Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 30 de decembro de 2011

Unha felicitación para o 2012 desde Ponteceso



Cando un ve vídeo coma éste, realizado polo profesorado do IES de Ponteceso,  pode enxergar tamén o plus de calidade que ese mesmo profesorado aplica nas súas clases. Diariamente, caladiñamente.
Neste relato visual explícase magníficamente en que consiste o cerne da educación. Os xestos que os nosos alumnos teñan nun futuro son os xestos que están a aprendendo agora. Por iso é tan importante que desmontemos os prexuízos que hoxe levan nas súas mochilas, para que poidan vivir no respecto polo alleo e, a un tempo, no orgullo do propio.
As ideas e estratexias coas que os alumnos van afrontar o seu futuro están hoxe a asentarse nas aulas. Aí reside a importancia de incorporar ás clases os valores do que queremos que sexa a sociedade do futuro. Eis que é fundamental continuar a impartirmos a aulas en galego.
Pondal fachendaría hoxe desta súa veciñanza.


xoves, 29 de decembro de 2011

“no tenemos servicio para dialectos”, nova campaña de Orange

  • “hábleme como Dios manda”
  •  “estamos en España”, 
  • “si no me habla en castellano acabamos la conversación”
  •  “no tenemos servicio para dialectos"
Segundo informa A Mesa éstas son as novas forma de trato que Orange lle dá aos usuarios galegos.
Curiosamente a SXPL failles propaganda aos desta compañía desde o portal do proxecto oteumóbilengalego, onde, mentindo, como é habitual no organismo dirixido por Anxo Lorenzo,  dan a entender  que Orange ten desde web en galego, (ulo?) ou que ofrece os seus principais servizos na lingua de noso (ulo?, outra vez).

Desgaleguización

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:

Aínda nos finais do século XIX o idioma galego, na súa forma oral, era utilizado practicamente por toda a poboación do “noso bon país”, aquel país das “frondosas carballeiras” que fan “doce o vivir”, tal como cantou Rosalía de Castro. Mais non tardou en se formar no horizonte, aos poucos máis grisallo, como unha arañeira cega, a primeira vaga climática da desgaleguizaciónlingüística. A Galiza moderna comezaba a incorporar funcionarios de toda condición, establecíanse as chamadas profesións liberais e, sobre todo nas cidades, o castelán —única lingua oficial daquela— irá ocupando terreo, no ensino, na ideoloxía e na economía, como unha mancha de aceite a impor co seu avance unha lenta substitución do idioma propio por aquel que vén, como o seu nome indica, da nova Castela tan querida por Antonio de Nebrija. Manuel Curros Enríquez, á altura do ano 1886, viu no castelán un “idioma estraño”; traído, madia leva, pola nobreza e o clero casteláns que viñan ocupar os mellores postos administrativos e de poder real no vello Reino dos galegos. O primeiro acto, “opus nigrum”, da desgaleguización estaba servido. O castelán pasaba a ser o idioma do poder e o galego convertíase, visto como dialecto, na lingua inferior do pobo, este na súa maioría analfabeto. E levamos, con inevitábeis trazos épicos e dramáticos sobre nós, unha historia de máis de 100 anos de desgaleguización idiomática.

mércores, 28 de decembro de 2011

Asina falamos



Para saber onde e como se fala o leonés, a produtora Armonia Films seguiu o rastro do que poden ser os seus últimos falantes.
E, como non!, no Ben falado!, o programa da TVG, adicaranlle un dos seus mini-espazos á comparación entre galego e  leonés.

Uso fraudulento do portal da Consellería de Educación

A foto, extraída do portal da Consellería de Educación, na  podemos ver aos directivos da Asociación Galega de Editores (AGE) xunto a Anxo Lorenzo, acompañaba ao seguinte titular: 'Convocadas as axudas á edición de libros de texto para favorecer a aprendizaxe en galego nas aulas'. Este emparellamento fainos pensar que os editores galegos están contentísimos de que unha xenerosa Consellería de Educación, neste caso, vía a SXPL, teña unha sensibilidade tan especial co galego para establecer unhas axudas especiais para edición de material educativo nesta lingua.
Pola contra, sería moi estraño que os editores estiveran moi contentos de que esta partida presupostaria pasara de 1 millón de euros nos últimos anos do goberno bipartito, a 501.617 €, 0 €, e, eventualmente, 300.000 € para o vindeiro ano. Para ser máis exactos, a nota de prensa da Consellería de Educación debería redactarse con algo así: 'A Xunta de Galicia reduciu nestes tres anos en 2.200.000 € as axudas á edición de material didáctico en galego'. Iso si, sempre poderían engadir, 'co fin de fomentar a aprendizaxe nesta lingua' porque cara para isto e para moito máis, si que teñen. Basta lembrar a convocatoria de marzo do 2011 foi alegremente anulada seis meses despois, razón ésta pola que a actual convocatoria é, polo momento, máis fume que realidade.
Claro que cando un se decata de que a foto non foi realizada á recepción da nova da  (re)minguada convocatoria, senón que vén dunha reunión mantida hai dúas semanas, un comenza a entender que as críticas que no seu día lle facían a Francisco Pillado de non continuar no premio Repsol por non sair na foto con Anxo Lorenzo, non só non tiñan fundamento ningún, senón que agora están demostradamente erradas.

martes, 27 de decembro de 2011

Falar. Falar cun papagaio.


NETmoviola: Falar from Ana Moreiras on Vimeo.

Este vídeo ten xa dous anos, pero non deixa de ser actual.  Sobre como nos educaron, sobre como educamos a non usar a nosa lingua. Trátase dunha curta sobre o relato homónimo de Made in Galiza
Está claro que se Séchu Sende non existira, teríamolo que inventar.
Por certo, Séchu estrea novo libro nestes días, O caçador de bruxas, e se ten contiños como éste do papagaio, ten ser todo un gusto.
Vía A beira das palabras.

luns, 26 de decembro de 2011

Eu nunca serei yo



A pesar de que é Leo i Arremecághona, non convén esquecer o til no a.
Eu son da idea de que os galegos deberíamos instaurar, no canto da Mesaxe de Juan Carlos na noiteboa, unha declaración institucional deste señor.
Daquela eu prendería o televisor.

domingo, 25 de decembro de 2011

A língua de Consuelo

por Valentim R. Fagim, en Sermos Galiza:

É comum afirmar-se que as fronteiras mais antigas da Europa são as existentes entre a Espanha e Portugal e que estas viriam a ser “quase” inalteráveis desde a idade média. Esse “quase” transparenta pequenos movimentos de fronteira que provocaram a criação de ilhas lusófonas no Reino de Espanha, algumas das quais chegaram até os nossos dias. Em 2009, três investigadores galegos, reunidos no coletivo glu-glu, decidiram visitar essas ínsulas para conversar e gravar as pessoas que ali moram e ainda falam português. Esse trabalho transformou-se num documentário, de nome Entre Línguas, que recentemente foi disponibilizado na Net.Subim ao youtube um dos vídeos que mais me impactou e que aparecem nos extras. Nele entrevistam uma mulher idosa, de nome Consuelo, e que nasceu e mora em Almedilha, província de Salamanca.

venres, 23 de decembro de 2011

O galego do Valedor do Pobo


12 faltas no web en galego do Valedor do Pobo no que se dictan as instrucións  para presentar queixas  por correo electrónico. Unha por cada 20 palabras.
*Nombre, *desea, *iterrogantes, *procedemiento, *a [contracción], *calqueira, *ustede, *instrucción, *usted, *interponer, *correspondiente
Está visto que quen despreza o que ignora, é porque tamén ignora o que despreza
Este exemplo non é máis que unha das moitas demostracións que podemos ver acotío de como o coñecemento da nosa lingua é realmente pobre. Por iso agás que consideremos que a cultura galega simplemente, sobra,  pode defender modelos de ensino que reduzan a súa presencia na escola. A idea subxacente e non declarada, por obscena, é que o galego é prescindible xa que debe ir sempre acompañado dunha tradución ao español, que é o único que realmente serve. Por suposto, o mesmo recurso-web en castelán non padece destes problemas.
O resultado é que temos un Valedor do Pobo que non sería quen de superar os estándares de coñecemento da lingua propios dun neno de 5º de primaria.
Que terá que dicir o Conselleiro de Educación a isto?

O nadal

Parece como se  nos acompañara desde sempre. Non imaxinamos un nadal sen os recursos cos que nos fornece a CGENDL. Cómpre pegarlle un repaso.

xoves, 22 de decembro de 2011

Comunicado de Nova Escola Galega sobre o caso 5.1

Comunicado de Nova Escola Galega solicitando a rectificación do Conselleiro de Educación e do Valedor do Pobo no caso da censura a un libro de texto que reproduce o artigo 5.1 do Estatuto. Outra pedriña máis para o milladoiro que está sendo o Dosier do caso do libro censurado.

2011.12.20.Comunicado_NEG_5_1

Fraseoloxía visual



Creado polo Servizo de Normalización Lingüística da USC. Para poñer diante dos ollos algunhas frases feitas co ánimo de revitalizalas.

2001

Vaites, vaites. Aos pouquiños éste ven sendo o post nº 2001. Toda unha odisea no espazo virtual.
Van alá case dous anos. O que mete medo é o que queda por diante.

mércores, 21 de decembro de 2011

O desprezo da SXPL aos Equipos de Normalización

No pasado novembro celebrouse o II Día da Ciencia en Galego, instaurado como medida de protesta contra o funesto decreto 79/2010 que pretendeu aniquilar o ensino das materias científicas na nosa lingua. Nun acto perverso a SXPL anunciou o apoio a esa xornada. Porén non se sabe de ningunha medida real de apoio, nin se ten noticia de que a SXPL nin tan siquera mandase un correo de felicitación aos organizadores. Tratouse únicamente dunha declaración mediática que pretendía acoutar e reducir o verdadeiro significado da celebración dese día. Outro tanto acaba de suceder coa presunta celebración dos 20 anos de normalización no ensino por parte da entidade que dirixe Anxo Lorenzo.
O 4 de xuño a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) celebrou o 20 aniversario da constitución dos Equipos nun acto celebrado no Museo do Pobo Galego. Máis de seis meses despois a SXPL, in extremis,  anuncia que se suma a esta celebración anunciando desde o seu penedo mediático dúas iniciativas. Unha delas consiste nunha exposición de revistas no Museo Pedagóxico de Galicia, aínda que unha semana despois deste anuncio,  no web desde Museo aínda non hai noticia ningunha deste evento (21/12/2011).
A segunda das iniciativas consiste nesta mostra virtual de 20 experiencias dinamizadoras.  Ao visitar esta lista de ligazóns quedei profundamente decepcionado, e non porque esas 20 propostas estiveran mal. Non. Non era ese o caso. Trátase dunha escolma demasiado pobre (por que 20 e non 200?) . Trátase tamén dun insulto ao enorme traballo que a diario, e desde hai 20 anos están a realizar un grupo ben importante de profesores sen recibir compensación ningunha.  Máis que unha homenaxe consiste nunha resposta ao acto organizado hai medio ano pola CGENDL. Explícome.
Como onte tiven que esperar unha hora entre avaliación e avaliación fixen esta mostra de 20 experiencias normalizadoras. Podía incluir moitas máis, pero só tiña unha hora e impúxenme manter a mesma estrutura que a da escolma da SXPL.
































Nisto consiste a homenaxe da SXPL aos equipos, nunha hora de navegación pola rede. Pero o asunto aínda    ten máis caras escuras.
Na escolma realizada pola SXPL só temos referencias a actividades recentes. Parece como se antes da era  de Anxo Lorenzo non existiran os Equipos. A pesar disto, no listado da SXPL esquéncense do feito máis importante e que máis dinamizou o labor normalizador no ensino en todo este tempo e que foi, precisamente, a constitución da CGENDL. Pregúntome que lles custaba, por exemplo, engadir unha ligazón á mellor campaña nunca realizada desde o ámbito que nos ocupa: orgullosos. A falta deste recurso indica moi claramente cales son as escuras intencións da SXPL. Pero hai máis.
Na relación de actividades dos Equipos da SXPL o maior apartado é o adicado aos audiovisuais. A pesar disto exclúen calquera referencia a SonCine que é probablemente a mellor serie de vídeos elaborados ao abeiro dun Equipo de Normalización. E podemos seguir sumando ausencias, pois tampouco hai ningunha referencia a blogues cun traballo de continuado de varios anos, como é o caso de As gabarras, Gavieira, O castelo da lúa,... Tamén se bota en falta o recoñecemento a aquelas organizacións que traballaron durante todo este tempo da man dos Equipos. Pensemos por exemplo en Nova Escola Galega ou na AS-PG, lembremos celebracións do reforzo da identidade importantes como o Correlingua. Tampouco hai referencia a profesionais que xogaron durante este tempo un papel fundamental nas achegas aos Equipos como o caso de Agustín Fernández Paz, quen si foi xustamente homanexeado no acto organizado pola CGENDL.  Nada diso está presente no que nos mostra a SXPL.
Tal é o desleixo con que se fan as cousas desde a SXPL que nun dos recursos que inclúen, o chamado 'Queique audiovisual', que é unha serie de entrevistas realizadas desde o IES Maruxa Mallo, teñen o descoido (espero que sexa descoido e non ocultamento) de non incluir a entrevista que lle fixeron a Suso de Toro. Iso si, aparecen todas as outras, incluída a feita a Jesús Vázquez Abad, o Conselleiro de Educación.

Supoño que se realmente a SXPL quixera celebrar os 20 anos de normalización dinamización,en primeiro logar debería solicitar traballos e información dos Equipos de Normalización, e despois dun traballo de recompilación ten a capacidade económica e de persoal suficiente como para elaborar e distribuir polos centros unha exposición de carteis debullando os distintos aspectos desenvolvidos polos equipos nestas dúas décadas.
Claro que o único que temos polo momento de parte da SXPL é que aínda non se fixeron todos os  ingresos correspondentes ás actividades realizadas o curso pasado e que tampouco se convocaron as correspondentes ao presente.  Unha excelente forma de celebrar a conmemoración dos 20 anos, non si?

martes, 20 de decembro de 2011

Carta da CGENDL á Presidenta do Parlamento

Carta de Valentina Formoso, coordinadora da CGENDL, á presidenta do Parlamento de Galicia solicitando o cesamento do Valedor do Pobo por incapacidade para realizar as súas funcións con obxectividade e imparcialidade.

Carta á Presidenta do Parlamento de Galicia

Que ques?



Curta sobre un conto de Made in Galiza, de Séchu Sende,  presentada no VII Festival Cineforiano de Curtametraxes. 17/12/2011 ( A Coruña) 

luns, 19 de decembro de 2011

Un programa de Efervesciencia sobre un estudo de linguas en competencia

Hai un programa semanal  de primeira na Radio Galega. Emítese ás 16:00 os sábados pola tarde, chámase Efervesciencia e está levado por Manuel Vicente. Dura unha horiña e vén sendo unha desas escasas xoias da divulgación científica en galego e que ademais está ao alcance de todos non só a través das ondas de radio senón por medio da lista de podcasts que podemos oir en calquer momento. No programa do pasado 17/12/2012 fixéronlle unha entrevista a Luís Seoane, un dos autores de varios artigos ([1], [2]) encol da supervivencia de dúas linguas en competencia xunto con Joge Mira e Ángel Paredes. Velaquí a entrevista (aproximadamente os 20 primeiros minutos do programa)



Aínda que as ecuación diferenciais que propoñen neste modelo son moi bonitas e  melloran outro estudo anterior eu sigo pensando que conviña revisar estes artigos coa contribución dun sociolingüista xa que, por exemplo, establecen a existencia dunha poboación de falantes bilingües ao mesmo nível que as outras de falantes dun par de linguas X e Y. Compría debullar moito máis o significado de "falante bilingüe" ou "poboación bilingüe" no caso de podermos atopar exemplos de tales conceptos. De todas formas o estudo realizado por estes tres investigadores galegos foi merecente de recoñecemento internacional, tal e como o desmostra a publicación dun artigo no Journal of Phisics.
Teño a impresión de que tanto á ciencia como á sociedade galega lle conviña seguir profundizando neste tema e que o mundo da cultura debería ter máis en conta as achegas que se fan desde o ámbito das ciencias. Claro que probablemente a falta de diálogo entre o mundo científico e o mundo das letras se deba fundamentalmente á falta de cultura científica do conxunto da poboación. Por iso cómpre espallar iniciativas de divulgación da ciencia do rigor, a vontade de entretenemento e a calidade con que cada semana o fan os membros de Efervesciencia.

O Valedor do Pobo e a lingua propia de Galicia. Posicionamento da CGENDL

Preciso e incontestable posicionamento da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL)ante a censura dun libro de texto polo Valedor do Pobo e o Conselleiro de Educación.
A CGENDL tamén invita aos Equipos de Normalización e, como non!, a todos nós, a enviarlle esta queixa a esta dirección do Valedor do Pobo.

Posicionamento público da CGENDL Valedor do Pobo

domingo, 18 de decembro de 2011

Xustiza en galego versus inxustiza contra o galego



Mentres estes xuíces se reúnen en Chantada para reafirmase no seu compromiso coa nosa lingua, nos xulgados de toda Galicia, os trámites non poden realizarse en galego porque o programa de xestión Minerva exclúe o galego. Ninguén ten noticia de que a Secretaría Xeral de Política Lingüística fixera ningún tipo de xestión sobre o caso. Máis aínda.
Vén de presentarse o primeiro Dicionario Xurídico Galego. No acto estivo Anxo Lorenzo polo que desde o seu penedo mediático particular aproveita para gabarse do boa que é a súa acción no ámbito da normalización dinamización, tamén no ámbito da xustiza.  E cales foron esas medidas? Pois único que se destaca do realizado neste ámbito é a posta en marcha de cursos de linguaxe administrativa on line (que están ben) pero un pregúntase: para que? Se despois na práctica non hai onde aplicar esa linguaxe técnica en galego.
Outra vez mais fica ben claro en que consiste a política lingüística de Anxo Lorenzo: envolver cun fraudulento papel de galeguismo o que non é outra cousa que acoutamento e exclusión da nosa lingua.

Carta ao Valedor do Pobo

por Xoán Costa, en Terra e Tempo:

Sr V. do P.
Santiago de Compostela
Estimado Señor,
Espero que ao recibo da presente goce de boa saúde, prezado ben do que, polo de agora, eu tamén desfruto.
Pois saberá que por aquí se comenta, con fonda preocupación, a súa resolución de 3 de novembro, día de Santo Gaudioso de Tarazona, bispo que chegou a santo pola súa absoluta convicción da inutilidade das crenzas arrianas e polo seu empeño en se desfacer delas.

sábado, 17 de decembro de 2011

Abertos ao galego. Catálogo de regalos para o nadal




Como a SXPL non fai ningunha campaña de promoción do uso do galego no comercio, como a Lei de Comercio Interior de Galicia exclúe a promoción do galego dos seus obxectivos, non queda outra que tirar das iniciativas das entidades que defenden e promocionan o seu uso. Parabéns á Mesa por esta iniciativa!

venres, 16 de decembro de 2011

Apréndeo



Vídeo musical de Aid para a campaña "Servizo público" da TVG, o novo vídeo corporativo da compañía.

xoves, 15 de decembro de 2011

Dosier caso do libro censurado

Vou deixar por aquí un dosier do escrito arredor da polémica decisión do Valedor do Pobo, secundada pola Consellería de Educación, de censura dun libro de texto. Só vou comentar unha cousa: que a falsidade é a única vía pola que se pode continuar co ataque á nosa lingua. Mais teñamos en conta que este imperio da mentira promovido desde a Xunta está apoiado en medios de comunicación moi influíntes que actúan sistemáticamente contra a normalización. Por estas razóns a gran maioría das informacións recollidas non veñen dos medios de comunicación pois, ou ben ocultan o problema, ou ben o falsean.

A unidade didáctica que o Valedor do Pobo e o Conselleiro consideran censurable: Tema 4. Coñecemento do Medio. 5º primaria. Vicens Vives.
Texto do Valedor do Pobo recomendando ao Conselleiro de Educación a censura do libro: Resolución do Valedor do Pobo, de 3 de novembro de 2011 relativa a un expediente de queixa sobre o contido dun libro de texto dirixido a escolares de 5º de Primaria en canto á regulación estatutaria das linguas oficiais da Comunidade

Un vigués logra retirar un libro de texto en gallego, (11/12/2011), Atlántico Diario
El Valedor urge a Educación a retirar un libro que obvia que el castellano es lengua oficial, (11/12/2011), Faro de Vigo
A lingua propia de Galicia é o galego, (11/12/2011), ProLingua
A Mesa reclama que o Valedor do Pobo 'explique xa' se é verdade que exixe a retirada dun libro de texto por reproducir o artigo 5.1 do estatuto, (11/12/2011), A Mesa
O Valedor do Pobo pide a retirada dun libro porque pon que o galego é a lingua propia de Galicia, (11/12/2012), Galicia Hoxe
Prolingua e A Mesa piden a dimisión do Valedor, (11/12/2011), Galicia Confidencial
Inmediata resposta da Xunta para rectificar o libro que non di que o español é ingua oficial, (12/12/2011), Galicia Hoxe
A AELG pide a dimisión do Valedor do Pobo, (12/12/2011), AELG
Temos lingua propia, (12/12/2011), CIG-ensino
La lengua propia de Galicia es el gallego en el sentido peyorativo de la palabra, (12/12/2011), O blogue do Carlos Callón
Denunciamos a postura antigalega do Valedor do Pobo, (12/12/2011) , Queremos Galego!
Carta aberta ao señor Conselleiro de Educación, (13/12/2011) , blogue de Xabier Docampo
A protesta que presentei contra o Valedor do Pobo, (13/12/2011), Cabrafanada, blogue de Fran Alonso
Mandeille esta carta por mail ao Valedor do Pobo. Fará caso dos meus consellos?, (13/12/2011), Damián Villaín no facebook
5.1: a verdade revolucionaria, (14/12/2011), Un país en lata, bloogue de Fran P. Lorenzo
Queremos Galego exixe a destitución do Valedor do Pobo e do Conselleiro, (14/12/2011), CIG-ensino
En poucas palabras: a propósito do libro de Vicens Vives, (14/12/2011), Bouvard e Pécuchet, blogue de Manuel Rodríguez Alonso
O caso 'lingua propia', (14/12/2011), por Xosé Manuel González Pérez no facebook
Un centenar de persoas denuncia ante o Valedor unha "caza de bruxas" contra o galego, (15/12/2011), Galicia Hoxe
Concentración de Queremos Galego exixindo o cesamento do Valedor do Pobo, (15/12/2011), canle de Vimeo de Terra e Tempo
Limpieza de sangre y de lengua, (15/12/2011), exemplo de por onde tira a zunia da man de Carlos Luís Rodríguez para El Correo Gallego

Continuarei ampliando esta nota coas novas que se continúen publicando nos vindeiros días:
O Valedor e o desvalimento, (16/12/2011), artigo de Suso de Toro para El País
De fanáticos e radicais, (16/12/2011), artigo de Rafael Cuíña para Galicia Confidencial
"O castelán é a lingua oficial de España", (17/12/2011). O blogue do Carlos Callón
Carta ao Valedor do Pobo, (18/12/2011), por Xoán Costa para Terra e Tempo
Queremos Galego: Cantiga, (18/12/2011), vídeo gravado na concentración do 17/12/2011 contra a postura antigalega do Valedor e o Conselleiro de Educación.
Estranxeiros 5.1, (19/12/2011), por Inma López Silva en La Voz de Galicia
5.1. Lingua propia, (19/12/2011), por Manuel Bragado no Faro de Vigo e no seu blogue Brétemas
O Valedor do Pobo e a lingua propia de Galicia (19/12/2011), posicionamento público da CGENDL
A CIG-ensino presentou hoxe un escrito na Consellería de Educación (19/12/2011), CIG-ensino
Que retiren ao Valedor, (20/12/2011), STEG
Carta á Presidenta do Parlamento, (20/12/2011), da CGENDL solicitando o cese do Valedor
Nova Escola Galega esixe a rectificación do Valedor do Pobo e do Conselleiro de Educación, (21/12/2011), comunicado de NEG
Educación cumpre coa legalidade vixente e coa recomendación do Valedor do Pobo respecto do contido dun libro de texto (22/12/2011), comunicado da Consellería de Educación
Vicens Vives xa correxiu o libro de texto sobre a oficialidade dos idiomas, (23/12/2011), El Progreso
O galego do Valedor do Pobo, (23/12/2011), nesta mesma Carta Xeométrica

O libro de Vicens Vives. As mentiras da prensa.

O libro  de Coñecemento do Medio de Vicens Vives de 5º de primaria que o Valedor do Pobo e o Conselleiro de Educación queren censurar porque na páxina 57 indica que a lingua galega é a propia de Galicia, ten este apartado na páxina 56 no que informa que o castelán é a lingua oficial de España. A gran maioría dos medios ocultan e falsean esta información para espallar unha noticia manipulada. 
Velaí a urxente necesidade de medios independentes en galego.


mércores, 14 de decembro de 2011

O idioma noso

por Anselmo López Carreira, cun artigo que vai dar que falar, en Terra e Tempo:


O abandono do uso ou da defensa repercute inevitablemente na caída no castrapo e nunha espantosa combinación de galego e castellano




Puidera parecer superfluo dirixirse ao campo do nacionalismo para lembrar, unha vez máis, o alto significado político que reviste a defensa do noso idioma. Está fóra de toda dúbida o lugar de preferencia que lle outorgamos, como signo de identificación nacional, e de certo non se aforran advertencias de alarma sobre a situación en que se atopa.

Carta aberta ao señor Conselleiro de Educación da Xunta de Galicia

unha desas excepcionais cartas de Xabier Docampo. O malo vén sempre das razóns que o levan a redactalas. Do seu blogue (tamén a foto):
Prezado señor Vázquez Abad: Vaia metedura de zoco! As malas compañías e a incompetencia acaban de lle xogar unha mala pasada, señor conselleiro, e vostede picou, non sei se por ignorancia ou por chulería, pero o caso é que meteu o pé nunha poza. E o que conseguiu foi dar unha proba de incompetencia para o seu cargo semellante á do Valedor do Pobo, outro que tal baila. Valeu isto para demostrar unha vez máis que o seu odio á lingua galega faille perder o sentido da prudencia.Este medio no que escribo só ten sentido cando se aproveitan as posibilidades hipertextuais que dá para que o lector teña toda a información precisa, imos pois aló.Trátase dun home,  algo teatral el,  que quere borrar a lingua galega da súa vida (el saberá por que), aínda que para iso teña que facelo tamén coa de todos os galegos e galegas. Agora, ademais, representa a un partido político que dirixe unha muller pública no sentido menos pexorativo da expresión. Pois ben, este individuo fixo unha reclamación disparatada diante do Valedor do Pobo l, quen, para non ser menos, deulle a razón. E vostede agora veu a lle poñer o ramo prometendo unha resolución da consellaría que é outro disparate.Imos ver, Señor Vázquez, vostede coñece o Estatuto de Galicia? Di ou non di no art. 5 punto 1  que a lingua propia de Galicia é o galego? E dí así, sen máis. Xa sei que no punto 2 di máis cousas... e no 3, onde lle recorda a vostede e ao señor Valedor do Pobo que teñen a obriga de protexelo e non de demolelo como están a facer. Dígame (e se non o sabe pregúntello ao señor López González) se todos os libros que citan o artigo 3, punto 1 da Constitución española  deben seren corrixidos por non citaren os puntos 2 e 3? Va que tal cousa non tería pés nin cabeza?Eu ben sei que a vostede e aos que son coma vostede dóelles que o Estatuto de Galicia diga que a lingua propia de Galicia é o galego e que quixeran borralo. Pois veña, déanlle para adiante e cámbieno, pregúntenlle ao pobo galego se quere renunciar ao seu máis singular e milenario signo de identidade. Pero non o farán, porque o signo distintivo de vostedes é a actuación raposeira dos covardes. Por iso día tras día aproveita para ditar decretos e normas que lle van tirando á lingua propia de Galicia os  minguados dereitos de que gozaba.Pero é que ademais vostede non ten potestade para mandar corrixir un libro de texto, se alguén considera que nel hai algo puníbel deberá recorrer aos tribunais de xustiza, así que deixe de se espolincar na punta dos pés coma un censor franquista. En realidade, despois disto, o que debera ocorrer era que vostede fose destituído e que o Valedor do Pobo renunciase, pero por se isto non sucede, o que sería ben é que o PSdeG e o BNG, que no seu día apoiaron o nomeamento como valedor do señor López González, tivesen a valentía de facer pública e no Parlamento de Galicia a retirada da confianza que un día lle outorgaron.Máis nada por esta, señor Conselleiro. Atentamente,

O libro que queren censurar o Valedor e o Conselleiro de Educación

Segundo o presunto Valedor do Pobo, Benigno López,  os contidos destas páxinas do libro de 5º de primaria conteñen "información inexacta e incompleta, e polo tanto falsa", ademais "non só carece de rigor científico imprescindible nos libros de texto senón que transmite unha información contraria á configuración constitucional e de cooficialidade lingüística como expresión xurídica do bilingüismo". Cómpre lembrar que Benigno López foi un maxistrado coñecido pola súa oposición a usar no seu labor os topónimos galegos a pesar de seren éstes os únicos oficiais. Tamén foi acusado moitas veces pola Mesa de que sistemáticamente obstaculiza as queixas pola vulneración dos dereitos dos galego-falantes e actúa en contra da promoción do uso da nosa lingua.[1, 2, 3, 4, 5, 6 ]
Jesús Vázquez secunda esta opinión, e faino para mandarlle unha mensaxe moi clara ao profesorado: que evite explicar nas súas clases que o artigo 5.1 do Estatuto di que 'a lingua propia de Galicia é o galego', tal e como se indica no libro de texo que se pretende censurar.
 Tamén se pode comprobar que na unidade didáctica, tamén se fala da Constitución, do español, e do Valedor do Pobo do que indica que a súa misión principal é a de 'recoller as queixas dos cidadáns e cidadás sobre as posibles violacións dos seus dereitos e liberdades por parte da Adminsitración'. Pola contra o señor Benigno López insta á Administración a violar os dereitos da cidadanía galega. Velaquí que temos un Valedor e un Conselleiro que non merecían ter aprobado nin 5º de primaria.


martes, 13 de decembro de 2011

¿Os xornais en galego restan?

por Charo Baleirón Soñora, desde a a CTNL:


Hai unhas semanas asistín a unhas xornadas, organizadas polo SNL da USC e pola Facultade de Ciencias da Educación, en torno ao imaxinario social do galego e os prexuízos lingüísticos. Unha boa ocasión para reflexionar sobre a nosa lingua e a situación pola que atravesa e onde se demostrou o bo facer dos seus organizadores...Nunha das mesas de traballo, saíu a relucir o tema da desaparición dos medios xornalísticos impresos en galego e aquí foi onde xurdiu a miña sorpresa. Comentouse que no caso da desaparición d’A Nosa Terra se debeu a unha mala xestión e que, no caso de Galicia Hoxe, “unha cabeceira residual e cunha tiraxe de só 3 000 exemplares” [...] “estaba aí para chupar subvención e, ademais, non era un produto de calidade”. 

A química fala galego desde o IES Elviña



No II Día da Ciencia en Galego o alumnado de 1º de bacharelato de ciencias do IES Elviña preséntalle diversos experimentos ao alumnado de 3º da ESO.

A que dedica exactamente os seus medios, esforzos e tempo a Secretaría Xeral de Política Lingüística?

por Francisco Xosé Rei García, en Terra e Tempo:

Mentres comezo a escribir estas liñas leo a través do twitter a preocupación dun membro desta comunidade polo atrás que está ficando o galego no mundo dos aplicativos móbiles, tan estendido xa como evolución da telefonía móbil imposta polo mercado. 
Con independencia de considerar altamente perigosa e ben pouco sustentábel, do punto de vista económico e do punto de vista ecolóxico, esta voráxine de cambio constante duns aparellos por outros en tan pouco tempo, o certo é que non lle falta razón ao meu amigo twitteiro: o galego chega tarde outra vez ás novas tecnoloxías; como chegou no seu día ao Windows, chega tarde ao universo Mac e tarde chega ao universo Android. Nin este nin IOS (sistema operativo de Iphone) teñen aínda software en galego e nin sequera permiten a posibilidade de navegarmos na nosa lingua. Ante isto, pregúntase acertadamente: e no entanto, que fai a Secretaría Xeral de Política Lingüística?

luns, 12 de decembro de 2011

A lingua propia de Galicia é o galego

Comunicado de ProLingua:


Artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía de Galicia: A lingua propia de Galicia é o galego.
Que os contumaces inimigos da lingua galega traten de borrala de calquera manifestación da vida social non resulta nada sorprendente. E que en ocasións teñan apoios explícitos dalgunhas institucións que teñen entre as súas obrigas a de promover unha maior presenza social da lingua, tampouco. Mais que o Valedor do Pobo -de ser certa a información que hoxe ofrecen Atlántico DiarioFaro de Vigo e ABC-, o responsable de velar polo cumprimento da lexislación que temos, ignore os contidos do Estatuto de Autonomía, parece un absurdo, mesmo cómico se non fose pola trascendencia do cargo e das súas decicisións. Un esperpento ao que non é allea a actitude pasiva, cando non agresiva, fomentada polo actual Goberno galego.
Desde ProLingua esiximos unha rectificación inmediata e pedimos a dimisión dun Valedor do Pobo que con esta resolución mostra a súa incompetencia para o cargo e unha teima probada contra a lingua propia de Galicia (así denominada no Estatuto de Autonomía, o mesmo que dá razón de ser ao posto cuxos preceptos máis básicos incumpre con frecuencia).