Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 19 de abril de 2014

Carta aberta ao Hotel Rural Arredondo

Nas Voces de Prolingua:


Estimada Sra.,Estes días xerouse unha polémica, que puidemos seguir a través do xornal La Voz de Galicia, despois de que vostede respondese o envío dun Curriculum vitae cun correo electrónico no que mostraba o seu desprezo polo coñecemento do idioma galego. Dende logo, como propietaria do Hotel Rural Arredondo, ten plena liberdade de escoller o persoal segundo os criterios que considere; pero non ten ningún dereito a desprezar unha persoa por indicar que ten un bo dominio da lingua galega.
En palabras súas este feito resúltalle “de todo ridículo, absurdo e innecesario” e atrévese a suxerirlle que o elimine por non ser unha boa carta de presentación. Eses tres adxectivos son intolerables, como o demostra a indignación da persoa que recibiu a súa resposta, que nin é galega nin ten familia galega; pero non foi menor a indignación de moita xente de Galicia, tanto galego como castelán falantes, e doutras partes de España, mesmo de Asturias, e do estranxeiro, que estes días non deixaron de manifestar no citado xornal e nas redes sociais o seu malestar polas súas palabras despreciativas.Moitas destas persoas son potenciais hóspedes do seu hotel, pois, como ben sabe, ata Asturias desprázanse moitos galegos para pasar as vacacións. Seren atendidos na súa lingua agradaríalles, aínda que vostede pensará que leva anos tratándoos en castelán e nunca nada pasou; así e todo, saber unha lingua sempre é un valor engadido, ao igual que saber do seu desprezo pódelle restar clientes de Galicia e tamén doutras partes do Estado, tal como se deduce dos numerosísimos comentarios suscitados.Engade na resposta que “el gallego lo puede utilizar en Galicia nada más creo”; pois cre mal, xa que o galego pode empregarse alí onde o atendan ou entendan nesa lingua, o que fai que nisto non se distinga de ningún outro idioma. Quizais descoñeza que nos períodos de vacacións moitos galegos acoden a establecementos hoteleiros do Val do Ellas (Estremadura), porque nesta zona de Cáceres se usa un falar esencialmente galego; ou que a lingua galega se emprega na etiquetaxe de moitos viños de denominación de orixe como unha marca de prestixio, caldos que se exportan a toda España e a países estranxeiros tan afastados como Xapón ou Estados Unidos de América.En realidade non importa iso nin que se estude en trinta e seis universidades do mundo ou que moita xente consiga traballo grazas a saber galego ou, cando menos, que se lles valore en positivo, porque a súa actitude non vai mudar por isto, pero quizais cambie ao ver as queixas de persoas que falamos galego ou que simpatizan cos que o defendemos. É totalmente inaceptable dicirlle a unha persoa que é “una lástima que haya perdido el tiempo en estudiar ese ‘idioma’ y no en otros más elementales”, porque estas palabras denotan moita ignorancia e prexuízos moi interiorizados contra as linguas minorizadas que tantos millóns de españois usamos diariamente.Certamente o galego non serve para traballar no Hotel Rural Arredondo, pero pode ter a completa seguridade de que a moita xente lle abre portas profesionais e a outras sérvelles simplemente para comunicarse cada día, que é a principal función dunha lingua. Vostede insiste en que hai idiomas “elementais”, pero nós dicímoslle que depende para que, porque a función máis elemental de calquera lingua é a comunicación e, xa que logo, tanto para nós o galego é a nosa lingua elemental como o foi para a persoa que lle enviou o currículo para poder traballar no seu hotel.Na entrevista que este xoves lle fan a vostede en La Voz de Galicia manifesta que lle parece ben que se conserven as linguas “pero no en este plan talibán. No tengo nada en contra del gallego ni de los dialectos, aquí en Asturias se habla una cosa que se llama bable que es inventada absolutamente”. Con estas declaracións vostede ofende co termo talibán, entre outros, a quen usa e defende o galego; cómpre que saiba que moitos o usamos diariamente con amable intransixencia porque estimamos o que é noso e porque queremos vivir nunha Galicia onde algún día sexa normal (e non excepcional como hoxe ocorre) usarmos a lingua propia desta terra, o que non impide que teñamos total respecto polas persoas que falan diferente de nós. E vostede tamén ofende a tantos defensores da lingua asturiana, sobre todo aos que nos últimos 40 anos, navegando case sempre co vento pola proa, moito levan feito para construír e facer visible unha lingua literaria de calidade, que é tan “inventada” como o é a lingua castelá ou a francesa, que no seu día eran simples dialectos do latín, como tamén o eran o galego ou o asturiano.ProLingua, plataforma apartidaria a prol da defensa e da promoción da lingua galega, con esta carta só desexa facerlle chegar a indignación de todos os seus membros e asemade a de moitas persoas que senten o mesmo malestar. Oxalá vostede reconsidere a súa actitude negativa cara ao galego (e ao asturiano e ás outras linguas minorizadas españolas), porque tamén somos clientes e gústanos que nos traten con respecto, e aínda que coñezamos outras linguas, para nós o galego é a elemental.ProLingua, 18 de abril de 2014

Ningún comentario:

Publicar un comentario