Cabeceira dun dos blogues de cociña |
Dos blogues adicados exclusivamente ao aspecto culinario, o primeiro que atopei foi Bolboretas no bandullo, que leva publicando un par de receitas por semana desde hai máis de dous anos. Son comidas de elaboración sinxela e que ademais ten a axuda de fotografías de todo o proceso.
Kukiñas é un blogue bilingüe, pero non bilingüe ao estilo excluínte, senón bilingüe galego-inglés. Publica un par delas por semana e veñen acompañadas de fotos orixinais e orixinalmente asinadas. Ademais de varias categorías (cociña tradicional, oriental, lambonadas,...) tamén ten as receitas ordenadas por orde alfabética, o cal é toda unha ventaxa para buscar algún prato en especial.
Eu o que quero é xamón destaca por unha presentación clara, acompañada de fotografías que abren o apetito. Non se limita a expoñer a receita pois podemos encontrar comentarios e información sobre produtos ou tradicións culinarias doutros lugares. Unha outra virtude deste blogue é que nos dá acceso a outros da mesma temática na blogosfera galega, algo que sempre é de agradecer. Así que as seguintes son mérito exclusivo dos autores de Eu o que quero é xamón.
Receitas para todos os días é o blogue de Raquel Vergara, outro con fotos espectaculares. As receitas veñen numeradas paso a paso. De especial interese para os celíacos.
As pequenas viaxes (e algo de gastronomía) está mantido por José Luís Oliveira Varela, emprega unha visualización do blogger pouco habitual e ofrece unha versión en castelán das súas entradas. Tanto este blogue como os outros aquí presentados poden seguirse a través dos seus perfís nas redes sociais. Todos eles ofrecen algo máis que posibilidades gastronómicas, son tamén un exemplo da vitalidade social da normalización.
Teño a certeza de que hai 20 ou 30 anos isto sería imposible, non porque non houbese internet, senón porque daquela a educación represiva e o discurso oficial paternalista dunha lingua coutada e infantilizada, impedía que abrollase espontánemente a lingua galega en público. Lembremos que antes de que A Mesa realizase as súas campañas para a rotulación dos comercios na época de rebaixas, ningún comerciante as anunciaba espontáneamente en galego. Agora, acabamos de velo, isto non é así. Sen ningún tipo de premeditación, creáronse varias publicacións gastronómicas que abren para a nosa lingua un novo espazo ao tempo que demostran que o galego pode estar presente en calquera tipo de ámbito público. Hai vitalidade e cómpre que todos, individual e colectivamente, premiemos este tipo de iniciativas. Así, que parabéns e grazas a todos eles.
Mil grazas por recoñecer a nosa achega. Parabéns polo caderno e obrigadísimos polo detalle. Adiante entre tod@s!
ResponderEliminarUnha aperta!
Grazas a vos por compartir todas esas receitas.
EliminarTal e como comentei, foi o voso o primeiro dos blogues de cociña que atopei hai xa uns meses. Desde aquela sígoo desde o blogroll que teño aquí.
Moitísimas grazas por incluir o blogue nesta listaxe tan larpeira ;) É un auténtico pracer ler mensaxes coma esta sobre o blogue, fai que todo esforzo mereza a pena. Grazas e grazas!!! Apertas
ResponderEliminarO menos que debía facer era incluir o teu blogue, máis aínda cando teño pendente de facer a receita das galletas de manteiga (seguro que me sae mal, son un desastre cos postres, pero hei de probar)
EliminarSeguro que saen xenial, xa verás! :D Seguindo os conselliños, todo sae.
EliminarUnha boa lista, sigo de cerca os tres primeiros, apúntome os outros dous :)
ResponderEliminarGrazas, e se sabes dalgún outro, avísame, que aumentamos a lista.
EliminarMoitas grazas por incluir o meu blogue na túa escolma.
ResponderEliminarO mérito da entrada está nos blogues como o teu
EliminarEu sei de outros dous http://cervexeando.blogspot.com.es/?m=1 que xa leva moitos anos e http://aliciaentrereceitas.blogspot.com.es/?m=1
ResponderEliminarGrazas! A ver se podo facer outra entrada engadindo algúns máis.
ResponderEliminarO de cervexeando tíñao no blogroll, pero como había varios meses que non publicaba, pasóuseme.