Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 19 de abril de 2014

¿Cabe un Día das Letras Galegas para Enrique Peinador Lines?

por Xosé González Martínez en Mundiario:


Nunca acontecera tal cousa desde que se fundara a Real Academia Galega; pero foi así: unha ampla representacións dos seus académicos co seu presidente reuníronse co Foro E. Peinador os pasados días no Balneario de Mondariz para debatermos proxectos de normalización lingüística. A anfitrioa de tal encontro foi a Fundación Mondariz-Balneario que retomando o fío da historia quixo rememorar aquelas xuntanzas que Enrique Peinador Lines tiña por costume convocar para poñer en marcha iniciativas que artellasen a sociedade galega arredor da innovación e galeguidade; un idealista e ilusionador de grata memoria.
Nun ambiente distendido e con todas as formalidades do caso fóronse sucedendo as intervencións de académicos e empresarios ás que se uníu a do alcalde do Concello, Xosé A. Lorenzo, celoso administrador da memoria de Mondariz-Balneario, que deu a benvida aos participantes. O académico Xosé Ramón Barreiro aleccionounos sobre os perfís biográficos de Enrique Peinador Lines e o seu activismo militante do galeguismo do seu tempo. Un empresario que soubo combinar con sabedoría e acerto o éxito internacional daquel balneario coa defensa da nosa identidade e de todas as súas manifestacións singulares.
O Foro E. Peinador, en liña co que vén postulando desde a súa creación, trasladoulles aos señores académicos a súa preocupación polo Día das Letras Galegas que considera unha práctica reducionista da cultura e lingua galega. Desde 1963 deica hoxe estivo dedicada ininterrompidamente a poetas e novelistas. Aínda sendo positivo o labor realizado neste dilatado período de tempo é o momento de reorientar a súa celebración para facer fincapé noutras e novas mensaxes dirixidas a outros sectores da sociedade moitos máis númerosos e decisivos no porvir de Galicia que o do mundo da cultura. Cómpre recuperar o diálogo con eses axentes sociais e nomeadamente o empresarial para que o discurso da galeguidade sexa transversal e global facéndoos copartícipes da regaleguización de Galicia.
Por esta razón o Foro E. Peinador vén de propoñerlle á Real Academia Galega que o Día das Letras Galegas de 2015 se lle dedique a Enrique Peinador Lines ou a Isidro Parga Pondal que, amais de académicos, foron modelos de empresarios no compromiso coa causa galega, sendo este último investigador de recoñecido prestixio internacional. Ao tempo, pídeselle á RAG un oportuno achegamento ao proceso de normalización idiomático instando ás cen empresas máis importantes do País a fomentar o uso da lingua galega nas relacións laborais, na sinalética, páxinas web, nóminas, publicidade e etiquetaxe.
É urxente recuperar o diálogo entre a empresa e a identidade galega seguindo as experiencias históricas de empresarios modélicos como Enrique Peinador Lines, Isidro Parga Pondal, Antonio Fernández, Ramón Obella Vidal, Álvaro Gil, Xesús Canabal, na diáspora, Isaac Díaz Pardo, Ramón Castromil e Valentín Paz Andrade a quen, por certo, se lle dedicou o Día das Letras do ano 2012 obviando a súa condición de empresario e desaproveitando, xa que logo, esa circunstancia para tecer o discurso da galeguidade empresarial.
A transversalidade da política lingüística é clave fundamental para que o noso idioma se asente noutros espazos de uso; o empresarial debe ser unha prioridade inaprazable.
O encontro foi positivo porque quedaron as portas abertas a futuras colaboracións e o compromiso da Academia de debateren as propostas do Foro E. Peinador no próximo plenario.

2 comentarios:

  1. A min paréceme unha idea excelente.Sería un bo reclamo para a nosa cultura.Un persoeiro atractivo.Ás veces homenaxeando a autores pouco coñecidos non conseguimos seducir a novos lectores.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Non sei se Enrique Peinador ten algo de obra escrita, en todo caso a súa importancia será menor.
      Creo que a idea do autor do artigo tira máis por reivindicar a importancia da galeguización do mundo empresarial e non centrarse en figuras únicamente literarias. Pero como se comenta, xa se adicou o Día das Letras a Valentín Paz Andrade, e penso que daquela si que se lle dera certa relevancia ao seu labor empresarial, mesmo desde a CGENDL fixéronse chamadas neste sentido.
      Que o mundo empresarial viaxe de costas ao galego é unha característica máis da diglosia na que vivimos. Pode ser boa idea tirar da data para procurar unha maior galeguización da empresa, pero basta ver o que pasou no 2012 con Paz Andrade; e sen medidas políticas realmente decididas a favor da recuperación de espazos para o galego (e polo tanto detraimento dos do español) podemos elevar aos altares a todos os empresarios que se nos ocorra, que nada cambiará. Non ten sentido pensar que se vai avanzar así nin unha polegada se mentres, por exemplo, desde a Xunta se desprecia a esixencia do coñecemento do galego para o acceso a empregos públicos.

      Eliminar