Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 23 de abril de 2014

+ 1 = + 170 000 000

por Eva Carrión del Pozo, nas Voces de Prolingua:

Hai dous tipos de persoas: as que saben sumar e as que non. Parece moi sinxelo pero isto da adición ten o seu aquel, porque neste mundiño non todo é o que parece e, xa que logo, un máis un ben pode resultar tres e mesmo catro. Eu aprendino rápido, supoño que por ser eu andaluza e vir dunha terra cuxa identidade actual está construída sobre os alicerces dun mosaico de culturas ancestrais. Ou seica é legado dunha devanceira fenicia, comerciante ela e ben dotada para os números; que xa se sabe, “amighiños si, pero a vaquiña polo que vale”. E canto vale unha lingua? Canto vale o galego?Debo confesar que nun primeiro momento, e xa van aló máis de nove anos, eu pensaba que o prezo exacto do galego correspondía a 6 créditos de libre configuración da licenciatura de Tradución e Interpretación na miña Universidade de Granada. Coitadiña de min, aínda non sabía onde me metía! Fixen contas, multipliquei, dividín, fíxenlle a raíz cadrada, mais seguían a faltar números, había cifras que me escapaban. Así que, daquela viaxei ao lugar onde nacen as súas verbas para cadrar as contas. Atallar o problema dende a súa orixe sempre foi o máis doado e recomendable; pero neste caso, os números enleáronse aínda máis. Atopei moita xente que restaba e mesmo esoutra que me dicía que tiña que multiplicar por cero. Axiña o comprendín todo, o valor dunha lingua non depende das operacións aritméticas que fagas con ela, depende da amplitude de miras da sociedade na que se desenvolve. E hoxe sei que para min o galego ten o valor dos soños.Nesta lingua fun quen de dar os primeiros pasos na miña profesión e grazas a ela engadín un xogo de linguas máis ao meu haber, o que supuxo unha ampliación de mercado. Paseniño fun acadando moitas das miñas metas. En galego coñecín xente de todo o mundo coa que aínda comparto unha bonita amizade forxada na lingua. Xamais imaxinara o que emociona volver escoitar o galego con voz inglesa, ucraína ou polaca neses reencontros internacionais en Santiago de Compostela. Nin as anécdotas que me traería falar nesta lingua, seica a miña devanceira non foi fenicia e veu de Cangas, ou iso pensan os que me escoitan falar galego... Aprendín que o galego non só serve para andar por Galicia, senón para andar polo mundo; e que tamén hai moita xente que sabe sumar. Non che é moi difícil, proba e verás como che cadran as contas.Eu por fin sumei ben e, aparte dos galegofalantes, esta unidade lingüística deume ademais aproximadamente 170 000 000 de falantes máis e as fronteiras lingüísticas de medio mundo abertas a vagaván. Agora xa, lonxe de Galicia, enténdome con Portugal, parte de América, África, India e mesmo China e os falantes sábeno valorar. Cantas veces agardaron por min no meu traballo de atención ao público en Andalucía para que os atendese na súa lingua, mesmo estando o meu compañeiro libre! Precisamente por iso, porque hai xente que sabe sumar. E o galego sempre supón un plus, un plus na vida, no currículo, nos soños. Unha lingua, sexa a que sexa, é sinónimo de riqueza cultural, de identidade, de conciencia e só con individuos conscientes de seu podemos construír unha sociedade ceibe, unha sociedade comprometida coa causa común de vivir.Eu téñoo claro, e ti? Sumas? Súmate ao galego!

Ningún comentario:

Publicar un comentario