polo que deberiamos, polo menos, ter algunha canle de recoñecemento ao profesorado por parte dos pais dos rapaces que participan en actividades coma esta.
Non hai gravación das obras que se representaron, polo que non se poden compartir dixitalmente. Porén si que o podemos facer cunha das achegas. Olimpio Arca foi profesor e director do CEIP de Figueroa (A Estrada), e este agasallo que se presentou o pasado martes e que compartirmos aquí, traballado polos nenos de 6 anos dese colexio, é unha perla que mostra ata onde pode chegar o ronsel dun bo mestre.

xoves, 1 de decembro de 2016

O mestre Don Olimpio

por David Otero, en Tabeirós Montes:

Esencialmente e fundamentalmente foi mestre. Toda a súa actividade, facer e creación, estivo presidida pola sustantividade da educación. Non foi un simple funcionario do ensino. Viviu a educación como xeito de abrir camiños, de alumar vidas e horizontes, e establecendo na liberdade a pluralidade de referentes para conductas e actitudes que consolidan o sentir liberdade. Sempre mantivo a idea de levar consigo, a carón e nunca en fronte, a persoas, a nenas e nenos, a mozas e mozos, e non simplemente alumnado. Por iso el mesmo nesa tarefa común compartida, ensinando, aprendeu dúas veces. As mellores competencias.

martes, 29 de novembro de 2016

O teatro de Olimpio Arca


Foto da A.C. Vagalumes

Xa temos feito referencia por aquí moitas outras veces ao mestre Olimpio Arca, e nunca sobra facelo. Hai uns días o Concello de Cuntis, do que era orixinario, presentaba un libro na súa Homenaxe. O ano pasado a Asociación Cultural Vagalumes recordábao nunha xornada adicada a unha das súas grandes teimas: a recuperación e revitalización do patrimonio cultural tradicional. Este ano repítese a homenaxe, pero como Olimpio era un home multifacético, nesta xornada farase referencia a outra das actividades que, de seguro, lle levaron máis satisfación ao mestre de Couso, o treatro infantil. El foi autor de varias obras que representou co seu alumnado.
Isto foi o que levou á A. C. Vagalumes a chamar aos centros escolares da vila da Estrada para representar algunha das obras de Olimpio. O acto terá lugar no Teatro Principal da Estrada a partir das 19:00. Ao finalizaren as representacións haberá unha pequena rolda de debate sobre o teatro escolar e o seu papel dinamizador da cultura. a lingua e a aprendizaxe.

venres, 27 de novembro de 2015

Recordando a Olimpio

Este pasado xoves 25 a Asociación Cultural Vagalumes rendeu unha homenaxe a Olimpio Arca Caldas no cemiterio da Estradan recordando o aniversario do seu pasamento. O acto foi dirixido por David Otero, quen lle adicou un poema. Tamén interviñeron  o seu compañeiro Tino Regueira e o escritor Xosé Luna Sanmartín. Foi un acto sinxelo no que estiveron presentes familiares e moitos daqueles que pensamos que o seu maxisterio ten a suficiente importancia para darlle continuidade. O interese de Olimpio Arca pola lingua e a cultura galegas foi sempre xeneroso e desinteresado. Sempre tivo o ánimo disposto á colaboración con entidades como a Asociación Cultural Vagalumes. Por esta razón Vagalumes tamén fixo unha solicitude no Concello para a posta en funcionamento dun certame de teatro infantil, labor moi destacado na actividade profesional e cultural realizada por Olimpio Arca.
Finalmente hoxe, no Museo do Moble da Estrada, ás 20:30,  desenvolverase unha mesa redonda sobre outra das preocupacións do mestre Olimpio: o patrimonio da comarca. O seu inmenso traballo na nosa comarca fixo posíbel a recuperación e estudo das nosas tradicións, da nosa riqueza arqueolóxica, da historia local, etc.
Intervirán neste acto Carme Sánchez Aríns, Xosé Fuentes Alende, Heitor Picallo e Xosé Manuel Nogueira, que tocarán as diversas dimensións do traballo desenvolto por Olimpio Arca neste ámbito así como a avaliación da situación actual do patrimonio na nosa comarca e o debate sobre as proposta de actuación.


venres, 19 de decembro de 2014

Virxinia Pereira recuperada por Olimpio Arca

No ano 1999 o mestre e escritor Olimpio Arca escibía un artigo para o segundo número da revista A Estrada. Miscelánea Histórica e Cultural no que poñía en valor as figuras da nai a e a muller de Castelao. Nese artigo relátanse unha gran cantidade de vivencias e de anécdotas destas dúas mulleres. Entre outras cousas explícase como á morte de Castelao Virxinia Pereira queda nunha "espantosa soedade" polo que decide volver á Estrada co firme propósito de levar ao cemiterio desta vila os restos do seu fillo que fóra soterrado en Pontevedra. A volta desta muller á súa vila natal non foi ben acollida pola maioría dos seus conveciños.
Olimpio Arca tamén relata as circunstancias que levaron ao falecemento de Virxinia, un 23 de decembro de hai 45 anos. Por esta razón, no 45 aniversario desta morte a  Asociación Cultural “Vagalumes”, propúxose lembrar á compañeira de Castelao coa que compartiu as vicisitudes e os ideais da súa vida. Este achegamento vaise facer sobre a rocha firme do traballo de Olimpio Arca Caldas.
O vindeiro 23 de decembro ás 20:30 horas, na sala Varela Buxán do Teatro Principal da Estrada, tendo como protagonistas a Maca Arca (mestra e filla de Olimpio Arca) e a Noni Araúxo (mestra e persoa que tratou persoalmente a Virxinia Pereira), celebraremos unha  homenaxe ao polígrafo que nos vén de deixar recentemente e ao cal o noso concello en particular e toda en Galiza en xeral está en débeda polo labor de restauración da nosa historia, anovamento pedagóxico e defensa da nosa lingua.
Olimpio Arca destapou a biografía silenciada de mulleres como Virxinia que completan a nosa historia e sen as cales quedaría parcial e fragmentada a comprensión do noso pasado.
Presentarase neste acto a publicación dixital dunhas seccións da páxina Tabeirós-Montes dedicadas a Virxinia aos traballos de Olimpio Arca que irán progresivamente difundíndose a través da web.

mércores, 26 de novembro de 2014

O mestre Olimpio Arca Caldas

Olimpio Arca, falando de Ramón Verea
 no IES Pintor Colmeiro
Onte chegounos a triste noticia da morte de Olimpio Arca Caldas. Quen non saiba quen foi bastaríalle con que lese o que del contan alumnos e pais da escola de Couso (A Estrada) nesta reportaxe que lle fixeron no nº 59 de Eduga.

El sempre estaba disposto a colaborar coa Asociación Cultural Vagalumes, así que non foron poucas as ocasións nas que asistín a actos nos que participaba Olimpio Arca. Lembro presentacións de libros como éste de Carlos Mella, impartindo conferencias como ésta sobre o antroido da Ulla, ou participando en actividades sociais e culturais da que escollo como exemplo a posta en coñecemento do roteiro Castelao na Estrada. Pero o que máis gravado me quedou foi cando hai 2 anos acudira  ao IES de Silleda  a participar nun dos actos do Día da Ciencia en Galego que aquel ano tiña como figura homenaxeada ao estradense Ramón Verea, o primeiro en construir unha máquina de calcular que realizaba produtos e divisións sen ter que facer sumas reiteradas.
Olimpio Arca  escribira unha biografía sobre o inventor estradense  e elaborara unha presentación para divulgar a figura do inventor. Como mostra da súa xenerosidade, deixounos a presentación para que a puidéramos compartir na rede.
Aquela tarde en Silleda demostrou Olimpio que era un mestre excelente, tivo aos rapaces enganchados cun tema que nun principio era pouco atractivo para eles: a biografía dun periodista con coñecementos de mecánica de finais do XIX.
- A ver, quen me sabe dicir onde está Moalde? -preguntou Olimpio
Unha chea de mans se levantaron. Comenzou un barullo de explicacións. Claro que o sabían, Moalde é unha das parroquias de Silleda.
- Pois á beira de Moalde hai outra parroquia da Estrada, Curantes. De alí era Ramón Verea, en concreto do lugar de Esmorís. Hoxe no adro da Igrexa de San Miguel hai unha escultura como ésta de aquí- comentaba sinalando o busto que tiña ao seu carón.
A estratexia é simple, pero hai que ter unha profunda alma de mestre para poder facelo. Primeiro ofréceselle a oportunidade de que os alumnos nos falen de algo que saben, unha cousa coñecida. Despois, xa os ten da súa man, é o momento de que o mestre lles conte o que lles quería contar. E non o fixo só unha vez. Recuncou, e aínda con máis éxito:
- Quen é do Barcelona?
Xa podedes imaxinar un fateixo de mans erguidas e polo menos outras tantas caras de disgusto.
- E quen é do Real Madrid?
Os descontentos eguen agora victoriosos as mans, os outros protestan.
-Pois moi mal! Facedes moi mal!
Fican todos desconcertados... e expectantes.
- Todos vós -continúa Olimpio-, todos!, tiñades que ser do Feminino de Silleda
Olimpio sabía que o equipo local de fútbol sala estaba dando moito que falar por ser o único equipo feminino nunha liga de 18. Algunhas das compoñentes eran compañeiras estudaban nese mesmo instituto. O alumnado estaba sorrinte e convencido. Entón era o momento da mensaxe:
- Eu vivín un empo en Barcelona e alí ninguén falaba do Deportivo nin do Celta. Estaban orgullosos do seu!
Ese día o meu alumnado de Silleda si que aprendeu cousas. Aprendeu que nos roubaran a historia, "os galegos descoñecemos a nosa historia e así non nos pode ir ben. En todas as escolas fálase do submarino de Isaac Peral que hoxe é o buque insignia de Cartaxena. Todos os libros de texto falan do autoxiro de Juan de la Cierva. Dá a impresión de que os galegos non somos quen de inventar nada. Non é así! O que pasa é que se nos escondeu a impresionante figura de Ramón Verea."
-Sabe alguén onde queda Bermés?
Claro que había alguén que sabía: "De alí é meu tío". O resto xa se pode imaxinar; continúa o mestre: "de alí era tamén Xosé Rodríguez, o matemático que estuda en París e realiza diversos traballos de carácter internacional como a medición do globo terrestre. Rodríguez foi profesor de Domingo Fontán, o xeógrafo de Portas, o que fixo o mapa de Galicia. É unha mágoa que estes científicos, tan importantes, nos resulten completamente descoñecidos". Aínda que a desculpa era falar de Ramón Verea, naquela xornada de outono Olimpio o que fixo foi reforzar o orgullo polo propio dos rapaces de Silleda.
Ao día seguinte cando volvín á aula, o primeiro que me preguntaron foi cando volvía o mestre D. Olimpio para darlles clase. É moi difícil ser bo profesor. E el érao.

mércores, 20 de febreiro de 2013

A conferencia de Olimpio Arca sobre Ramón Verea


O pasado mes de novembro, como unha máis das actividades arredor do Día da Ciencia en Galego  no IES Pintor Colmeiro, Olimpio Arca Caldas, autor da máis completa biografía de Ramón Verea ( inventor da primeira máquina de calcular que realizaba os produtos directamente alá polo ano 1878)
Olimpio lémbranos que debemos recuperar a nosa historia. Os libros de texto falan de Isaac Peral como inventor do submarino, de Juan de la Cierva como inventor do autoxiro. Porén non falan de José Rodríguez, o matemático de Bermés, nin de Domingo Fontán, o xeógrafo de Portas, ou como é o caso que nos ocupa, de Ramón Verea, quen fixo un dos avances máis importantes na historia do cálculo.

A conferencia
O mestre Olimpio Arca Caldas ilustrounos co seu profundo saber sobre o inventor galego e explicounos que o seu obxectivo fundamental era dar a coñecer a historia que nos roubaron para que non teñamos orgullo de nós mesmos. Por iso deixounos para que compartísemos a presentación que nos ofreceu xunto coas súas notas.



Reitero o agradecemento do Equipo de Normalización do IES Pintor Colmeiro a Olimpio Arca por permitir que comunidade internauta poida coñecer de quen  máis sabe sobre Ramón Verea a biografía deste inventor.
A seguir o relatorio desta presentación.


Presentación da biografía de Ramón Verea, por Olimpio Arca Caldas

1. Único retrato que coñecemos do estradense Ramón silvestre Verea García, home de mentalidade renacentista, orgulloso sempre e en todas as esferas da sociedade, da súa nacionalidade española e defensor a ultranza do labor de España no mundo.
Prestixioso escritor e inventor esquecido nas enciclopedias e nos libros de texto durante moitos anos, o meso que outros científicos galegos. As primeiras novas que tiven de Ramón Verea pertencen á prestixiosa revista “La Ilustración gallega y asturiana”. Buscaba eu máis datos acerca da persoa de Bernardo Rodríguez, outro emigrante estradense que desempeñou en Arxentina o cargo de bibliotecario na Universidade de Bos Aires.
Antes de entrar na extraordinaria e fecunda biografía de Verea,  paréceme importante coñecer os vieiros que me levaron a saber da súa apaixoada vida. Na devandita revista “La Ilustración” comentaba un anaco da súa vida o biógrafo Pérez Morris e, consultado o Espasa, comprobei que nacera na parroquia de Curantes.
O seguinte paso levoume aos cemiterios desa parroquia, coa esperanza de atopar nas lápidas dos panteóns posibles familias de Verea. Non había ningunha, en troques, aparecían moitos Brea. Comprendín que a ausencia do apelido Verea estaría motivada polas inscircións que os casteláns fixeran nos libros do resitro civil creado no 1870, así os Meixide pasaran a Meijide, os Texo a Tejo, os Docampo a Campos.
No Museo de Pontevedra atopo os dous volumes da colección da súa gran revista “El Progreso”, fonte segura de documentos autobiográficos para coñecer vida e escritos do noso personaxe. Estes volumes foran doados no seu día oa Museo Provincial por Pedro Trapote, único axente da revista en Pontevedra.
                Logo desta sinxela introdución, analizarei a vida e obra de Ramón Verea como escritor e inventor. Nace Verea o día 11 de decembro do 1833 na parroquia de San Miguel de Curantes, xurisdición
de Tabeirós, incorporada máis tarde ao concello da Estrada.
                No libro sacramental número 3, folio 140, do arquivo da devandita fegresía atópase a inscrición do bautizo do neno Ramón Silvestre Verea García. Oficia este sacramento, coa licencia experesa do párroco Miguel Silvestre de Lago, o presbítero Francisco Porto y Vila, tío avó do neófito. Medra Ramón no seo dunha familia labrega acomodada e, orientado no apecto cultural e relixioso polo Parente crego.

sábado, 3 de novembro de 2012

Recursos sobre Ramón Verea e a súa calculadora


No ano 2010 realizáronse unhas xornadas de divulgación da figura de Ramón Silvestre Verea García n´A Estrada. A Asociación Cultural Vagalumes gravou algunha das conferencias impartidas. Para que a lembranza de Ramón Verea perdurase encargouse unha escultura da que deixamos aquí unha imaxe recollida da Galipedia. Tamén se presentou unha biografía, que vén sendo o mellor material para achegármonos á figura deste inventor e periodista da segunda metade do XIX.
Xunto con todo este material hai moitos outros máis recursos que nos achegan ao perfil dun librepensador que foi quen de inventar unha máquina que por primeira vez na historia podía facer produtos sen ter que realizar unha serie de sumas sucesivas.

