Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 9 de febreiro de 2016

No 6º aniversario da multipresentación das 55 mentiras sobre a lingua galega

por  Francisco Fernández Rei, en ProLingua:

Para Xabier P. Docampo, irmánA idea de crear unha plataforma totalmente apartidaria na que puidese participar calquera persoa defensora do galego, á marxe da súa ideoloxía, débese a un loitador incansable e romántico, o chairego Xabier P. Docampo, cando na primavera do 2009 o novo goberno do PP da Xunta de Galicia anunciaba medidas desprotectoras para a lingua galega que ameazaban ir desmantelando o que tantos anos, e con tantas ilusións e sacrificios, custara erguer. O 4 de abril dese ano Docampo xuntou en Compostela un grupo de doce persoas, todas elas con anos de defensa da lingua galega –e non menos románticas ca el– para lles explicar o seu soño e como procurar facelo realidade. Semanas despois, por cooptación, o grupo inicial xa o formaban case 200 persoas, que a través de Internet discutiron e aprobaron o manifesto fundacional de ProLingua, que axiña se traduciu a varias ducias de linguas estatais e minorizadas.O 5 de febreiro do 2010, ás 20:30 hora local, esta apartidaria plataforma realizou unha acción impactante, a multipresentación do libro 55 mentiras sobre a lingua galega en 69 localidades de Galicia, do resto de España e do estranxeiro en varios continentes, ás que cómpre engadir un bo quiñón de presentacións días despois desa data en novos lugares. A obra dirixiuna Xosé-Henrique Costas, que contou coa colaboración dos seguintes membros de ProLingua: Ana Mª Outón Barral, Ana Mª Iglesias Álvarez, Xosé Manuel Pérez Sardiña, Xosé Luís Regueira Fernández, Agustín Fernández Paz, Francisco Fernández Rei, Xabier Cordal Fustes, Xosé M.ª Lema Suárez, Mercedes Queixas Zas, Alejandro Tobar Salazar e Xabier P. Docampo.No limiar salientábase que cando no século XIX se refundaban a lingua (e a literatura) galega moderna, “os seus inimigos pensaron que un par de mentiras serían abondo para desacreditala e facela desaparecer. Tamén hai pouco menos dun século, os entusiastas defensores do idioma esixían a súa oficialidade. Son parte da memoria comunal da mesma maneira que pasou ao esquecemento colectivo o nome desoutros que vertían descualificacións contra o galego, considerándoo un estorbo antes ca unha ferramenta”.Con afán de denuncia redactárase un libro útil, unha obra rigorosa que cun ton distendido avanzaba para desmontar por completo, unha por unha, as principais falacias que historicamente se verteran sobre a lingua galega, facendo fincapé nas que actualmente teñen un maior calado social. As 55 mentiras eran unha reacción organizada, limpa e contundente contra as difamacións dos que, por complexo, por mesquindade ou polas dúas cousas, o único que procuran é que esmoreza a lingua propia de Galicia. Un dos obxectivos fundamentais do libro era (e segue a ser) contribuír a desenmascarar as persoas que soamente coñecen palabras de exclusión, de segregación e de negación.Dicía o pedagogo Herminio Barreiro no fermoso título das súas memorias que recordar doe, e é ben certo; pero xa que onte, 5 de febreiro, foi o 6º aniversario da acción máis impactante e máis popular da curta historia da apartidaria ProLingua, considerei que debería lembrarse tal gozoso acto, porque non sempre doe recordar. No serán dese día máis de 5.000 persoas (case 200 estiveron nas mesas dos 69 lugares) converteron a insólita multipresentación das 55 mentiras nun emotivo e fermoso acto pola dignificación da lingua galega, o noso principal sinal de identidade. Era un elo máis na longa marcha para que un día se poida vivir plenamente en galego na terra onde agromou.Nas 69 primeiras presentacións, o mesmo día e á mesma hora, as palabras iniciais foron estas:
Agostiño de Hipona deu a definición de mentira máis aceptada e da que se foron tirando todas as que seguiron. Dixo: “mentira é dicir algo distinto do que se está a pensar co ánimo de enganar”.E xustamente diso trata o libro que imos presentar hoxe, 55 mentiras sobre a lingua galega. Análise dos prexuízos máis comúns que difunden os inimigos do idioma, libro que ProLingua quere ofrecer aos galegos e galegas e a todos cantos se solidarizan e os apoian na defensa da lingua propia de Galicia, co desexo de facer do ánimo de enganar dos negacionistas un ánimo de poñer a luz da verdade a alumar sobre dos prexuízos que atan a tantos e a tantas posíbeis falantes.A honra da verdade é o que nos dá a forza coa que estamos a loitar polos dereitos dos galegos e galegas que desexan e esperan mil primaveras máis para a lingua galega.Agradecemos a vosa presenza neste acto que é simultáneo con outros 50 en Galicia, pero tamén en Ponferrada, Madrid, Barcelona, Trintxerpe (Guipúscoa), Vitoria/Gasteiz, e no intre de estarmos a comezar esta presentación, xa se celebraron, neste mesmo día, as de Copenhaguen, Londres, Bruxelas, Tübingen, París, Bos Aires, Nova York, Cork, Nablús, Btehelem, Lisboa ou Saraievo. E con isto damos comezo ao noso acto aquí, en ____________.
Semanas despois, no blog Bouvard e Pécuchet Manuel Rodríguez Alonso facía unha recensión do libro titulada “Panfleto necesario e pertinente”, na que criticaba que ProLingua non fose máis dura co españolismo lingüístico, e que remataba con estas palabras:
Xa que logo libro estimable e máis que oportuno, pero que consideramos que é demasiado prudente. Se só nos defendemos, como pasa no fútbol, perderemos. Cómpre pasar ao ataque sen complexos e dicir quen somos e que queremos cada un de nós.
En nome de Prolingua, e como amigo de vello de Rodríguez Alonso, no seu día agradecinlle a súa crítica. Nun correo privado contestoume que era moi consciente de cal debía ser o ton do libro de ProLingua e que el na recensión dicía o que os autores non podiamos dicir duramente contra os españolistas; e confesábame: De feito que lin o libro con cariño e que quixen, a propósito da crítica, darlles máis caña.Cambados foi un dos 69 lugares da multipresentación das 55 mentiras sobre a lingua galega. Fixémola Pilar Ponte, Emilio Ínsua e eu, na Libraría Ramón Cabanillas, a uns pasos da casa onde pasou os derradeiros días da súa vida o Poeta das Irmandades da Fala que dá nome a esa libraría e que, velliño e enfermo, viñera de Baracaldo para morrer á beira do mar da Arousa onde nacera. Aquel serán facía un forte nordés, con ese frío que ben coñezo que seca e fai escachar os beizos, que non invitaba a saír á rúa; con todo, foi moita a xente que se achegou para participar nun acto a prol da Patria da Lingua Galega e encher o local; algunhas persoas tiveron que estar fóra, tratando de se protexeren do frío nordés.Sirva esta lembranza como mostra de inmenso agarimo para Xabier P. Docampo, que me embarcou na singradura de ProLingua, como fixo con tanta outra xente; e tamén quero que sirva para recordar aqueles que hai cen anos crearon as Irmandades da Fala e que traballaron arreo pola dignidade da lingua galega, sempre coa arela de o galego ser lingua normalizada nunha Patria liberada (e nunca máis asoballada). Eses soñadores e románticos irmandiños foron os primeiros en practicar o monolingüismo galego tanto na literatura como na produción científica.
Cacheiras-Teo, 6 de febreiro do 2016

Ningún comentario:

Publicar un comentario