A pasada noite fóisenos o amigo e admirado Xosé Neira Vilas. Bo e xeneroso, dos imprescindíbeis. Agora alá onde estea compartirá mesa e cadeira con Rosalía, Otero Pedrayo ou Castelao. Xa forma parte da tradición. Dos que ergueron un país desde a distancia cando aquí só había medo e morte, dos que puxeron Galicia ás costas e construíron, con orgullo, unha lingua de futuro, e unha terra na que vivir con dignidade. Neira Vilas púxolle voz aos silenciados, aos asasinados pola xenreira e o desprezo, aos homes e mulleres do noso rural, os que foron obrigados a ir á guerra e os que non tiveron máis opción que a emigración. Tantas veces esquecidos, tantas veces ocultados.Foi un galego de sentimento e de nación. O noso embaixador cando eramos terra comesta polos lobos. Desde a súa editorial e distribuidora de libros galegos en Buenos Aires con Anisia Miranda, Follas Novas e a súa militancia nas Mocedades Galeguistas; os seus anos en Cuba da man de Alejo Carpentier, Nicolás Guillén ou do propio Che Guevara onde, nas súas palabras, "deprendín e exercín fraternalmente a modestia, a solidariedade e o internacionalismo"; até o Neira incansábel dos últimos anos, percorrendo o país de arriba a abaixo desde o seu Gres natal, terra de insuas sobre o Ulla, coa forza necesaria de quen sabe que o país só se ergue co alento das palabras.E a súa semente prendeu, non podía ser doutro xeito. Hai persoas que non marchan nunca, o seu exemplo é hoxe unha luz no camiño, un guieiro. Balbino reside xa na nosa memoria colectiva e Neira Vilas, como diciamos ao comezo, é xa parte da tradición. Esa que vén do pasado e que, como unha enxurrada necesaria, nos permite soñar cun futuro máis noso.Grazas Neira, estarás sempre con nós.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
luns, 30 de novembro de 2015
A semente prendeu, amigo Neira Vilas
Comunicado de ProLingua ante a morte de Xosé Neira Vilas:
Etiquetas:
obituario,
Prolingua,
Xosé Neira Vilas
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario