Era verán na casa de Curros, Celanova, e nos nosos corazóns. Alí estaba tamén Neira Vilas, saudando a itinerancia da exposición Nazón de Breogán, como un farrapo máis da néboa da nosa historia. Falamos, comenteille que xuntaba exemplares de Memorias dun neno labrego en todos os idiomas nos que foi editado e que xa tiña uns poucos. Asinoume o exemplar que levaba nas maos. E cada un perdeuse entre as sombras do país. Eu máis feliz.
Non o volvín ver. Pero contactamos de novo. Cometín a imprudencia de pedirlle unha colaboración para TCD, a revista en liña que tecíamos nas Redes Escarlata. El estaba canso e só atendía contadísimas peticións. Así mo dixo por teléfono. Aínda falamos algo máis. Convidoume a visitalo na súa casa. Pero ese día nunca se concretou. Quedou ao letargo da néboa, como os lugares imaxinarios que gardan o maior tesouro.
Antes houbo outra conexión. Se cadra a máis importante para min. Foi nos anos do instituto. O salón de actos estaba ateigado para oír a Anisia Miranda e a Xosé Neira Vilas. Aproveitaran unha visita a Galicia para traérennolos. E alí estaba, frente a nós, o mito bicéfalo. Da tremoia a memoria, interesada, recorda sobre todo a iluminación perfecta sobre a mesa dos relatores. Poderíamos falar de aura, pero os labradores nunca tivemos diso. A cada lado da mesa, sentados nas escaleiras que soben ao escenario, xornalistas. Foron estes quen coutaron para si o turno de preguntas. Eu non sabería que preguntar, un nunca sabe que preguntarlle aos mitos. Para iso están as súas obras.
Non recordo moito da disertación pero aquel día aprendín que era o orgullo. O orgullo dos pobres. Un xornalista foi quen deu pé. "Perdone pero me voy a dirigir a usted en castellano..." Isto foi todo o que dixo. "E por que?", case ao unísono Neira e Anisia. O que veu despois foi a definición non só de dignidade. Un auditorio enteiro de mozas e mozos de quince e máis anos saímos cheas de Nós. Hai palabras que cavan pozos e palabras que elevan montañas. De haber daquela móbiles con capacidade para gravar vídeos e redes sociais, hoxe o idioma estaría mellor.
Alguén rompeu o dique que contiña a néboa. Avanza sobre o idioma e ás veces permite ver mellor. Neira marchou na compaña de toda a Alba de groria.
Que a terra lle sexa leve.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
luns, 30 de novembro de 2015
Tres contactos con Neira Vilas e a néboa
por Xosé Antón Laxe Martiñán, nas Voces de ProLingua:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario