Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 28 de novembro de 2015

"A todos os nenos que falan galego"

"A todos os nenos que falan galego", ésta é a dedicatoria de Memorias dun neno labrego, unha dedicatoria que nos amosa o compromiso que Neira Vilas tivo coa lingua, e que mantivo ata o día de onte. O mellor era que cada vez que acudía a un centro escolar, facía explícito ese compromiso e chuzaba á rapazada a implicarse coa lingua.
Esta foto, tomada na visita que Neira Vilas fixera ao IES Pintor Colmeiro, explica gráficamente cal foi o seu labor e a súa obsesión: a de ser un transmisor do amor á  nosa lingua.
Recollo algunha das frases daquela ocasión:

"temos lingua propia. Mirade vós, os norteamericanos, sendo tan importantes, non teñen unha lingua propia. Falan unha lingua traída doutro lugar, de Inglaterra"
"O galego é o idioma, fillo do latín, máis importante do mundo, xunto co castelán. Fálano millóns de persoas, En Mozambique, Angola, Portugal, Brasil...".
 "no Brasil, que ten unha extensión que é 3 veces a de Europa falan galego"
 "Cándido Pazó levou por todas partes unha obra de teatro sobre o meu libro, as Memorias das memorias dun neno labrego e foi a Brasil. El intentou facer a obra en brasileiro e alí dixéronlle que non, que o fixera en galego. que se lle entendía perfectamente"

 "Eu escríbome con xente de Cuba, da Arxentina, de Bulgaria, mesmo do Xapón ou da China. Con todos o fago en galego. E despois hai algunha xentiña por aquí que non quer usalo e que di que lle é difícil [...]. Tamén manteño correspondencia con filólogos de Suecia, Noruega, de centroeuropa, interesados no galego. Se hai xente de tan lonxe que estuda o galego por algo será."
"Memorias dun neno labrego foi traducido a 16 idiomas. Cando se poñían en contacto conmigo para tratar sobre as condicións da edición eu só lles pedía unha cousa: que incluíran un texto presentando a obra o no que se indicara que foi escrita en galego, unha lingua do suroeste atlántico europeo"
"O castelán era a lingua do colexio e isto xenerou moitos prexuízos"

 Especialmente revelador é este maxisterio nos días nos que A Mesa nos informa que os colexios de infantil teñen máis materiais en inglés que en galego. Hai cinco anos este estudo da Mesa parecería de ciencia ficción, por iso, conviña non podemos tomar a risa a posibilidade que nun futuro próximo vexamos como nos andeis das bibliotecas escolares se substitúe o best seller galego por  Memoirs of a peasant boy

Palabras de Neira Vilas, para Neira Vilas
Non se me ocorren mellores palabras no pasamento de Neira Vilas que as que el mesmo lle adicou a Díaz Pardo polo seu falecemento:

Aquí estamos os que amamos a Galicia, que levamos dentro este fondo sentimento de patria, de raíz e destino, ó tempo que nos achegamos a outras patrias e somos tolerantes e solidarios con outros pobos. Así eras ti e así nos ensinaches a ser e a sentir. Tés máis discípulos dos que coidabas ter e moitos seguidores dos que nunca soubeches.
Aquí estamos os que pensamos que a morte non é tal no teu caso, porque vivirás para sempore en nós, nos nosos corazóns e na nosa lembranza. Vivirás porque tal foi a túa enteireza ó longo da existencia que te sobrepuxeches a contratempos, reveses, traicións, paus e pedras que che facían dicir que “cando aparecen os egoísmos o ser humano pervírtese”. Moitos de nós escoitámosche esa frase chea de verdade.
Aquí estamos os que tratamos de seguir o teu exemplo, ese herdo que nos deixaches de conduta, de ética, de humildade, de servizo ó teu país, de compromiso e xenerosidade. Procuraremos imitarte, procuraremos seguirte, modelo para sempre, paradigma anticipado do home que terá de vir, do home, do ser humano do futuro. A túa creatividade, a túa intelixencia excepcional, a túa inimitable capacidade de traballo sempre foron para todos nós un rumbo, un norte, pero moito máis por iren acompañadas de grandes virtudes e da calidade humana que había en ti.
Os que aquí estamos, e moitos máis que non puideron estar, continuaremos a túa obra, e se eso, polas súas dimensións, non fose posible, seguiremos cando menos o teu comportamento modélico, a túa filosofía da existencia.
Aspiramos a que os máis novos, nenas e nenos, adolescentes e xoves de hoxe sexan coma ti.

Ningún comentario:

Publicar un comentario