Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 5 de novembro de 2015

O efecto Gadis

por Marcelino Fernández Mallo, no Galicia Confidencial:

Gadis presenta novo anuncio, unha sorte de acontecemento no país. Coincide a súa emisión co peche das negociacións fallidas para unha candidatura unitaria galega ao Congreso. Algo terá que ver.

Decenas de miles de descargas conseguen os anuncios de Gadis. Unhas veces máis épicos, outros tirando cara ó lirismo, cada peza destas remove as conciencias latentes dos galegos que por un momento saborean o orgullo de sentirse tales.

Hei dicilo claramente: non me gustan nada os anuncios de Gadis. Na miña opinión, apelan ao mero valor do anecdótico, ao rancio sentimento do tópico e á difusa pegada do folclórico. O seu efecto é pura burbulla, proveitoso unicamente para a marca e a axencia de publicidade.

Cando entras nos supermercados de Gadis, a lingua galega dos anuncios non aparece por ningures. A sinalética amósase en castelán, os artigos expóñense en castelán, mesmo os cartaces publicitarios preséntase en castelán. E que orixe diriades que se indica nos produtos galegos? Pois “Origen ESPAÑA”, como ten que ser. “Presumamos como galegos” di a publicidade, non é?

Por mor dalgunha neurona argalleira, deume en asociar o anuncio de Gadis ao fracaso no intento de articular unha candidatura unitaria galega ante as vindeiras eleccións xerais. A estas alturas, xa nin sei de quen é a culpa. Posiblemente haxa que repartila en doses semellantes. Si sei que hai culpa a cal debe identificarse coa falta de sentimento real de país.

Coido que somos moitos os galegos, case tanto coma os que descargan os vídeos de Gadis, que estamos fartos das grandes proclamas de galeguidade, desas afirmacións segundo as cales Galicia sería a única razón que os move. Porque resultan afirmacións tan falsas coma os populares anuncios. Porque a galeguidade haina que demostrar cos feitos.

A quen beneficia a falta de acordo? Pois ao PP principalmente, que alenta tranquilo ao ver como se eslúe o que podería constituír unha ameaza seria para a súa hexemonía; e ao PSOE que respira aliviado ante o que sería unha nova fenda pola que voarían previsiblemente un bo feixe de votos; e para os partidos en xeral de raigame madrileña para os cales calquera presenza “periférica” non deixa de ser un encordio; e mesmo para os medios afíns ao réxime que dispoñen de munición potente para a súa campaña de acoso e derrubo. Beneficia, en resumo, ao conxunto de forzas interesadas en manter en Galicia o statu quo de resignación e derrota.

“Votemos como galegos”, propuxen como lema hai uns anos a un deses partidos. A día de hoxe, nin sei o que tal podería significar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario