por Mercedes Queixas no Sermos Galiza:
Benquerida e sempre estrañada avoa:
Andamos neste tempo revolto de muda estacional que ti sempre clasificabas como entretempo, acaído tanto para a primavera como para o outono, e que sempre me parecía que debía ser a nosa terceira estación galega de tránsito cíclico entre o verán e o inverno.
O certo é que este cambio de tempada comercial primavera-verán 2014 semella non ter transformado aínda unha tendencia que xa deberamos ter convertido en extemporánea: a repelente reiteración da agresiva carga negativa e inculpatoria contra a lingua galega, a lingua de teu que eu, a través de ti, convertín en miña. Ben sabes, avoa, o de sempre, como sempre foi, en boca dos de sempre e para tentar conseguir o de sempre.
O ruxerruxe mediático desta semana de paixón, morte, gloria e resurrección colocou no escenario procesional dos prexuízos e falacias lingüísticas dúas realidades ben encarnadas aínda nalgún sector da sociedade: por unha banda, a negación do galego como lingua (ai! ese dialecto usurpador da categoría de lingua, que ben o aclararían de leren Frei Martín Sarmiento!). Pola outra, a meritaxe do seu dominio e o debido cómputo valorativo dentro dun curriculum vitae co que se pretende optar a un posto de traballo nun hotel asturiano, isto é, por estratexia xeográfico-comercial, principal receptor de público galego (e galegofalante, abofé!).
Porque tolerar que algunas persoas rariñas e ben contadiñas nun recuncho quilométrico mínimo, ben cercado por valados físicos e psíquicos, teimen en o falaren entre si, xa vale!, mais é inaceptábel ousar impoñelo como mérito de coñecemento e á par do inglés, ese idioma tan útil para que a mocidade emigrante galega, hipertitulada e sobrecualificada profesionalmente, poida acceder a infrapostos de traballo (iso si, o afán de aventura polo mundo quen se atreve a llo negar!).
As lembranzas deste tempo, para min, de reflexión laica leváronme ao escenario familiar de hai vinte e cinco anos cando un bo día, avoa, con aceno severamente preocupado, lle preguntaches a esta ilusionada estudante de Filoloxía galega: Neniña, e ti pensas que estudiar o ghallegho che vai dar de comer o día de mañá?
Imposíbel, daquela e como agora, contar coa certeza absoluta na miña resposta. Con todo, había que intentar abrir os camiños para optar ao dereito dun lexítimo futuro laboral.
E a confirmación dun desexo inicial chegou en forma de orla fotográfica con toga, primeiro, e un destino profesional como funcionaria no ensino público pouco despois.
E custábache tanto crelo despois de toda unha vida enteira presa nun mostrador de carnicería, ao pé dun cepo de tallar que non cedía case nunca o paso ao mínimo e digno descanso…
Tiveras que te esforzar moito con exercicios de repetición memorística e anotacións manuscritas en pequenos anacos de papel agochados nos petos da saia ou na carteira de man para lles poder dicir á familia e ás amizades veciñas que carreira estraña era aquela en que andaba a enredar a túa neta máis vella na Universidade. A primeira xeración, por certo, en acceder na estirpe familiar a esta magna institución do saber.
Filoloxía galega, ensaiabas en voz alta demoradamente e soaba en ti con maiúsculas. Con todo, cando as olladas incrédulas interrogaban máis unha vez, ti xa sabías explicar con ese elevado dominio sempre procurado: vai ser profesora de ghallegho na escola dos maiores.
E xa todo ficaba aclarado e comprendido e contábasme que todos asentían admirados ante aquela descuberta que confirmaba que aquela lingua de seu, que nunca escoitaran nin á mestra nin na escola, nin por acaso en visita rápida e ocasional, nin tampouco leran en ningún libro, puidese ser explicada á par do castelán. E a conclusión era sentenza: logo, valer vale! É o noso!
A lingua que te acompañou a ti, avoa, desde o principio até a fin, só chegaches a lela na vellice. Nunca che permitiron achegarte á lectura dun libro en galego, nin tan sequera saber deles, por iso a sorpresa nos teus castaños ollos arregalados foi grande cando palpaches aqueles dous volumes meus iniciáticos: Os trovadores do Reino de Galiza e mais a Breve historia da literatura galega.
Eu si puiden ler moitos libros en galego, avoa, e as túas bisnetas supéranme longamente, tanto que hai tempo que perdemos a conta. Sei que isto ten que estar a che gostar, porque se escoito atenta o silencio, aínda me parece ouvir ese teu admirado Arre demo!
O 23 de abril celébrase o Día do Libro, unha data internacional en que o libro e a lectura en galego tamén teñen o seu espazo con méritos propios, aínda que non sempre xustamente visibilizado e recoñecido, nese cruce de camiños plurilingüe que convoca a biodiversidade creativa e expresiva.
Fronte aos depredadores de palabras e sementadores de silencios, o libro aberto en galego voa hoxe como nunca porque así o quere a fortaleza de moitas persoas que se implican e actúan para abriren portas e xanelas e deixaren entrar a luz nos nosos corazóns e nas nosas conciencias.
Hoxe, avoa, chiamos libros, chateamos mensaxes sobre eles nas redes e intercambiamos faladoiro nestas fiadas virtuais. O protagonismo central do libro e da lectura en galego está desta volta na orixe dunha iniciativa xa en andamento (http://www.crtvg.es/especiais/dia-do-libro) que ao conxunto da cidadanía dirixen a AELG, Gálix e mais a CRTVG, en que baixo o hashtag #enGalegoLeo convidan a partillaren gostos, intereses, vontades, pareceres, suxestións, provocacións, reflexións, desexos, porqués, títulos, autoras e autores… Os teus medos doutrora, dese pasado que nunca foi mellor, ao que dirán e a andar na boca do mundo convertémolos en escaparate de orgullo literario e moito nos parabenizamos deste noso dar que falar.
Ben me decato do teu estrañamento ao leres isto; é verdade que nestes últimos dez anos da túa ausencia a semántica das palabras mudou moito e como o galego é lingua moderna e apta para todos as modalidades discursivas e temáticas, agora chiamos como os paxariños, chateamos sen cunca de ribeiro, as redes permítennos repescar amizades entre saúdos novos e nas fiadas sen fíos botamos aturuxos e cantamos alalás que chegan a milleiros de quilómetros.
Mentres esta carta chega onda ti, avoa, eu xa che vou adiantando algúns dos meus chíos:
#EnGalegoLeo para regular o meu osíxeno#EnGalegoLeo porque preciso portas e xanelas abertas ao mundo#EnGalegoLeo para provocar as túas preguntas
Ningún comentario:
Publicar un comentario