O abandono do uso ou da defensa repercute inevitablemente na caída no castrapo e nunha espantosa combinación de galego e castellano
Puidera parecer superfluo dirixirse ao campo do nacionalismo para lembrar, unha vez máis, o alto significado político que reviste a defensa do noso idioma. Está fóra de toda dúbida o lugar de preferencia que lle outorgamos, como signo de identificación nacional, e de certo non se aforran advertencias de alarma sobre a situación en que se atopa.
Lamentablemente, a eficacia desa posición de principio é decepcionante. Non me quero referir á situación de crise extrema en que se atopa o galego, facilmente perceptible por quen se moleste en abrir os ollos á realidade, no cal desde logo inflúen de maneira determinante todos eses factores externos que no seu conxunto conforman o proceso histórico da colonización. Todos os nacionalistas somos quen de enumeralos e mesmo de situalos nas fases máis relevantes en que se foron precipitando sobre o país desde o final da Idade Media.
Agora quixera facer un exame introspectivo, pois hai responsabilidades para repartir, e non recoñecelo é un fraco servizo que se lle fai a Galicia. Dispomos xa dunha perspectiva temporal dabondo longa como para botar contas.
É moi grave que o galego perda falantes a pasos acelerados, que a xuventude deserte do seu uso, que se interrompa a transmisión xeneracional; que as institucións autonómicas galegas se apunten o triste mérito de cumprir a sentenza. Todo isto é certo. Mais non cabe tampouco agachar a gravidade do feito de que no corpo social do propio nacionalismo, malia os pronunciamentos programáticos, se teña rebaixado a belixerancia a favor do idioma, se abandone incluso o seu uso ou non se poñan en práctica os medios necesarios para estimular a normalización. Naturalmente, sería inxusto non recoñecer que este estado de cousas é tamén efecto da situación xeral de deterioro nacional, que inevitablemente penetra polas fileiras do nacionalismo, como parte que somos do país. Mais saber isto non excusa a crítica.
O abandono do uso ou da defensa repercute inevitablemente na caída no castrapo e nunha espantosa combinación de galego e castellano, ou ben en artificios de laboratorio. Todo o cal revela que, malia a artificiosa introdución de vocábulos pretendidamente moi correctos no medio do discurso, o uso do galego entre os que tal fan ten que ser anecdótico, ocupando o castellano amplos espazos da relación lingüística; non sería posible falar tan mal se se falase con coherencia. A non ser que semellante espanto idiomático reflicta un tremendo barullo mental. Práctica inconstante e erosiva que chega a quererse xustificar como realismo social, pero que apenas precisa unha crítica demorada, porque o nacionalismo, desde que é, asume sen rodeos a defensa do idioma. O demais pode axustarse á análise que se queira, pero fica fóra do nacionalismo.
Como tamén fica fóra do nacionalismo a proposta dunha ortografía portuguesa ou pretendidamente lusista (iso que alguén deu en chamar trampitán), algo que na súa vertente política se axusta ao retrato do colonizado exposto por Albert Memmi: o mesmo complexo de incapacidade nacional; e ademais completamente ilusorio, pois a súa viabilidade requeriría uns cambios históricos de tal envergadura que máis posible semella hoxe a adopción do chinés que a do portugués, sen parármonos xa a considerar a pésima opinión que os propios portugueses teñen de todo iso.
Mais non é menos alarmante que se produza tamén un deterioro idiomático, de carácter completamente diferente, entre xentes que asumen a máis coherente tradición do nacionalismo, inclusive recoñecidos e insustituibles loitadores a prol da normalización lingüística. A adopción dunha fala que pretende reconstruír a evolución histórica virtual do galego crea un paradigma idiomático de laboratorio, dotado de coherencia interna, pero co irremediable defecto de ser irreal. A elevación á categoría normativa das formas rematadas en -bel / -vel, coa conseguinte construción duns plurais inverosímiles, o recurso a expresións e formas sintácticas portuguesas, por non falar xa da imposición do nome erróneo do país como Galiza, poden ter tanta lexitimidade como o invento do indoeuropeo, pero víranlle as costas á realidade. O establecemento dun modelo de idioma culto non se pode facer ignorando o que fala a xente. E moito menos se lle pode facer crer que incluso ignora o nome do país.
Nunca se dixo Galiza, e é unha especulación gratuíta decidir que, conforme os parámetros do galego, deberíase ter chegado a dicir así se as cousas tivesen ido por outro camiño, porque a realidade é que iso non aconteceu. Que as meritorias xentes da Xeración Nós utilizasen esa forma é un argumento sen valor. Abrindo calquera das súas publicacións atoparemos cousas como Ouréns, Sant-Yago, redaución, dispoñibre, historea e un etcétera infinito. Todo comprensible dentro do seu esforzo por elevar o galego ao rango de lingua de cultura, pero cos lóxicos erros e limitacións que non tiveron ocasión de corrixir. As adversas condicións do franquismo encargáronse de frustralo.
Pero que hoxe en día a forza política que constitúe a única alternativa de emancipación nacional non sexa quen de constiuírse en espello da normalización do idioma do pobo, é decepcionante. Admitamos que os procesos de normativización levaron tempo en todas partes, pero aquí e agora é unha coartada que xa non vale. Levamos decenios sen avanzarmos un paso e a situación crítica do idioma non admite demoras. Hai cousa de vinte anos un coñecido escritor noso demandaba publicamente a adopción dunha severa disciplina normativa, o cal a min pareceume inadmisible. Rectifico a miña postura, porque de terse levado a cabo daquela, seguramente disporíamos hoxe dun modelo serio e aceptado.
Abonda con asomarse a estas mesmas páxinas para cercioarse do estado de anarquía normativa en que se debate o galego e comprobar que o BNG non ofrece, non xa un modelo acepable, senón nin sequera un modelo. O idioma co que a xente do común poida identificarse e recoñecer nel un paradigma culto fica fóra do que oficiosamente emprega o BNG: é o das institucións oficiais e o que aprenden os rapaces no ensino. Mentres tanto, o nacionalismo militante prefere diversos artificios, convertidos en patois sectarios, cos que automaticamente se exterioriza determinada adscrición política. Patois inservible para comunicarse directamente coa cidadanía, limitado en exclusiva ao uso interno entre o estreitísimo círculo dos adherentes. Ninguén ousa falar con -vel ou con Galiza entre xentes populares que teñan o galego como lingua materna, a non ser que se propoña dar a nota (desafinada).
É absurdo e estéril insistir nun camiño que denota desconexión coa realidade: nunca se vai falar así, e se isto acontecese sería unha pésima noticia, pois significaría que o galego deixou de ter transmisión espontánea e se converteu na lingua artificial dunha compacta minoría.
Antes de isto acontecer cómpre que os máis comprometidos coa emancipación nacional adopten, por riba de calquera personalismo, as medidas necesarias para impedilo e se poñan á cabeza dun proceso normalizador con raiceiras fondas na nosa propia tradición lingüística.
Non hai que ser moi perspicaz para anunciar que calquera iniciativa que se presente nun idioma extraño para a cidadanía está desde o principio abocada ao fracaso: non sairá do círculo reducido e non terá respaldo popular.
Ningún comentario:
Publicar un comentario