  • Ramón Verea. Inventor estradense, libro de Olimpio Arca Caldas. Editado por galeguizargalicia.com. Descargar o pdf
  • Ramón Verea García por Olimpio Arca Caldas, vídeo da A. C. Vagalumes coa conferencia impartida polo mestre Olimpio Arca no Recreo Cultural d´A Estrada o 23 de abril de 2010
  • Ramón Verea García en Curantes, vídeo da A. C. Vagalumes coa conferencia impartida polo historiador Ricardo Gurriarán
  • Ramón Silvestre Verea, traballo do escultor Molares, por encargo do Foro Enrique Peinador e o Concello da Estrada, para a homenaxe do escritor e inventor de Curantes.
Biografías e artigos sobre Ramón Verea e a súa calculadora:

    Para situar históricamente o dispositivo mecánico que inventou Verea tamén podemos consultar:
    • Verea Direct Multiplier, referencia da calculadora multiplicadora de Verea no museo da IBM. Neste apartado 'Antique artefacts' ([1], [2] e [3]) podemos situar históricamente o invento de Verea.
    • Timeline of computing hardware 2400 BC–1949, liña de temporal na que situar o invento de Verea, da Wikipedia

sábado, 27 de outubro de 2012

Ramón Verea por Olimpio Arca


Ramón Verea García por Olimpio Arca Caldas from A.C. Vagalumes

O Día da Ciencia en Galego ten como principal obxectivo denunciar a exclusión do uso do galego do ensino das materias científicas. Esta exclusión foi levada a cabo pola Xunta mediante un decreto, o 79/2010, que constitúe o maior ataque á normalización lingüística acometido polo goberno de Núñez Feijóo.
Cada ano escóllese un científico galego para poñer en valor  figuras, normalmente descoñecidas, que teñen feito aportacións importantes no desenvolvemento da ciencia e a tecnoloxía. Nesta edición escolleuse a Ramón Silvestre Verea García (1866-1899) destacando a invención do primeiro mecanismo multiplicativo na historia das maquinas calculadoras.
Quen máis estudou e fixo por divulgar a obra deste inventor foi o mestre Olimpio Arca Caldas, autor dunha biografía sobre Verea desde a que se nos ofrece a aportación máis completa que podemos atopar ata o momento. Así o podemos comprobar tamén nesta conferencia que Olimpio Arca impartiu no Recreo Cultural d´A Estrada.
Nunca poderemos agradecer na medida en que o merecen, traballadores pola cultura como Olimpio Arca, sen o que a figura de Ramón Verea ficaría completamente esquecida. Como pagar a asociacións como a A.C. Vagalumes que é todo un referente cultural nas terras estradenses pol seu traballo de recuperación e divulgación do coñecemento xurdido na nosa terra?. Pola contra, que lle temos que agradecer á secretaría xeral de política lingüística (SXPL)? O ano pasado sacou un comunicado de apoio ao Día da Ciencia en Galego, e o apoio ficou só niso... e en manter e continuar defendendo un decreto moi agresivo contra o uso do galego no ensino.

mércores, 8 de agosto de 2012

A calculadora de Ramón Verea

Como profesor de matemáticas, en moitas ocasións teño que explicar o funcionamento de determinadas funcións dunha calculadora. Neses casos non podo deixar de lembrar a figura de Ramón Verea. Como teño a certeza de que é un descoñecido vou deixar aquí algúns apuntes sobre quen foi ese home.

Nun acto celebrado en novembro do 2009 e organizado polo Foro Enrique Peinador ([1], [2]), homenaxeouse a Ramón Silvestre Verea García, natural da parroquia de Curantes (A Estrada) do que se destacaba o mérito de ser o inventor da calculadora. Despois do descubrimento dun busto realizado polo escultor Manuel Molares interveñen o historiador Ricardo Gurriarán e o mestre Olimpio Arca Caldas, autor do libro Ramón Verea.




Para sermos máis precisos convén matizar o título que se lle asigna en moitos lugares a Ramón Verea como o de ser o inventor da calculadora. Non hai ningunha persoa á que se lle poida atribuir en exclusiva este invento. Os precursores xurdiron no XVII. Un deles foi o reloxo calculador de Wilhem Schikcard,, outros foron os  artefactos dos  ilustres matemáticos Leibniz e Pascal: a máquina artimética do primeiro e a pascalina do segundo.  No XIX patentaríanse moitas máquinas de calcular e faríanse importantes aportacións ao desenvolvemento da tecnoloxía do cálculo. Unha delas viría de Ramón Verea. Concretamente o seu invento, patentado no 1878 ten o mérito de poder realizar produtos directamente pois ata o momento realizábanse mediante unha repetición de sumas. Segundo as palabras do propio Verea:
A miña máquina, ademais de sumar e restar, multiplica e divide polo sistema abreviado que usamos, coa vantaxe de multiplicar todo o multiplicando á vez por cada número do multiplicador
Reivindicar a este noso veciño é tamén reafirmarse no orgullo do propio, do noso. Ramón Verea, un veciño da parroquia estradense de Curantes, mestre e redactor dun xornal, director doutro, escritor, tradutor, inventor e empresario, actividades que realiza en Cuba, Estados Unidos, Guatemala e finalmente Arxentina, onde morre no 1899.
Se un profesor de matemáticas coma min, quixera aproveitar a figura e a proximidade de Verea para facer agromar ese orgullo aparellado á reafirmación da lingua de noso, tería un serio problema pois para facelo deberá enfrentarse aos ditames da Consellería de Educación. Creo que non hai que volver a recordar os funestos mandatos do decreto 79/20120, o chamado decreto do plurilingüismo que prohíbe, entre outras,  as clases de matemáticas en galego. E aínda Valentín García, o secretario xeral de política lingüística é quen de dicir que os decretos non son importantes. Pois na súa mesma lóxica tampouco importará cambiar un por outro e por comenzar a facer algo (non se sabe de nada que fixera ata o día de hoxe), Valentín García, que asistiu ás xornadas correspondentes ao acto do vídeo, podía promover a normalización das matemáticas no ensino por medio da descoñecida figura de Ramón Verea.

mércores, 17 de novembro de 2010

Olimpio Arca, o mestre de Couso

Os que traballamos nisto do ensino non temos outra alternativa que aprender o oficio ollando para aqueles que o fixeron con excelencia e con especial coidado do idioma e a cultura propios. Así o fixo Olimpio Arca Caldas, a quen o pasado día 11 lle entregaban un dos premios San Martiño deste ano.
Os alumnos de Olimpio recibiron doses de orgullo no propio en tempos ben complicados para o poder facer. Así, alén de impartir aulas en galego, achegáballe aos rapaces o coñecemento daqueles que, aínda que non aparecían nos libros, serían os puntos cardinais das mellor historia que se lle pode ensinar aos rapaces. Da man de Olimpio os nenos da Estrada aprenderon quen foron Domingo Fontán, Ramón María Aller, o veciño García Barros, ou o estradense precursor da calculadora, Ramón Verea.
Na Revista Galega do Ensino tiveron a boa idea de adicarlle un merecido espazo no seu último número. Ao ler este artigo comprobamos que Olimpio non recibiu o seu mellor premio o pasado día 11, pois a verdadeira honra recíbea a cotío ao saber que os seus alumnos de onte lembran hoxe as súas leccións con cariño , admiración e agradecemento.
Para completar o post, recollo aquí unha súa conferencia, impartida o pasado 23/04/2010 no Recreo Cultural da Estrada, na que diserta precisamente sobre Ramón Verea.

Ramón Verea García por Olimpio Arca Caldas from A.C. Vagalumes on Vimeo.