por Goretti Sanmartín Rei, no Sermos Galiza:
Hoxe, 1 de abril, comezan os cursos CELGA en distintas localidades do país. Estes cursos, moitas veces obxecto de polémica, están nestes momentos no centro da crítica: Consellaría de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística deciden prescindir do profesorado colaborador habitual e ofrecer a posibilidade de os impartiren a docentes co seu posto de traballo consolidado. O reclamo para o funcionariado o pagamento como horas extras.
A cuestión non é menor. Cómpre saber que este profesorado colaborador procede dunha listaxe de persoal en situación de desemprego e que estas persoas malresisten, economicamente falando, neste noso país, grazas tamén á posibilidade de impartiren algún(s) destes cursos. Detrás desta decisión hai dramas persoais que veñen a se incorporar a unha listaxe tan longa que arrepía: a emigración da mocidade, tamén da moi preparada; a procura de duros traballos alternativos para unha unha xeración de especialistas, toda unha xeración perdida para a planificación lingüística e o compromiso normalizador!... E, daquela, os debates que escoitamos estes días ao noso redor son sobre se é mellor subsistir coa axuda do contorno máis próximo -tamén para educar crianzas na nosa lingua-, nunha continua dependencia que non sempre é doada, ou se o que toca é facer as malas e botar a andar. Mentres, as persoas que teñen responsabilidades miran para outro lado e gardan silencio.
Mais o esperpento continúa, porque a decisión provén xustamente da chamada de atención da inspección de traballo por non recoñecer a Consellaría de Educación a relación laboral deste profesorado. Porque o que pretendían as autoridades era que o labor realizado por estes/as docentes continuase a ser invisíbel, tan invisíbel que está demostrado que era unha fraude. E a maneira de responder a unha situación irregular, a aquilo que se demanda a empresas e particulares -e que hai que asumir- non é arranxar esta situación e comprometerse a que isto non volva a acontecer. O que fai a Administración é prescindir dese profesorado, facer como se non existise, como cando Meilán se empeñou en que na UDC nunca houbera Filoloxía Galega, lembrades? Gustaríalles, supoño, poder pagarlles un billete permanente para as Canarias, como cando se limpa unha cidade para que o que molesta non se vexa. Case me atrevo a propor que lles paguen unhas vacacións (con retorno obrigatorio incluído) entre o 1 de abril e o 7 de xuño, as datas do curso, porque o problema non é de cartos, senón de negar a evidencia de estaren as autoridades a incumprir a propia lexislación. Entre outras cousas, as persoas que traballan posúen o dereito de ter Seguridade Social. Mais é a propia Xunta a que nega ese dereito ao profesorado colaborador e a que decide eliminalo..., para que non cheire. A explotación en estado puro: fai o traballo, mais eu non cho recoñezo.
Para continuarmos afondando na cuestión, aínda que non é este o lugar para realizar unha avaliación do labor desenvolvido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística nos últimos anos, imos resumilo en ben poucas palabras: expulsan o galego do ensino e dedican todos os seus esforzos a argumentaren que ese non era o lugar para fomentar o seu uso, que xa hai festas abondas por todos os recunchos da nosa xeografía.
Entre a avaliación do labor desenvolvido pola SXPL sempre estivo a formación, un ámbito en que se investiron moitos cartos e onde si houbo un esforzo (non sempre ben encamiñado) para chegar a espazos moi diferentes. Agora a Secretaría Xeral de Política Lingüística fica mesmo sen a formación, sen case o único que podía ofrecer á sociedade galega e faino sen dar explicacións, dando por boas as instrucións do organismo que ditamina que é ético que os cursos CELGA sexan impartidos por docentes que teñen outra dedicación. Aquelas poucas persoas que ven aquí unha fonte de ingresos extra que saiban que, de non se uniren á causa, probabelmente poden acabar por teren que incorporar esta docencia ao seu horario lectivo, talvez a maiores da dedicación actual e sen ningunha compensación económica, eses son os tempos que padecemos. Aínda así, non era preciso coñeceren isto para se negaren a deixar sen unha pequena axuda, unha mínima saída profesional a ducias de persoas cuxa situación representa simbolicamente o exterminio do galego a que nos están a conducir.
Para algunhas persoas só fica unha cuestión por resolver, haberá quen poida coñecer esta situación e continuar o seu labor sen se solidarizar? Para outras aínda falta estoutra: poderá o secretario xeral de Política Lingüística continuar no seu cargo e non dimitir?
Hoxe, 1 de abril, non deberan comezar estes cursos, agás que as autoridades dean marcha atrás e volvan contratar o profesorado colaborador e a resolver, a medio prazo, esta situación. De, aínda así, persistiren en continuar con eles, propomos unha actividade para a primeira sesión dos cursos, un tema teórico e unha práctica, para combinar a pescuda sobre quen somos e de onde vimos e o emprego das tecnoloxías na nosa lingua:
Nomes e apelidos frecuentes en galego.
Colle a listaxe do profesorado colaborador do CELGA, le os seus nomes e apelidos en voz alta, pescuda sobre os significados daqueles que chamen a túa atención. A continuación, elixe algunha destas persoas, procura o seu contacto nas redes sociais e pregúntalle as causas de non impartir cursos este ano.
Para avaliarmos esta primeira sesión, teremos en conta o que acontece na segunda. A actividade funcionou perfectamente se na segunda non hai alumnado... até conseguirmos mudar esta situación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario