por Charo Baleirón Soñora, desde a a
CTNL:
Hai unhas semanas asistín a unhas xornadas, organizadas polo SNL da USC e pola Facultade de Ciencias da Educación, en torno ao imaxinario social do galego e os prexuízos lingüísticos. Unha boa ocasión para reflexionar sobre a nosa lingua e a situación pola que atravesa e onde se demostrou o bo facer dos seus organizadores...Nunha das mesas de traballo, saíu a relucir o tema da desaparición dos medios xornalísticos impresos en galego e aquí foi onde xurdiu a miña sorpresa. Comentouse que no caso da desaparición d’A Nosa Terra se debeu a unha mala xestión e que, no caso de Galicia Hoxe, “unha cabeceira residual e cunha tiraxe de só 3 000 exemplares” [...] “estaba aí para chupar subvención e, ademais, non era un produto de calidade”.
Non podo evitar amosar a gran decepción que sufrín ao escoitar este comentario en boca de persoas moi formadas intelectualmente e, obxectivamente, comprometidas coa lingua e coa súa cultura.
O caso é que podo estar de acordo con que unha das razóns da existencia da cabeceira Galicia Hoxe fose que “quería chupar subvención”, e digo eu: ¿cal non? Nesta cultura de subvencións, reciben e recibiron axudas todos os medios de comunicación (non coñezo ningún que non as solicitara, que non as aceptara e menos aínda que as rexeitara, tanto no ámbito comunitario coma no estatal). Cousa distinta é se estamos a prol ou en contra da cultura subvencionada, que tipo de cultura queremos, que medios de comunicación arelamos etc.Co que me amoso en total desacordo é co feito de ningunear un xornal por ter unha tiraxe mínima e tamén coa segunda afirmación: “era un produto sen calidade”. No primeiro caso, porque considero que os que estamos comprometidos coa lingua e co país somos moi conscientes dos prexuízos que existen en torno á lingua e ós seus falantes –e trabállase moito en intentar desbancalos- pero non tanto de que estes mesmos prexuízos existen en torno ós medios escritos nese idioma e, ás veces, incluso en torno á nosa literatura.Un mundo normalizado en galego implica -polo que eu entendo- que este idioma exista en todos os ámbitos e que nel se expresen, libremente, as persoas desde distintas tendencias, mesmo as que consideramos contrarias ás nosas ideoloxías, ás nosas crenzas e ós nosos principios. Ata aquí todos de acordo. Isto lévame a unha conclusión que, ata ese día, me parecía evidente: o mesmo que as linguas suman e non restan, os medios tamén suman, nunca restan (digo eu). A realidade, neste momento, é que non existe ningún xornal diario –os sete días da semana- escrito en galego. Nin bo, nin malo. Ningún. De todos os xeitos, non pasa absolutamente nada. É mellor que non haxa a que haxa produtos sen calidade. É unha visión aceptable como outra calquera.En canto a que se trataba dun produto de baixa calidade, tampouco estou de acordo. Na elaboración da cabeceira había 17 persoas totalmente involucradas co seu traballo, a maioría novas e a maioría mulleres (nin bo nin malo, unha realidade). Eran, e son, xornalistas moi formados, cos pés na terra e totalmente somerxidos cun proxecto que supoñía “facer país”, un proxecto que se facía “en galego e dende o galego”. Uns profesionais con obxectivos á vista e cunha conciencia moi clara da Galicia na que viven e dos pros e contras de facer xornalismo, dende unha empresa privada cunhas determinadas características e co vento en contra, para Galicia e desde o galego, que loitaron moito por sacar información seria, distinta, ousada -en moitas ocasións en contra dos criterios dos seus superiores– . Non, non podo estar de acordo con que non se ofrecía un produto de calidade. Rotundamente, non. Paréceme imposible que unha mente liberada de prexuízos que lese o xornal durante unha ou dúas semanas seguidas, que o comparase con outras cabeceiras que están na fura de diante, ou estaban, chegase a esa conclusión. De todos os xeitos, aínda que eu sufrise unha “especie de síndrome de Estocolcompañeirista” e estivese errada, seguiría en desacordo porque, insisto unha vez máis: os medios sempre suman, non restan. Se non partimos desta base, mal imos. Todos temos prexuízos e tendemos a simplificar de máis certas situacións, eu a primeira. O malo disto é que ás veces descubrímolos onde menos os esperamos, nas persoas que admiramos e, por suposto, en nós mesmos.Neste momento, coa que está a caer, sen medios en galego (¡longa vida aos dixitais!, e a todos os que veñan da tendencia que sexan e defendan o que defendan dentro dos límites impostos polo respecto aos demais e pola liberdade ben entendida), reflexións como as que escoitei fanme preguntarme se realmente todos entendemos o mesmo cando falamos de “normalización”, “escalar chanzos”, “manter a presenza en todos os ámbitos”, “respectar as minorías”, “salvar prexuízos”, “promover o idioma”, etc., etc., etc.Nada máis, só me queda dicir que eu son unha desas dezasete persoas que formaban o cadro de persoal de Galicia Hoxe. Era unha simple correctora que, dende o 6 de xaneiro de 1994 co nacemento de O Correo Galego, estivo totalmente entregada ó seu traballo (unhas veces con máis éxito ca outras, todo hai que dicilo) e que cría firmemente que valía a pena o que estaba a facer, aínda que só fose unha persoa, desa tiraxe residual de 3 000, a que lese as páxinas do Galicia Hoxe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario