Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 7 de febreiro de 2016

"As nosas letras", un blogue colaborativo

Cabeceira do blogue "As nosas letras"
Traio aquí este estupendo blogue colaborativo. Aínda que se anuncia como un espazo para compartir actividades centradas no Día das Letras, ao remexermos un pouco nel vemos que é moito máis. Neste blogue acubíllanse entradas de todo tipo, desde o entroido á celebración do Día Contra a Violencia de Xénero ou o Día da Paz.
Outra característica do blogue é que non se pecha a ningunha das etapas educativas non universitarias. Nel podemos achar anotacións de actividades do alumnado de infantil, primaria e secundaria. Os centros participantes, aínda que a maioría son CEIPS, son moi variados na súa procedencia xeográfica: desde Ferrol a Vigo, Ourense ou Tui.
A participación está aberta a calquera que queira compartir o traballo realizado na aula. Unha sensacional idea que pode multiplicar a visibilidade do traballo na normalización lingüística nas escolas.
Chamoume a atención que despois de levar remexendo seis anos no ámbito da normalización no ensino, ata estes días non batera con este blogue, que xa ten unha longa traxectoria. Isto significa que necesitamos de proxectos coma este para procurar unha mellor conexión e coñecemento entre os que partillamos os mesmos obxectivos.
O proxecto ten unha conta Twitter para facilitar o acceso aos seus contidos, así como un correo no que poñerse en contaco cos organizadores.


Ningún comentario:

Publicar un comentario