Esta semana estivo a celebrarse no Teatro Principal de Pontevedra a XXXI Semana Galega de Filosofía organizada pola Aula Castelao. Presentamos aquí a conferencia impartida por Ana Iglesias,titulada 'Os galegofalantes entre dúas augas: a ideoloxía oculta nas palabras'.
Ana Iglesias usa unha metodoloxía de traballo cualitativo. Así o fixo no seu libro (que recomendo) Falar galego: "no veo por qué" e aquí presenta un adianto dun novo traballo sobre os discursos de rapaces que cursan 4º da ESO sobre os discursos presentes na sociedade sobre o uso da lingua. Estamos polo tanto, diante dun traballo que comparte moitas características co presentado por Valentina Formoso no libro Do estigma á estima. Efectivamente, a partir do minuto 1h:24m preséntanse varios extractos de relatos discursivos moi coincidentes na liña dos que recollía Valentina no seu libro.
Apuntes sobre a intervención de Ana Iglesias
Nesta conferencia recóllese o tópico dos prexuízos lingüísticos, mostrándonos como históricamente parten dun esquema de prexuízos de clase: os galegofalantes eran os campesiños e mariñeiros e os nobres e burgueses eran os que falaban en castelán. Así, etiquétase a lingua española como a lingua de cultura. Partimos de dous grupos sociais monolingües. É ésta unha sociedade bilingüe? Este estado de cousas, foi estable mentres non houbo posibilidade de mobilidade social nin de aprendizaxe da outra lingua. Este estatu quo rómpese coa industralización e a xeneralización do ensino obrigatorio.
Ana Iglesias fálanos dos neohablantes, que sería o termo co que poderiamos identificar a aqueles galegofalantes que abandonan o uso da súa lingua. O natural é pasar do galaego ao castelán, a este grupo non lle cómpren etiquetas. O estraño é pasar de falar castelán a falar galego, de aí que os etiquetados sexan os galegofalantes.
Falou dunha situación cualifacada como bilingüismo asimétrico: os galego falantes teñen a obriga de saber castelán para poder desenvolverse socialmente, pola contra os castelánfalantes non teñen por que saber falar en galego. Os galegofalantes cambian a súa lingua para moitas funcións: falar coas autoridades, o médico,.... É esta a situación da ditadura.
Coa chegada da democracia chega o Estatuto e a Lei de Normalización Lingüística. Estes cambios veñen acompañados dun discurso, o do bilingüismo harmónico. Un discurso no que se nega o conflito lingüístico, que se aplica ao individuo, e cun uso non condicionado. Frente a el propúxose outro, o da diglosia que recoñece o conflito de carácter social e que fala dun uso das linguas segundo algún criterio. Agora ben, así atopámonos cunha palabra, bilingüe, con connotacións positivas e que é a empregada por aqueles que rexeitan a normalización do galego; e pola contra temos outra, diglósico, cargada de referencias negativas e que se lle aplica en exclusiva aos galegofalantes.
O grupo dos monolingües castelánfalantes só reaccionaron cando viron que lles tocaban os seus privilexios pois ata o momento non houbera ningunha medida que apostara pola normalización lingüística.
Nunha situación de desilgualdade social, falar de liberdade de elección sempre significa a discriminación do grupo en debilidade.
Fala da denominación do decreto do plurilingüismo que por primeira vez establecía un máximo ás horas de aulas en lingua galega, nun novo caso de apropiación do termo plurilingüismo. Con este decreto incídese na inxustiza para o galego nun contexto de desigualdade.
Despois de toda a apropiación dos termos como bilingüe, quen son os realmente bilingües? A resposta está clara. Se un aprende a falar en galego, ten moitas oportunidades fóra do ámbito familiar para aprender o castelán. A inversa non existe. Únicamente o ensino pode equilibrar esta situación, pero para isto compriría unha aposta decidida pola normalización.
Ana Iglesias tamén falou do proceso de normativización como parte do de estandarización, destacando unha data, a do 2003, cando se consolidou a normativa de concordia. Este momento foi unha oportunidade perdida porque non se lle dou a importancia que tiña.
Outra data importante, que tampouco se transmitiu á sociedade, foi o 2004 coa aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
Tamén se falou da importancia da calidade lingüística dentro do discurso normalizador.
A tese de Ana Iglesias é que hai grupos de galegofalantes resistentes aos dous discursos sobre a lingua galega, tanto o do bilingüismo como o da diglosia. Este grupo distribúe segundo as funcións o uso das linguas, mesmo o uso de variedades de galego. Hai pois, unha diverxencia entre os discursos e as prácticas reais dos falantes.
De interese:
Recensión do libro Falar galego: "no veo por qué"
Vídeo de UVigotv coa intervención de Ana Iglesias nas I Xeiras da Lingua
Actitudes e prexuízos lingüísticos en Galicia. A súa influencia nos usos, artigo na revista A letra miúda da CGENDL
Ningún comentario:
Publicar un comentario