Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 21 de decembro de 2011

O desprezo da SXPL aos Equipos de Normalización

No pasado novembro celebrouse o II Día da Ciencia en Galego, instaurado como medida de protesta contra o funesto decreto 79/2010 que pretendeu aniquilar o ensino das materias científicas na nosa lingua. Nun acto perverso a SXPL anunciou o apoio a esa xornada. Porén non se sabe de ningunha medida real de apoio, nin se ten noticia de que a SXPL nin tan siquera mandase un correo de felicitación aos organizadores. Tratouse únicamente dunha declaración mediática que pretendía acoutar e reducir o verdadeiro significado da celebración dese día. Outro tanto acaba de suceder coa presunta celebración dos 20 anos de normalización no ensino por parte da entidade que dirixe Anxo Lorenzo.
O 4 de xuño a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) celebrou o 20 aniversario da constitución dos Equipos nun acto celebrado no Museo do Pobo Galego. Máis de seis meses despois a SXPL, in extremis,  anuncia que se suma a esta celebración anunciando desde o seu penedo mediático dúas iniciativas. Unha delas consiste nunha exposición de revistas no Museo Pedagóxico de Galicia, aínda que unha semana despois deste anuncio,  no web desde Museo aínda non hai noticia ningunha deste evento (21/12/2011).
A segunda das iniciativas consiste nesta mostra virtual de 20 experiencias dinamizadoras.  Ao visitar esta lista de ligazóns quedei profundamente decepcionado, e non porque esas 20 propostas estiveran mal. Non. Non era ese o caso. Trátase dunha escolma demasiado pobre (por que 20 e non 200?) . Trátase tamén dun insulto ao enorme traballo que a diario, e desde hai 20 anos están a realizar un grupo ben importante de profesores sen recibir compensación ningunha.  Máis que unha homenaxe consiste nunha resposta ao acto organizado hai medio ano pola CGENDL. Explícome.
Como onte tiven que esperar unha hora entre avaliación e avaliación fixen esta mostra de 20 experiencias normalizadoras. Podía incluir moitas máis, pero só tiña unha hora e impúxenme manter a mesma estrutura que a da escolma da SXPL.
































Nisto consiste a homenaxe da SXPL aos equipos, nunha hora de navegación pola rede. Pero o asunto aínda    ten máis caras escuras.
Na escolma realizada pola SXPL só temos referencias a actividades recentes. Parece como se antes da era  de Anxo Lorenzo non existiran os Equipos. A pesar disto, no listado da SXPL esquéncense do feito máis importante e que máis dinamizou o labor normalizador no ensino en todo este tempo e que foi, precisamente, a constitución da CGENDL. Pregúntome que lles custaba, por exemplo, engadir unha ligazón á mellor campaña nunca realizada desde o ámbito que nos ocupa: orgullosos. A falta deste recurso indica moi claramente cales son as escuras intencións da SXPL. Pero hai máis.
Na relación de actividades dos Equipos da SXPL o maior apartado é o adicado aos audiovisuais. A pesar disto exclúen calquera referencia a SonCine que é probablemente a mellor serie de vídeos elaborados ao abeiro dun Equipo de Normalización. E podemos seguir sumando ausencias, pois tampouco hai ningunha referencia a blogues cun traballo de continuado de varios anos, como é o caso de As gabarras, Gavieira, O castelo da lúa,... Tamén se bota en falta o recoñecemento a aquelas organizacións que traballaron durante todo este tempo da man dos Equipos. Pensemos por exemplo en Nova Escola Galega ou na AS-PG, lembremos celebracións do reforzo da identidade importantes como o Correlingua. Tampouco hai referencia a profesionais que xogaron durante este tempo un papel fundamental nas achegas aos Equipos como o caso de Agustín Fernández Paz, quen si foi xustamente homanexeado no acto organizado pola CGENDL.  Nada diso está presente no que nos mostra a SXPL.
Tal é o desleixo con que se fan as cousas desde a SXPL que nun dos recursos que inclúen, o chamado 'Queique audiovisual', que é unha serie de entrevistas realizadas desde o IES Maruxa Mallo, teñen o descoido (espero que sexa descoido e non ocultamento) de non incluir a entrevista que lle fixeron a Suso de Toro. Iso si, aparecen todas as outras, incluída a feita a Jesús Vázquez Abad, o Conselleiro de Educación.

Supoño que se realmente a SXPL quixera celebrar os 20 anos de normalización dinamización,en primeiro logar debería solicitar traballos e información dos Equipos de Normalización, e despois dun traballo de recompilación ten a capacidade económica e de persoal suficiente como para elaborar e distribuir polos centros unha exposición de carteis debullando os distintos aspectos desenvolvidos polos equipos nestas dúas décadas.
Claro que o único que temos polo momento de parte da SXPL é que aínda non se fixeron todos os  ingresos correspondentes ás actividades realizadas o curso pasado e que tampouco se convocaron as correspondentes ao presente.  Unha excelente forma de celebrar a conmemoración dos 20 anos, non si?

Ningún comentario:

Publicar un comentario