Sr V. do P.
Santiago de Compostela
Estimado Señor,
Espero que ao recibo da presente goce de boa saúde, prezado ben do que, polo de agora, eu tamén desfruto.
Pois saberá que por aquí se comenta, con fonda preocupación, a súa resolución de 3 de novembro, día de Santo Gaudioso de Tarazona, bispo que chegou a santo pola súa absoluta convicción da inutilidade das crenzas arrianas e polo seu empeño en se desfacer delas.
Desculpe, non é que ache ningunha relación entre a súa persoa e Santo Gaudioso, nin entre o arrianismo e os que pensamos que non é herexía considerar o galego lingua propia de Galiza, mais a un ás veces véñenlle cousas á cabeza e lembra as súas actuacións ao longo destes catro anos e como atendeu as reclamacións de quen perseguiu o noso idioma, admitindo as denuncias de quen se significou por perseguir e acosar os coordinadores e coordinadoras dos Equipos de Normalización ou o Correlingua, e agora instando a que se retire un libro de texto que recolle o que di a propia lexislación e como non tivo a mesma actitude coas entidades ou persoas que solicitaron amparo ao ver negados os seus dereitos lingüísticos a ser atendidos en galego ou expresarse nesta lingua ante as institucións, nalgúns casos na mesmísima oficina do V.do P.
Saiba señor V. do P. que por aquí non se fala de outra cousa que da súa preocupación por velar para que o profesorado non transmita "contidos incompletos", e fai moi ben, que os coñecemos, e empezan con ese conto de que falar moitas linguas, e sobre todo cada un a súa, é unha riqueza e acaban dicindo que non foi Deus o criador do Universo e da especie humana; e é que é moi importante que alguén se encargue de velar para que non se reproduza "un coñecemento inexacto do réxime xurídico das linguas oficiais en Galiza". Aí é onde lle doe, señor V. do P. Porque podemos aceptar que non se respecten os dereitos lingüísticos das persoas galego falantes, que os nenos e as nenas cheguen ao sistema educativo sabendo máis galego do que ao abandonaren, ora que non coñezan o "réxime xurídico das linguas oficiais en Galiza", iso non se pode consentir, onde se viu tal cousa? Claro que teñen que saber que existen dúas linguas, unha foránea, que non é a nosa, e que goza dun réxime xurídico que a converte de feito en lingua única e outra a propia, a que menciona o artigo 5.1 do Estatuto, a que é nosa, a que xuridicamente está en situación desfavorábel.
Tamén se fala moito por aquí, Señor V. do P. sobre a súa destreza na análise curricular e a súa capacidade de análise pedagóxica porque verá, a Consellaría de Educación non se preocupa nadiña de dar formación ao profesorado e é moito de agradecer que alguén como vostede se ocupe de o instruír no camiño didáctico verdadeiro.
Xa remato, que terá vostede moito que facer, que isto do galego é un traballo ...
Mais quería facerlle unha pregunta. Verá, no sitio web www.valedordopobo.org aparece a versión galega e a versión española da súa resolución, as dúas co título "versión íntegra" mais os textos non son coincidentes xa que a versión española ofrece máis información. Poderíame indicar cal é a que "ofrece un contido incompleto" para eu non ser un dos tantos que teñen un "coñecemento inexacto" da situación.
Na espera da súa pronta resposta reciba un cordial saúdo.
PS.
Señor V. do P. O libro que vostede censura indica, na páxina 56 que o castelán é a lingua oficial de España, única en 11 comunidades e en Ceuta e Melilla e que, nas demais comunidades, segundo dispoñen os seus Estatutos, existe outra lingua oficial, sendo na páxina 57, a seguinte por se non se deu conta, onde reproduce o artigo 5.1 do estatuto que afirma que a lingua propia de Galiza é o galego. Como saberá oficial e propio non é o mesmo.
Tal día como hoxe, 18 de decembro de 1865, a escravitude é abolida nos Estados Unidos.
Mágoa que na Galiza aínda queden tantos escravos dos seus propios prexuízos.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
domingo, 18 de decembro de 2011
Carta ao Valedor do Pobo
por Xoán Costa, en Terra e Tempo:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario