Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 19 de novembro de 2015

Carta ao Sr. Gómez Besteiro

Carta de ProLingua ao Secretario Xeral do PSdeG-PSOE sobre o caso do concello de Cee:

Sr. Gómez Besteiro, Secretario Xeral do PSdeG-PSOE:
Desde ProLingua –asociación apartidaria e plural na defensa da lingua galega– queremos manifestarlle a nosa fonda preocupación pola incomprensible actitude dos concelleiros do PSdeG-PSOE do Concello de Cee, que, polo que di a prensa, no pleno do pasado 5 de novembro buscaron a complicidade e axuda dun coñecido grupúsculo de manifesta hostilidade cara ó galego para impedir a aprobación dunha ordenanza municipal que pretendía que Cee se sumase á lista de concellos co galego como lingua prioritaria.
Sorprendeunos negativamente que edís do Partido Socialista non só se aliasen con organizacións galegófobas, senón que mesmo fosen eles os promotores principais dunha denuncia ante o suposto incumprimento da legalidade. É ben sabido que o grupúsculo negacionista ó que facemos referencia aproveita calquera oportunidade para denunciar hipocritamente a suposta “imposición del gallego” e chegou a manchar a palabra normalización, como se significase agresión a quen non ten o galego como lingua habitual, á vez que ergueu o falso concepto de liberdade, que entende como dereito a non falar nunca –e mesmo a ignorar‒ a lingua propia de Galicia.
Ata agora pensabamos que o PSdeG-PSOE mantiña no seu programa a nítida defensa do idioma propio de Galicia, fronte ó ataque que de maneira vergonzosa abandeirou o Sr. Núñez Feijoo nada máis entrar a gobernar, un presidente que pasará á historia por ser o primeiro que lexislou contra a lingua do seu país, obrigado como estaba (e está) a defendela.
Por todo o exposto, temos a ben solicitar de Vde. que desautorice publicamente a lamentable iniciativa destes concelleiros do seu partido para que deixen de poñer máis atrancos dos que xa hai a unhas medidas mínimas para a normalización do uso do noso idioma na vida municipal; medidas que para nada prexudican o status do castelán, e niso foi ben claro o propio alcalde, o independente Ramón Vigo Sambade, quen, salientando a súa condición de castelanfalante, non atopaba problema ningún con esa ordenanza, pois con ela o que se facía era “darlle formalidade” ó que xa se viña facendo na práctica.
Sen outro particular, reciba un atento saúdo
ProLingua, 16 de novembro de 2015.

Ningún comentario:

Publicar un comentario