Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 4 de febreiro de 2016

A importancia dos nomes do mar de Galicia


Ao repasarmos as entradas deste blogue non tardaremos en chegar a unha na que dabamos conta de boa parte deste mesmo vídeo que temos aquí. Alí recollíase, con baixa calidade, unha parte da intervención de Xosé Lois Vilar nese acto organizado pola CTNL o pasado 25/11/15, celebrado na Sala Capitol de Santiago: o LGx15. Por iso, e con moita máis razón que daquela volvo a destacar a intervención do experto en toponimia marítima, desta volta coa intervención completa e cun vídeo ben realizado.
É unha moi boa noticia que a CTNL comence a subir estes vídeos. Conviña estar moi atentos á súa canle de You Tube nestes vindeiros días para non perder as outras intervencións do LGx15.
Sobre o presente vídeo vai un adianto dunha das cousas que nos conta Xosé Lois Vilar nesta intervención de 15 minutos. Un pouco máis aló do Cabo Silleiro hai unha rocha que recibe o nome do Cunichán. Ao escoitarmos este topónimo non poñeremos en dúbida de que é propiamente galego, mais ao saber a súa orixe levaremos unha pequena sorpresa. O nome fai referencia a un barco inglés, que afundiu ao bater nesa rocha o 25 de xaneiro do 1906. O barco chamábase Collingham. Hoxe, para aparentar modernidade, para ser cool, prefírese as expresións inglesas ás autóctonas. Esta historia móstranos que unha lingua normalizada, de xente instalada e orgullosa da súa cultura, procede exactamente no sentido contrario. Teremos que aprender dos mariñeiros de Baiona que lle deron o nome a eses baixos que están por fóra do Cabo Silleiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario