Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 27 de novembro de 2015

Recordando a Olimpio

Este pasado xoves 25 a Asociación Cultural Vagalumes rendeu unha homenaxe a Olimpio Arca Caldas no cemiterio da Estradan recordando o aniversario do seu pasamento. O acto foi dirixido por David Otero, quen lle adicou un poema. Tamén interviñeron  o seu compañeiro Tino Regueira e o escritor Xosé Luna Sanmartín. Foi un acto sinxelo no que estiveron presentes familiares e moitos daqueles que pensamos que o seu maxisterio ten a suficiente importancia para darlle continuidade. O interese de Olimpio Arca pola lingua e a cultura galegas foi sempre xeneroso e desinteresado. Sempre tivo o ánimo disposto á colaboración con entidades como a Asociación Cultural Vagalumes. Por esta razón Vagalumes tamén fixo unha solicitude no Concello para a posta en funcionamento dun certame de teatro infantil, labor moi destacado na actividade profesional e cultural realizada por Olimpio Arca.
Finalmente hoxe, no Museo do Moble da Estrada, ás 20:30,  desenvolverase unha mesa redonda sobre outra das preocupacións do mestre Olimpio: o patrimonio da comarca. O seu inmenso traballo na nosa comarca fixo posíbel a recuperación e estudo das nosas tradicións, da nosa riqueza arqueolóxica, da historia local, etc.
Intervirán neste acto Carme Sánchez Aríns, Xosé Fuentes Alende, Heitor Picallo e Xosé Manuel Nogueira, que tocarán as diversas dimensións do traballo desenvolto por Olimpio Arca neste ámbito así como a avaliación da situación actual do patrimonio na nosa comarca e o debate sobre as proposta de actuación.


Ningún comentario:

Publicar un comentario