Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta L. C. Carballal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta L. C. Carballal. Amosar todas as publicacións

venres, 22 de marzo de 2019

Linguas superiores e inferiores

por L. C. Carballal, na Praza Pública:


Uso o substantivo “lingua” e non “idioma” porque algúns lingüístas fan unha lixeira diferenciación entre ámbolos termos, dando un carácter máis xeral a “lingua” e máis específico a “idioma”, que sería unha fala máis prestixiada polo seu status e tradición cultural fronte ao simple código de comunicación con trazos fonéticos, morfosintácticos e léxicos propios correspondentes a unha comunidade que sería unha lingua. Pódese dicir que todo idioma ten un estándar, mentres que este non é necesario pra catalogar unha fala como lingua e que todo idioma é unha lingua pro que non toda lingua é un idioma. Por tanto, vemos que dende a lingüística hai unha tentativa de xerarquización entre as linguas: dado que a inmensa maioría das linguas do mundo non posúen estándar ningún nin tampouco sistema de escritura.

xoves, 6 de decembro de 2018

Extinción léxica

por L. C. Carballal, na Praza Pública

No léxico da nosa lingua existe un axioma claro: “O que non coincide ou se semella ao castelán tende a desaparecer”. Isto explica por que todo ese enorme vocabulario patrimonial de noso que non ten o seu equivalente en castelán anda en imparábel esmorecemento cara á extinción. O mesmo ocorre coas diferenzas morfosintácticas e fonéticas, abofé.

xoves, 12 de abril de 2018

O galego enxebre

por L. C. Carballal, no Praza Pública:


A castelanización do noso idioma, hogano galopante, trouxo consigo a lóxica perda de boa parte dos nosos trazos máis senlleiros, tanto léxicos coma gramaticais e, en menor medida, fonolóxicos –dado que a maioría dos castalanfalantes galegos presentan unha inconfundíbel dicción de orixe galega–. Poderíase afirmar que “todo o que non coincida ou se asemelle ao castelán está condenado a desaparecer”. De feito, é nos escritos onde máis e mellor galego se pode ver, algo, por outra banda, perfeitamente normal que ocorre en calquera outra lingua, mesmo naquelas plenamente normalizadas, mais que no noso caso é moitísimo máis rechamante pola nosa especial situación sociolingüística. Cando alguén, afeito á leitura en galego, ten como interlocutor unha persoa galegofalante pro non versada na nosa cultura, é case obrigado baixar o nivel de enxebreza do seu idiolecto pra manter unha conversa non interferida polas continuas explicacións sobre a súa linguaxe, que sería percibido normalmente como aportuguesado ou simplemente portugués.

xoves, 1 de marzo de 2018

Neogalego

por L.C. Carballal, na Praza Pública:

Un recente libro: “Estudos sobre o cambio lingüístico no galego actual” (Consello da Cultura Galega, 2017), trata unha realidade linguïstica innegábel: a existencia dun galego actual, basicamente urbano, que non se corresponde con ningunha das áreas lingüísticas tradicionais. Unha fala xurdida da situación sociolingüística contemporánea de bilingüísmo obrigado e inelutabelmente influída polo castelán e o galego estándar.
A estandarización dun idioma é un fenómeno imprescindíbel para a supervivencia de calquera lingua no mundo actual, moito máis importante ca o seu número de falantes, e similar ao seu recoñecemento legal nun determinado territorio. Leva sempre consigo un grande avance no seu desenvolvemento como meio de comunicación, mais tamén a consecuencia negativa dunha perda gradual e inexorábel da súa variación dialectal. É o galego non vai ser unha excepción. Ende mal, a estandarización da nosa lingua é relativamente recente e ten en contra a súa non aceptación total. Algo parecido sofreu o basco, onde o éuscaro batua foi contestado polos defensores dos diferentes “euskeras” vivos como invento sen falantes reais que remataría co verdadeiro éuscaro –algo que nunca se lle achaca ao estándar castelán ou de calquera outra lingua de prestixio–. O catalán tivo a sorte de se estandarizar con anterioridade e dotarse dunhas normas en 1932, tamén de non perder a súa referencia da lingua medieval coma si sucedeu co galego, pero así e todo tamén tivo e ten a súa réplica por parte dos partidarios de diferenciaren as diferentes variedades –algo que non se reivindica para as variedades do castelán–.

domingo, 10 de setembro de 2017

Novas linguas

por L.C. Carballal, na Praza Pública:
Hai tempo lin nun texto sobre sociolingüística a resposta que un paisano daba a unha pregunta –ende mal non lembro cales: nin texto nin pregunta–, esta quedou para sempre no meu acordo polo aclaratoria que era sobre o status do galego. A esencia da resposta era: “antes cando o galego era un dialecto…, mais agora que é unha lingua”. Obviamente o galego seguía a ser o mesmo, mais a súa situación mudara considerabelmente: subira de categoría.