por Xurxo Martínez González, no Praza:
As actividades recollidas no programa Vigo, en galego, organizadas polo Servizo de Normalización, teñen atopado unha boa recepción entre a sociedade viguesa. Neste mesmo verán, os contacontos que se organizaron en barrios como Navia ou O Calvario contaron coa asistencia de cativos e cativas desexosas de escoitar relatos fantásticos e observar a xestualidade do teatro. Unha forma de familiarizar as crianzas cun idioma de seu pero pouco escoitado na casa ou na escola, e cada vez menos escoitado nos avós e avoas, vetustos redutos da fala nosa.
Esta acción sociolingüística acompáñase doutras ofertas, para distintos tramos de idade e para distintos gustos: dende roteiros até foliadas, dende campaña nos comercios até a toponimia, dende os actos en centros educativos (conferencias, obradoiros, visitas pedagóxicas…) até os actos realizados na conmemoración do 150 aniversario de Cantares Gallegos, de Rosalía.
O programa, como dixemos, conta coa simpatía dunha cidade que amosa unha actitude moi positiva cara ao idioma, malia ser un dos epicentros da pasada galegofobia, amosada entón como unha arma electoral hoxe agochada baixo chave. En todo caso, o pobo vigués amosouse receptivo e empático coas iniciativas a prol da normalización lingüística.
Por todo isto, a proposta de redución de case 50.000 € dos orzamentos do Concello de Vigo destinados á normalización lingüística non se xustifica de ningún xeito. Non introducimos nos datos desta redución aquelas partidas incluídas nos gastos de Alcaldía con destino á publicidade e promoción da lingua (que acada a cifra de 32.000 €) no canto de poñer esta cantidade a disposición do servizo correspondente ou, canto menos, en colaboración co mesmo.
As proclamas do Goberno local sobre a saúde e boa andanza do erario público ausenta o motivo económico do argumentario a prol deste recorte. Ningún membro do Goberno pode defender con solidez este zarpazo nin alegar motivos de “crise” para semellante actuación. Este machadazo non ten precedentes. Nin tan sequera cando gobernaba a alcaldesa de “flores e macetas”, tan afín ás teses glotofáxicas.
Acaso mellorou a situación do galego deica o punto de poder prescindir ou limitar as políticas que fomenten o uso e presenza do idioma? Acaso supón un atranco ou ofensa para alguén pular por esta lingua? Pola contra, segundo a nosa opinión, supón educar a un pobo na cultura, na diversidade, no plurilingüismo, no respecto e no coñecemento de quen somos. O recorte presentado nos orzamentos dificulta o traballo de normalización limitando, con notorio incremento, os proxectos.
A cidade de Vigo presenta unha frutífera e feliz relación coa nosa cultura dende, cando menos, o espertar definitivo que supuxo para o Rexurdimento a publicación da principal obra rosaliana na rúa Real, no obradoiro de Juan Compañel. A isto cómpre sumar a publicación do xornal La Oliva-El Miño (1856-1873) e o Álbum de El Miño (1858), colectánea dos autores centrais daquel período. Logo viñeron máis prensa comprometida coa nosa arte (La Concordia, Galicia, El Pueblo Gallego ou a última xeira d´A Nosa Terra), a publicación de libros de autores galegos (Francisco Añón, Rafael Dieste, Álvaro Cunqueiro, Ferrín ou Ledicia Costas), a instalación das empresas editoriais (entre elas as dúas que máis volume de produción teñen na actualidade, Galaxia e Xerais), as iniciativas socioculturais de base (pensemos na Asociación Cultural de Vigo no tardofranquismo, Rompente ou o Colectivo Poetas das Hostia) etc.
Agardamos que a actual concelleira de normalización, a actriz Uxía Blanco (quen, por certo, protagonizou o primeiro filme en galego, Sempre Xonxa) actúe e faga valer o seu compromiso co idioma. Fáisenos difícil atopar razóns firmes e aceptar explicacións ante este afuracado. Mais a concelleira, quen ten amosado publicamente en anteriores ocasións a súa aposta polo galego, pode pasar á historia local (no que se refire ao fomento da lingua galega) como a responsable do maior zarpazo ao idioma acontecido en Vigo. Degoiramos que sitúe a súa voz entre os seus, obrigue á reflexión conxunta e que se faga valer ante o alcalde e o grupo de Goberno senón, para que está aí?
Por último, a intelectualidade viguesa tamén debe pronunciarse publicamente ante a Corporación e o seu presidente. As persoas ligadas á cultura galega deben rexistrar a súa queixa e demandar unha política de respecto e recoñecemento do idioma galego que vai na dirección contraria ao recorte por imposición de maiorías absolutas. O silencio serve para acompañar os mortos no velorio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario