Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 16 de febreiro de 2016

Evanescencia na política lingüística

Hai uns días neste mesmo blogue faciamos unha denuncia  sobre a promoción que estaba a facer a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) dun concurso de microrelatos no que só se podían enviar textos en castelán. O caso apareceu tamén no dixital Praza Pública. Con todo,  non se soubo de ningún comunicado nin disculpa oficial. Isto non significa que ás oficinas da SXPL non chegara a noticia, máis ben hai indicios de todo o contrario.
A forma habitual de acceder aos comunicados emitidos pola SXPL é mediante a listaxe de Novas. Aquí aparecen todas as noticias que se publicitan desde este organismo oficial... ou aparecían. Se buscamos agora a invitación a participar nese concurso en castelán, publicada o 06/02/2016 dentro desa listaxe, veremos que xa no está. Hai unha do día seguinte (07/02/2016) sobre o concurso "Nós tamén creamos!", e outra do anterior (05/02/2016) sobre os premios de "Inventa en galego". Pero o polémico convite agora xa non aparece, esvaeuse:


Se a SXPL emitiu ese comunicado é porque houbo algún tipo de cooperación coa entidade convocante, a Fundación Camilo José Cela, para a organización do concurso de microrelatos e, a un tempo, non houbo ningún coidado nin garantía para que o galego estivera presente nunha coloaboración da SXPL. Agora inténtase ocultar a metedura de pata borrando o acceso á noticia desde o portal principal da entidade.
Non me sorprendería que, dentro dun tempo tamén desaparececera tamén a propia páxina da noticia. Ao contemplar este tipo de prácticas non podo deixar pensar que, cando se esvaen noticias ou ligazóns o que realmente está sucedendo é a ocultación da colaboración da Xunta no esvaemento da nosa lingua

Ningún comentario:

Publicar un comentario