Aínda nos finais do século XIX o idioma galego, na súa forma oral, era utilizado practicamente por toda a poboación do “noso bon país”, aquel país das “frondosas carballeiras” que fan “doce o vivir”, tal como cantou Rosalía de Castro. Mais non tardou en se formar no horizonte, aos poucos máis grisallo, como unha arañeira cega, a primeira vaga climática da desgaleguizaciónlingüística. A Galiza moderna comezaba a incorporar funcionarios de toda condición, establecíanse as chamadas profesións liberais e, sobre todo nas cidades, o castelán —única lingua oficial daquela— irá ocupando terreo, no ensino, na ideoloxía e na economía, como unha mancha de aceite a impor co seu avance unha lenta substitución do idioma propio por aquel que vén, como o seu nome indica, da nova Castela tan querida por Antonio de Nebrija. Manuel Curros Enríquez, á altura do ano 1886, viu no castelán un “idioma estraño”; traído, madia leva, pola nobreza e o clero casteláns que viñan ocupar os mellores postos administrativos e de poder real no vello Reino dos galegos. O primeiro acto, “opus nigrum”, da desgaleguización estaba servido. O castelán pasaba a ser o idioma do poder e o galego convertíase, visto como dialecto, na lingua inferior do pobo, este na súa maioría analfabeto. E levamos, con inevitábeis trazos épicos e dramáticos sobre nós, unha historia de máis de 100 anos de desgaleguización idiomática. Desgaleguización imparábel. Lento etnocidio que xa iniciaran os Trastámara e seguiran os Reis Católicos, pasando por Austrias e Borbóns, até hoxe. Castelao denunciou no seu día a prohibición do galego nas escolas, a súa expulsión das igrexas e o seu rexeitamento nos tribunais de xustiza, e a “longa noite de pedra”, despois da breve luz republicana, seguiu a producir desgaleguización e a perpetuar as formas lingüicidas. E así até hoxe. Aínda co galego declarado idioma oficial na actual Democracia —ao mesmo nivel que o castelán—, a desgaleguización continúa. A pesar da Lei de Normalización Lingüística, a pesar dos concellos, tan próximos aos cidadáns, e a pesar do ensino en galego, que haber haino, a desgaleguización continúa. Agora xa sabemos, con datos do Instituto Galego de Estatística, que o castelán é o idioma hexemónico nas principais cidades do país. E tamén sabemos que se hoxe un 56,4 por cento da poboación galega emprega habitualmente o idioma de noso, hai cinco anos a porcentaxe de galegofalantes era dun 61 por cento. É dicir, a desgaleguización continúa. E o actual Goberno da Xunta de Galicia, novo paradigma activo de etnocidio, nada fai, nada intenta por conter unha hemorraxia —fende aquí o noso principal vaso comunicante— que pode provocar a morte do corpo doente. A desaparición do idioma propio de Galicia, unha das linguas cultas de Europa, pai e nai do portugués, entra dentro do posíbel. ¿Permitirá a sociedade galega do século XXI a extinción do noso idioma e o apagamento definitivo da cultura que del emana? Non só deamor viven as linguas, como é ben doado comprobarmos. É preciso reaxir no plano individual e colectivo, e non só coa máis activa das esperanzas e coa mellor das intencións, senón tamén coa indignación necesaria que nos leve a actuar civicamente para que a conciencia sobre o noso idioma frutifique no corpo social e se converta en sinal inmediato de vida e de futuro.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
xoves, 29 de decembro de 2011
Desgaleguización
por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario