Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Marga Pazos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Marga Pazos. Amosar todas as publicacións

martes, 26 de abril de 2016

Precisamos a lingua se queremos vencer


Xa o ano pasado Marga Pazos foi protagonista nos Premios Mestre Mateo do 2015 por unha dobre razón. Por recibir o premio á mellor comunicadora, e polo seu discurso na recepción do premio que fóra destacado por ProLingua por amosar o seu compromiso como (re)transmisora da nosa lingua. Na gala deste ano volvimos a escoitarlle un discurso na mesma liña no que recollendo do imaxinario colectivo a impoñente figura de Castelao, e tomando como punto de partida o centenario a súa participación na primeira película de ficción galega, Miss Ledya, comenta:

se cadra, hai cen anos Castelao non podía supoñer que cen anos despois Galicia ía ter o seu propio sector audiovisual...., ou se cadra si. Seguramente si, porque Castelao era un home que tiña fe en nós. En nós como país quen de se erguer e de crer, e de crear. [...]

Temos unha televisión pública que ten como único accionariado os galegos e as galegas. E ao redor de todo isto toda unha industria que xera unha riqueza moi difícil de cuantificar. Eu non sei canto vale a supervivencia dun idioma, dunha cultura, dunha identidade. Como se pode tasar o que vale unha forma de ser, de pensar de vivir, que é o que nos define. Dicíao moi ben Manuel María:

“O idioma idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.
O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.
O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
Se perdemos a fala
non seremos ninguén!”
O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.
Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
Precisamos a lingua
se queremos vencer!

Con todo, a lingua parece ser o que menos importa nestes premios. A película que levou case todos, non estaba en galego. Nin tan siquera se sabe de ninguén que a puidera ver en ningún cine en galego. ... Ben, nin esa película nin ningunha outra. 

Máis en Saborea a lingua

xoves, 16 de abril de 2015

Marga Pazos, un premio para todos



A Coordinadora Galega de ENDL facía mención do excelente discurso de recepción do premio da presentadora do Telexornal Mediodía da TVG, Marga Pazos que foi recoñecida como a mellor comunicadora de televisión nos Mestre Mateo 2015.
Onte ProLingua felicitaba nun comunicado á presentadora por elevar o orgullo e a utilidade da nosa lingua no que se revelou como momento estrela da gala. Copio as palabras de Marga Pazos que reproduce ProLingua e que podemos escoitar no vídeo a partir do min 3:00, cando a premiada comenza a falar dos pais:
"a maior parte do mérito de que eu saíra na televisión era deles, porque eran dúas persoas moi valentes, moi comprometidas coa súa identidade, que me criaron, que me educaron, que me berraron temén algunha vez, pero me acariñaron sempre no meu idioma...en galego. [...]Grazas ao meu idioma teño traballo, e teño traballo no meu país, que hoxe non é fácil, traballo no meu país, para o meu país, e nese idioma sigo eu acariñando eu os meus pelouros"