Hai un programa semanal de primeira na Radio Galega. Emítese ás 16:00 os sábados pola tarde, chámase Efervesciencia e está levado por Manuel Vicente. Dura unha horiña e vén sendo unha desas escasas xoias da divulgación científica en galego e que ademais está ao alcance de todos non só a través das ondas de radio senón por medio da lista de podcasts que podemos oir en calquer momento. No programa do pasado 17/12/2012 fixéronlle unha entrevista a Luís Seoane, un dos autores de varios artigos ([1], [2]) encol da supervivencia de dúas linguas en competencia xunto con Joge Mira e Ángel Paredes. Velaquí a entrevista (aproximadamente os 20 primeiros minutos do programa)
Aínda que as ecuación diferenciais que propoñen neste modelo son moi bonitas e melloran outro estudo anterior eu sigo pensando que conviña revisar estes artigos coa contribución dun sociolingüista xa que, por exemplo, establecen a existencia dunha poboación de falantes bilingües ao mesmo nível que as outras de falantes dun par de linguas X e Y. Compría debullar moito máis o significado de "falante bilingüe" ou "poboación bilingüe" no caso de podermos atopar exemplos de tales conceptos. De todas formas o estudo realizado por estes tres investigadores galegos foi merecente de recoñecemento internacional, tal e como o desmostra a publicación dun artigo no Journal of Phisics.
Teño a impresión de que tanto á ciencia como á sociedade galega lle conviña seguir profundizando neste tema e que o mundo da cultura debería ter máis en conta as achegas que se fan desde o ámbito das ciencias. Claro que probablemente a falta de diálogo entre o mundo científico e o mundo das letras se deba fundamentalmente á falta de cultura científica do conxunto da poboación. Por iso cómpre espallar iniciativas de divulgación da ciencia do rigor, a vontade de entretenemento e a calidade con que cada semana o fan os membros de Efervesciencia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario