Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 18 de abril de 2014

A Cantata a Cabanillas (e a Galicia) de Takekazu Asaka, o brigadista que veu de moi lonxe

por Francisco Fernández Rei, nas Voces de Prolingua:

Takekazu Asaka é profesor de Filoloxía Románica da Universidade Tsudajuku de Toquio, a súa cidade natal, onde leva un bo quiñón de anos facendo de embaixador da lingua e da cultura galegas; e desde que en 1989 veu a Galicia por vez primeira, as semanas que cada verán pasa entre nós exerce como auténtico brigadista na defensa da lingua galega, o que o leva a usala sempre con naturalidade en calquera situación e a reclamar, por ex., que nun restaurante lle dean a carta en galego ou a pedir que lle falen neste idioma, o que ten descolocado xente con moitos prexuízos sobre a utilidade da lingua galega que ve con estrañeza (e á vez cun aquel de admiración) como un xaponés se expresa en galego de xeito normal, aínda que cun sotaque particular.
En 1993 editou unha gramática do galego moderno para xaponeses, seguida dunha guía de conversación e dun vocabulario básico trilingüe (galego-castelán-xaponés), para logo centrarse no estudo da situación sociolingüística do galego en Galicia e nas comarcas estremeiras de Asturias, León e Zamora, á vez que traducía á súa lingua poemas de clásicos galegos. En 2009 publicou unha edición bilingüe dos Cantares gallegos de Rosalía e en 2011 un breve estudo con textos da obra de Cabanillas, así como a obra Coñecer Galicia, 50 capítulos en xaponés cos que quere dar a coñecer Galicia enteira no Xapón.Hai uns meses a editorial Ronsosya de Toquio publicou un novo libro de Asaka, Cantata a Ramón Cabanillas (subtitulado en xaponés Galiza, canzón da alma), que para a súa edición contou coa colaboración da Secretaría de Estado de Cultura do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte do Goberno de España e mais do Concello de Cambados, que quere que o libro estea en todas as bibliotecas dos centros de ensino do municipio.A Cantata ábrese cun limiar (en galego e xaponés) da miña autoría, seguido dun amplo capítulo (en xaponés) no que Asaka debulla a vida, a obra e os perfís da personalidade de Cabanillas, que ilustra con fotos referidas do poeta e de portadas das súas obras. A continuación figura unha escolma de 18 poemas (en galego e en xaponés), con diversas fotos e notas para que os lectores de Xapón poidan entender e imaxinar os textos e a paisaxe de Cambados (e do Salnés).A fermosa cuberta da obra realizouna o deseñador xaponés Sigueru Usui, a partir de suxestións de Asaka, que quería que contivese referencias inequivocamente galegas: un prato de Sargadelos cun nó ou lazo céltico, que simboliza a modernidade industrial enraizada na terra; e uns toxos, esas populares e humildes plantas, que simbolizan en certo modo a paisaxe galega.O libro acompáñase dun CD con oito poemas da escolma (“O cantar do que se alexa [Ceíño da miña aldea]”, “Camiño longo”, “Chove...”, “Tódol-os dias”, “Meus irmáns, “O Rei tiña unha filla”, “Aureana do Sil” e “Foliada”), que interpretan a soprano Miho Haga e a pianista Rika Nishikawa. Haga graduouse no Departamento de Música Vocal do Conservatorio de Toquio e estudou ópera no Conservatorio de Milán; Nishikawa estudou no Departamento de Piano de Conservatorio de Toquio, cursou o Doutoramento no Conservatorio de Madrid e participou nas xornadas de “Música en Compostela”, onde coñeceu Antón García Abril, que musicara textos de Rosalía de Castro e de Ramón Cabanillas.Asaka explicáballe á soprano o sentido deses poemas de Cabanillas en xaponés, mentres a pianista buscaba as partituras das cancións, todas elas vencelladas á música culta, mercé a compositores coma o citado Antón García Abril, Xavier Monsalvatge, Manuel Blancafort, Jesús Guridi ou Ataúlfo Argenta, cancións que se puideron escoitar en diversos escenarios de Cambados no inesquecible Ano Cabanillas 2009 co que se conmemoraban os 50 anos do falecemento do poeta das Irmandades da Fala.Despois de moitos ensaios, o CD da Cantata gravouse no Centro Musical da cidade de Hiratsuka; e nada máis editarse o libro, o 23 de novembro de 2013 celebrouse un acto na cidade de Yokohama na que as dúas artistas xaponesas interpretaron esas cancións cos textos de Cabanillas. Como reclamo publicitario do acto caligrafáronse os textos en galego de “Camiño longo”, maxistralmente interpretado, e de “Foliada”.A finais do vindeiro mes de xullo (ou a comezos de agosto) presentarase este audio-libro en Cambados nun acto no que se prevé que, á parte de Asaka, interveñan a soprano Haga e a pianista Nishikawa para cantaren a Cabanillas. Esta particular homenaxe ó poeta que nacera na viliña de Fefiñáns será o preludio dos actos que no concello de Cambados (e esperemos que no Salnés e noutras bisbarras) se fagan no 2015 para conmemorar o centenario da edición de emblemático Vento mareiro, poemario co que Cabanillas “aggiornou” a linguaxe poética galega despois do cativo nivel da lírica do período de entre séculos.Para min é unha inmensa satisfacción ver que Takekazu Asaka segue a traballar arreo a prol da difusión da lingua e da cultura galegas no Xapón, e co mesmo entusiasmo e xenerosidade de cando nos coñecemos hai agora 25 anos. Takiño, que é como quere que lle chamemos os amigos, acabou converténdose nun dos principais representantes do que Suso Acevedo bautizara como a forza que vén de lonxe, neste caso, unha forza que nos chegou de moi lonxe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario