Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 25 de febreiro de 2016

As augas que non falan

por Mercedes Rodríguez Fraga, no Buzón do lector de La Voz de Galicia:

Din que para vencer os medos hai que falar deles. Por iso decidín sentarme para intentar vencer o pánico polos últimos acontecementos relacionados coa nosa lingua. Si, a nosa lingua, a lingua propia de Galicia. Mal que lles pese a algúns, é así. Pensarán moitos que se trata de defecto profesional, pero neste caso, trátase soamente de xustiza. Estou tan acostumada a escoitar que hai que cumprir coa lexislación vixente, que hai que asumir o que nos toca... Pensan que dar a calada por resposta non é senón outra maneira de incumprir a lei. Pensan non; outra estratexia máis.
A tenor disto -e aproveito para ver se podo vencer outro medo tamén- vénme á mente o mal momento que paso cada vez que cruzo o encoro de Cecebre ou o de Abegondo. A inquedanza, cando paso o escaso medio quilómetro de ponte, resulta insoportable. Coas mans no volante fixo a mirada na chegada e intento escoitar algo que me faga distraer para non pensar na inmensidade da auga. Silencio. Nada. Nin un chío. Maldita sexa. Gracias ás novas tecnoloxías, o coche ten os mandos no volante, non teño nin por que desviar a vista cara ao navegador. Escoitar Better Sweet Symphony, para min un excelente exemplo de música independente (a voz vai por un lado, a banda, polo outro), dáme tranquilidade. Por fin, chego, prometéndome que non volverei facer pasar o meu corazón por tal brete polo menos nos próximos seis meses. Cando chego á casa, sempre a mesma pregunta da miña nai: Por que medo a augas mansas, a augas que non poden facer dano algún? Medo deberían dar as do mar, que ten fama de falso. Pero non é así. Non son eu a rara, xa o di o refrán: «Escapa do mar manso, que o bravo xa o ves vir». Non podo evitar preguntarme: Que haberá debaixo desas augas silenciosas? Parecen mortas, pero latexan. Que ocultarán?
Que garda o silencio das institucións públicas que deben velar pola Lei de normalización de 1983? Cantos anos levamos intentando escoitar un dato tranquilizador que diga que a realidade da nosa lingua é moito máis esperanzadora que nos primeiros anos da democracia? Durante os corenta anos nos que o galego se viu relegado a ser lingua de tixola e sacho, o medo era libre. Comprensible. Agora, temos a lei do noso lado, estanos permitido incluso a discriminación positiva. E aqueles que van de limpos pola vida, aqueles que respectan a lei máis cá ninguén, teñen que escoitar como o Consello de Europa lles ten que pedir -outra vez- que cumpran co ratificado na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias en 2001.
Ao final, todo vai saíndo á superficie, incluso do fondo das augas que non falan. Sinceramente, crían que facendo dúas actividades para os cativos ao ano en cada concello xa cumprían coa política lingüística? Esta foi durante moitos anos -e segue a ser- unha aparencia que hai que gardar. Son unha persoa que tivo a lingua galega como lingua nai, e sinto carraxe por esta humillación. Ante unha situación de desgaleguización, se realmente a pretensión é recuperar o lugar que lle corresponde á lingua galega, a vía non é elaborar programas puntuais senón instauralo na vida diaria dos máis pequenos. De aí a importancia da presenza do galego no ensino, tal e como se acordou en Estrasburgo. Obviar os acordos, señores mandatarios, é incumprir a lexislación. E estanllo a recordar continuamente.
E para compensar esa falta de interese, teñen que ser asociacións, como a Mesa pola Normalización Lingüística, que fai unha inmensa labor a prol da nosa cultura ou os Servizos de Normalización Lingüística dos concellos quen leven a cabo a verdadeira política lingüística. Estes servizos, tan vidos a menos nos últimos anos (non fai falla dicir por que) necesitamos máis recursos da Xunta para poder levar a cabo actividades de dinamización e instaurar a súa importancia na sociedade. Mamar dende ben pequenos a nosa cultura, e por ende a nosa lingua, é fundamental para que non teñamos que escoitar frases como que «con el gallego no vas a ninguna parte». Son claros vestixios de moitos anos de escurantismo. Acaso non temos todo o necesario para devolver á nosa lingua o rango que merece e que nunca debeu perder? De verdade que queremos unha política lingüística que fomente o desarraigo do noso?
Parei un intre. Isto parece que non funciona. O medo segue aí, o medo de que nun futuro próximo os verdadeiros fillos de Castelao nos atopemos sós nunha loita encabezada polo despotismo? The Verve comeza a soar. Pero eu non vexo o final deste encoro. Terei que coller folgos antes de que remate esta sinfonía agridoce, agardando o amencer que anhelaba Celso Emilio Ferreiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario