Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 26 de xullo de 2021

Risco de giz


'Risco de giz' é un documental no que Xarda viaxa pola fronteira entre Galiza e Portugal, desde o Castromil da provincia de Zamora ata a desembocadura do Miño. Parando e facendo vida nas vilas dos dous lados da raia, falamos con veciñas e expertas sobre as súas culturas, da lingua, do despoboamento, da covid ou lembrando como era a vida nos tempos das ditaduras e do contrabando. 

Realizado por Elena Martín e Pablo Santiago para Xarda e Nós Televisión.

Iniciativa Xabarín. Segunda parte


 por Marcos Maceira en Nós Diario:


Dos 25.872 títulos entre series e filmes dispoñíbeis nas principais plataformas de televisión, practicamente todos contan con versión orixinal ou dobrada ao español e lexendado en español ou inglés. Pola contra, só 25 están en versión orixinal galega e cero contan con opción dobrada ou lexendada á nosa lingua. Pode resistir un idioma nestas condicións?

martes, 20 de xullo de 2021

A cacicada dos exames CELGA 2021

 

Xa noutra ocasión César Caramés denunciou irregularidades nos CELGA. Neste vídeo debulla as respostas do secretario xeral de política lingüística na comisión do Parlamento mostrando todas as mentiras que contou nesa comparecencia. Entre outra cousas denuncia que:

  • Houbo a directriz de non ter en conta que non se saiba usar o sistema fonolóxico galego
  • Houbo ameazas ao profesoreado avaliador CELGA
  • Houbo un cambio do procedemento avaliador, establecendo a presenza de dous profesores cando ata o momento sempre houbera só un
  • Houbo contratacións a dedo de persoal de secundaria e manipulouse o calendario para que non puidese acceder todo o persoal que quixera
  • Establecéronse grupos ad hoc de alumnos, o que fai sospeitar que aqueles que se pretendía aprobar a toda costa acabaran sendo avaliados polo persoal contratado a dedo.


(Re)nomear as rúas

 por Gonzalo Constenla en Nós Diario:

Na que se auto atribúe como a maior plataforma de abaixo-asinados do mundo, iniciouse unha petición, que xa chega a perto de cincuenta mil asinaturas, para lle mudar o nome á coruñesa avenida de Buenos Aires polo de Samuel Luiz. É comprensíbel unha reacción así, que reflicte a conmoción social provocada por un salvaxe asasinato tinguido de odio. Porén, tais decisións transcendentais non se deberan fechar en quente, sen a necesaria perspectiva temporal e a debida coherencia con que cumpre abordar, na súa globalidade, os rueiros dos nosos concellos. 

O español precisa de protección.... e de diñeiro

 


por Pilar García Negro en Nós Diario:

Aloleada fiquei cando lin que se creaba unha "Oficina del Español" en Madrid. O nome é insuperábel, pois, como mínimo, é bisémico: tanto podemos entender que se trata dun gabinete público ao xeito de embaixada-refuxio para esta nacionalidade ou, como logo verificamos, para o idioma oficial do Estado. Aclarado este aspecto, tiven ocasión de ler abondosas críticas dirixidas ao seu titular, antano debelador de "chiringuitos" e experto en transfuguismos varios. Non concordo con elas. Na realidade, Toni Cantó non practica o transfuguismo senón a arte da reubicación dentro do mesmo campo españolista, e ao servizo dos mesmos obxectivos imperiais. Hai quen se escandaliza do pagamento de 75.000 euros anuais por semellante cacicada, mais non hai problema: os 5'4 millóns de euros de sanción aos cargos públicos cataláns, divididos por ese salario anual, dan para 72 anos de remuneración. Nengún problema.

sábado, 17 de xullo de 2021

Un libro contra os niquiriqueiros: "Pola nosa lingua"


O pasado xoves 15/07/2021 presentouse na Praza da Música o libro de Xosé Mª Lema "Pola nosa lingua". O acto, organizado pola Asociación Cultural Vagalumes, foi presentado por Marcos Borrageros. Acompañaron ao autor do libro na presentación Maca Arca e Héitor Picallo, a primeira, membro de ProLingua tamén é autora do epílogo e o segundo ademais de ser o autor do prólogo é o ilustrador do texto.
Xa se indica no subtítulo do libro que se trata dunha compilación de trinta e un textos en defensa do galego publicados en diversos medios ao longo de 10 anos. Entre eles figuran os cinco artigos polos que o autor recibiu o Premio Manuel Reimóndez Portela en 2010. A data que dá inicio á compilación, 2009, marca o comezo dunha etapa de agresión á nosa lingua por parte do goberno galego; precisamente moitos dos textos deste libro teñen como tema central a denuncia de tales políticas.
Durante a súa intervención Maca Arca achegounos un termo propio do Val do Fragoso (Vigo), "niquiricas", "niguiriqueiro" e o seu verbo asociado "niquiricar". Refírese a aquel que aparenta con acenos, sons e exhibicionismo que se traballa ou fai algo con dedicación cando na realidade non se fai nada de nada. Velaí o termo máis acaído á política lingüística que practica a Xunta. 

venres, 16 de xullo de 2021

Marzo mes das matemáticas, en galego

Marzo, mes das matemáticas. Sempre me pareceu un mal nome para esta enorme iniciativa pois sobarda con moito o citado mes. A rede de divulgación das matemáticas DIMa, a partir da proclamación por parte da UNESCO do 14 de marzo como Día das Matemáticas, decidiu participar cunha serie de eventos durante todo o mes. Pero parece que o asunto botou por fóra e o listado de actividades xa ocupa máis de medio ano e non se lle ve trazas de que teña finalización. 

Entre outros proxectos divulgativos hai unha gorentosa colección de exposicións. Agora podemos acceder á versión en galego dalgunha delas. En concreto:

O primeiro destes recursos lévanos á descarga do material desta exposición. O segundo é un portal no que podemos acceder á exposición Matemáticas para un mundo mellor, con 10 pósteres distintos xunto con outra exposición de 12 fotografías matemáticas comentadas.

De toda esta colección de recursos sabemos grazas a Elena Vázquez Abal, profesoa do Departamento de Matemáticas na Área de Xeometría e Topoloxía da USC quen comparte todo isto coa seguinte petición:

A descarga de todo este material é libre, o único que pedimos é que no caso de realizar unha exposición pública se nos informe (por motivo de recollida de impacto) ao enderezo marzomates@ull.edu.es do lugar e período da exposición e, se é posible, que nos envíen fotos. Se comparten información en redes da exposición, por favor, inclúan #MarzoMates DiMa - Divulgación Matemáticas F E C Y T ·

Sen dúbida ningunha son unha boa colección de recursos que permiten abordar novas miradas ás matemáticas. Tamén aparecen recollidos no web Retallos de matemáticas, no seu apartado de Material didáctico.

 

xoves, 15 de xullo de 2021

‘A Galicia estragada’. O novo proxecto da Xunta de Galicia


 por Fernando Groba en Nós Diario:

Hai uns meses, asistía á presentación dun proxecto da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia para recoller moita da inesgotábel riqueza toponímica do país: https://galicianomeada.xunta.gal/sixtop/inicio. Todo moi bonito. Un proxecto necesario, plural, participativo, sinxelo no que calquera persoa, asociación ou institución pode colaborar.

martes, 13 de xullo de 2021

Como salvar unha lingua da extinción

 



Velaquí un novo traballo do grupo de tradutores TED ao galego. O relator é Daniel Bögre Udell, cofundador de Wikitongues e preséntase así:

Nos próximos 80 anos poderían desaparecer ata 3.000 linguas, o que practicamente silenciaría culturas enteiras. Nesta breve charla, o activista lingüístico Daniel Bögre Udell mostra cómo pobos de todo o mundo están encontrando novas maneiras de rescatar as súas linguas ancestrais e reconstruír as súas tradicións. Anímanos a todos a investigar as linguas dos nosos ancestros e afirma que "reclamar a túa lingua e aceptar a túa cultura é un xeito poderoso de ser ti mesmo".

venres, 9 de xullo de 2021

Proxecto toponímico do colexio SEI San Narciso de Marín

 

Vídeo no que se mostra o traballo realizado polo polo Equipo de Normalización do colexio SEI San Narciso (Marín) sobre a toponimia deste concello. Tomando como base a tese doutoral de Elixio Rivas Quintas sobre a toponimia de Marín realizaron un traballo de xeolocalizaron en Galicia Nomeada 

mércores, 7 de xullo de 2021

"A lingua o primeiro"


Victorino Pérez Prieto en Nós Diario: 
O título da coluna desta semana vai entre vírgulas porque, ainda que seja uma afirmação reiteradamente sustida pelos galeguistas, é aqui uma frase de Ramón Otero Pedrayo num dos seus ensaios: Morte e Resurrección (Ourense 1932); onde fala do galego como um povo em caminho desde a sua origem céltica, na que “callou o principio da nebulosa maternal de Galiza”. Um caminho no qual “a Galiza xoga a morrer e a viver”, e no que “o galeguismo quer decir a integridade do ser e da alma galega”; salientavelmente na língua galega. Galeguismo quer dizer reconhecimento dos valores galegos, reconhecimento de Galiza como povo de seu, com a sua identidade própria.

martes, 6 de xullo de 2021

Unha empresa non galega co galego

 


por Xosé María Lema nas Voces de ProLingua:

Ó fío de que hai uns días estivese de triste actualidade unha empresa conserveira galega por excluír a lingua do país dun concurso titulado “Relatos del mar”, anímome a sacar a luz o caso doutra non galega -á que non teño reparo en facerlle propaganda-, que, atendendo á petición dun cliente galego, non só incorporou a nosa lingua á súa páxina web, senón que acometeu unha campaña no noso idioma para a súa clientela de Galicia. 

sábado, 3 de xullo de 2021

Foanpas e Jon Amil vs. Valentín García


No momento da publicación desta entrada a iniciativa de FOANPAS (Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e comarca) titulada "Mes da lingua" leva xa cargados 65 vídeos. Trátase de pezas audiovisuais curtiñas nas que alguén nos convida a falarmos en galego. Pode seguirse co cancelo #verandalingua.
Xa había tempo que tiña ganas de compartir esta iniciativa pero cando vin o vídeo de Jon Amil xa non tiña desculpa. Este vídeo recordoume a intervención de Valentín García, o secretario xeral de política lingüística,  nunha comparececia na comisión parlamentar de finais do mes de abril pasado na que como resposta a unha interpelación da deputada do BNG Mercedes Queixas Zas, declara que a liña fundamental da súa actuación sería a do uso do galego nas novas tecnoloxías. Desde aquela ata o día de hoxe non volvemos a saber nada sobre o asunto. Mentres, un tal Jon Amil, con este vídeo xa fixo moito máis polo galego que Valentín García en todo o tempo que leva detentando o cargo.

venres, 2 de xullo de 2021

Os premios de Explícoche matemáticas 2.0, edición 2021

 "Explícoche matemáticas 2.0" chega á súa novena edición. Trátase dun concurso convocado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC no que se promove o galego como lingua de transmisión de coñecementos matemáticos fronte ao deostado decreto 79/2010 que prohíbe os materais didácticos na nosa lingua para materias de carácter científico no ensino non universitario. 

Outra vez o concurso foi todo un éxito de participación pois recibiron un total de 60 propostas. O traballo que recibiu o primeiro premio consiste nun vídeo sobre Ada Lovelace, realizado por Sara Ramos López e Uxía Varela Castro do IES Afonso X O Sabio (Cambre)


Dous foron os vídeos premiados cun accésit. Seguramente é casualidade, pero os dous tratan as progresións xeométricas. Son ‘Explícoche matemáticas cociñando e xogando’ de Aroa Blanco Guerreiro do IES Castro da Uz (As Pontes) e ‘Pódese chegar á lúa dobrando un papel?’ de Alba Casás Fuentes IES Manuel Murguía (Arteixo)

 

   

O xurado tamén outorgou mencións aos vídeos ‘As inecuacións’ de Andrea Freire Valiño do IES Pontepedriña (Santiago)e ‘Miúdo traxecto as matemáticas orientais: Bashkara II’ de Alexandre Lago Pereira e Pablo Savino Real do IES Mendiño (Redondela)

   


   

O traballo máis popular foi ‘Coñeces a banda de Möbius?’ de Hada Galán Lamas daEscola Waldorf Meniñeiros (Friol).  A categoría B dedicada a alumnado universitario ficou deserta.

 

Pola miña banda eu tamén faría referencia a un vídeo do Colexio San José de Cluny (Santiago) por estar técnicamente moi ben realizado, "Os corpos de revolución"
Penso que tanto os organizadores como os premiados merecen os parabéns. O que boto en falta é un portal que recolla todas as edicións e premios outorgados, pero polo menos temos unha escolma dos vídeos de varias edicións na canle de Youtube da Facultade de Matemáticas. Á correspondente á edición 2021 pódese acceder desde aquí.
Coma sempre o aspecto negativo foi a presenza na persoa da subdirectora da Secretaría Xeral de Política Lingüística deste organismo na entrega de premios. Supoño que agardaba que a ela tamén lle darían un, o da hipocrisía. Teno ben gañado.