Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 13 de abril de 2014

Blanco Amor connosco

por Xosé González Martínez, sobre o encomiable traballo de relanzamento do premio literario Blanco Amor, no Faro de Vigo:


O día 1º de decembro de 1979, falecía en Vigo Eduardo Blanco Amor. Coa súa morte a literatura galega perdía un dos mellores cultivadores da novela. O Concello de Redondela por aquelas datas quixo amosar o seu pesar por tal perda convidando aos concellos galegos a participar na primeira iniciativa cultural municipalista coa creación dun premio que levase o seu nome. A resposta foi inmediata: trinta e cinco corporacións municipais aprobaban nos respectivos plenos o apoio con cadansúa aportación de vintecinco mil pesetas para poñer en marcha un proxecto que habería ir rotando polos concellos mediante sorteo.
En 1981, convocouse a primeira edición do premio dotado con medio millón de pesetas se lembro ben. Con tal motivo organizáronse diversos actos para facer copartícipes da iniciativa aos veciños: un concerto no que participaran Milladoiro, Miro Casabella, Saraibas e outros grupos musicais e cantautores daquel tempo; Correos puxera en circulación un mataselos que contribuíu a divulgar o premio en toda a correspondencia; editouse un libro titulado "Homenaxe a Blanco-Amor" no que colaboraban Xosé María Álvarez Blázquez, Xosé Luís Méndez Ferrín, Camiño Noia, Alfredo Conde, Camilo Gonsar, Carlos Casares, Fernández del Riego, Paco Martín,etc. con ilustraciós do pintor Alfonso Sucasas.Un xurado de personalidades relevantes, críticos literarios, formado polos profesores universitarios Basilio Losada Castro, Camiño Noia Campos, Benito Varela Jácome e Antón Santamarina Fernández, entre outros, decidíu que a "A vila sulagada" de Daniel Cortezón fose a novela premiada. A entrega solemne do premio celebrouse cunha velada literaria seguida dunha cea na que participaron máis de duascentas persoas no Restaurante "Pájaro Pinto" de Redondela. Días despois, celebrouse o sorteo para decidir o concello organizador da segunda edición correspondéndolle tal honra ao ourensán d´O Irixo.Foron moitos os autores que en anos sucesivos foron premiados: Victor F. Freixanes, Xosé M. Martínez Oca, Alfredo Conde, Miguel Suárez Abel, Úrsula Heinze, Xavier Alcalá... con títulos que acadaron éxito e o interese dos lectores, que lle deron ao premio o seu merecido recoñecemento nos ambientes literarios, chegando a ser o máis importante dos convocados en Galicia, tanto polo seu prestixio como pola dotación económica.Como toda obra de longa duración no tempo tamén o premio acusou a fatiga. No devalar dos trinta anos de existencia o empeño que puxeron os concellos encargados de convocalo foi desemellante. Por iso, alertados polo Concello de Ferrol –que foi o último en convocalo–- dos problemas de financiamento, o Concello de Redondela retoma a tarefa do seu relanzamento coa convocatoria da trixésima terceira edición cun plan de rescate que inclúe modificar a aportación para que esta non sexa unha carga inasumible para os orzamentos municipais con poucos recursos, e ábrelles as portas da participación ás catro deputacións provinciais.Cómpre salientar tamén a colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Administración Local, que non participan con achegas económicas, intentando mobilizar aos concellos galegos para constituír un grupo numeroso que faga fronte á dotación económica do premio.
O Concello de Redondela ten xa preparado un programa de actuacións culturais diversas nas que inclúe un concurso para premiar a imaxinación dos comerciantes na presentación dos escaparates con obras do Blanco Amor. Porque como moi ben dixera el: a galeguidade ten que deixar de ser unha exclusividade de intelectuais e políticos para ser un labor popular.

Ningún comentario:

Publicar un comentario