por Inma López Silva, en La Voz de Galicia:
Admiro a eses que, querendo defenderse das críticas pola súa galegofobia, teiman en falar do galego coma dialecto. Vén isto a conto da dona do hotel de Asturias que logrou unha inmerecida propaganda a conta da súa glosa ao curriculum dunha madrileña que, sen ser apta para o posto de recepcionista por descoñecer varios idiomas a maiores do español, si exhibía con fachenda o seu alto nivel de galego, cousa que espertou o instinto maternal da muller que, amablemente, lle recomendou que se puxera a estudar linguas de andar polo mundo e non esas cousas dos nacionalistas. Cando montaron en cólera as asociacións de defensa da lingua, a pousadeira non tivo cousa de máis présa que chamarlles talibáns.
¿Pero quen é peor, o que se exaspera nas redes sociais cando se ve insultado pola ignorancia máis atrevida, ou o que mata o galego de tanto promover estúpidos prexuízos? Hai pouco oín a un que xustificaba con esta pérola a súa animadversión contra o galego: «Prefiero no hablarlo para no estropearlo». Mellor non poñelo nos curricula, mellor non contaminar hoteis de España con persoas que poden dirixirse aos galegos no seu idioma, mellor agachar a utilidade do galego como ponte natural con toda a lusofonía. Por detrás hai un novorriquismo estúpido no que o que interesa é a cantinela de sempre: que nos santuarios do capital non falen linguas de mariñeiros, de labregos, de negros e de pobres. É a fachenda do españoliño que se dedica ao turismo e que aínda non se coscou de que ultimamente, máis alá do Telón de Chistorra, a súa lingua significa a escoria de Europa, nun exemplo claro de que prexulgar linguas é cuspir para arriba.
Ningún comentario:
Publicar un comentario