As candidaturas seleccionadas nesta edición son:
Fernando Vázquez, xogador e adestrador. Emprega habitualmente a lingua galega ante os medios de comunicación e nos actos públicos e defende o seu uso e promoción implicándose activamente en diferentes iniciativas normalizadoras.
María Xosé Silvar “Sés”, cantante. Coa mesma actitude enérxica e contaxiosa que define os seus directos, o seu compromiso co idioma queda claro cando expresa “Fago música en galego porque son galega e estou lonxe de avergonzarme de selo”.
María Mera, actriz e presentadora. Utiliza o galego de maneira habitual no seu traballo, nos eventos que presenta e nas súas manifestacións públicas en xeral, e defende a súa promoción social como demostra na campàña Como cho digo :-) polo uso da lingua nos medios de comunicación
Esther García del Barrio, licenciada en paro. Madrileña de nacemento, viviu un tempo na Coruña e aprendeu con interese a lingua da súa terra de acollida, por iso non dubida en engadir o seu coñecemento alto en lingua galega no currículum. Apareceu últimamente moito nos medios porque un hotel rexeitou o seu currículum ao considerar que o galego é “absurdo, ridículo e innecesario” .Esther afirma que por nada do mundo eliminará o galego do seu currículo e que está moi orgullosa de investir o seu tempo en aprendelo. Pensa, ademais, que se os galegos non o defenden, se non se coida e non se ensina nas escolas pode rematar por desaparecer.
A proposta chega con esta boa suxestión por parte da CGENDL:
Para que teña difusión entre o alumnado, pódese organizar unha actividade para dar a coñecer os/as candidatos/as por medio dun mural, panel ou taboleiro no que se penduren as súas imaxes, a biografía e novas relacionadas con eles, tanto da súa faceta profesional como de apoio á lingua. Tamén se poden proxectar a través dos sitios web dos equipos e centros (páxinas, blogues, redes sociais...), nos que ademais se pode recorrer a vídeos dos protagonistas.
Finalmente, pódese organizar unha votación entre o alumnado e o profesorado a través de urna ou de medios electrónicos premiando a participación con algún agasallo simbólico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario