Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 15 de xullo de 2021

‘A Galicia estragada’. O novo proxecto da Xunta de Galicia


 por Fernando Groba en Nós Diario:

Hai uns meses, asistía á presentación dun proxecto da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia para recoller moita da inesgotábel riqueza toponímica do país: https://galicianomeada.xunta.gal/sixtop/inicio. Todo moi bonito. Un proxecto necesario, plural, participativo, sinxelo no que calquera persoa, asociación ou institución pode colaborar.

 

Por outra banda, como se pode ver seu sitio web, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda tamén implementa proxectos publicitarios e fotográficos para transmitirnos que lle “preocupa moitísimo” a protección da paisaxe natural: https://www.xunta.gal/cmatv ou https://www.youtube.com/watch?v=aKF13HXpo_w.

 

Pois ben, gustaríame que, quer o director xeral da SXPL, quer a conselleira da Área de Medio Ambiente, vaian visitar o desastre ecolóxico e toponímico que se está a permitir e a perpetuar na Plisan (Plataforma loxística industrial de Salvaterra - As Neves). O coloquialmente coñecido como Porto Seco non só naceu malagoirado por ser froito da mera improvisación e da falta de planificación (levan máis de 20 anos a intentar arrancar un polígono tan innecesario como nocivo e aínda non conseguiron nin situar a primeira empresa), senón que tamén provocou o roubo de millóns de euros na veciñanza a través de produtos bancarios tóxicos (participacións preferentes) ou dos prezos irrisorios das expropiacións forzosas (ademais de non pagar cuestións básicas derivadas como eran os recursos mineiros) así como tamén destruíu centos de hectáreas de cultivo agropecuario e forestal (cada terreo, cada zona tiña o seu nome) e de biodiversidade.

 

Esnaquizaron e esnaquizan, cada día, ante o silencio, a pasividade e a complicidade dos concellos de Salvaterra de Miño e das Neves, os patrimonios natural e lingüístico que foron forxándose e conservándose de xeración en xeración. Hoxe, cadroume pasar por unha desas inmensas estradas pantasma que levan tantos anos feitas como inservíbeis (por estaren fechadas ao tráfico diario) e ver os “novos topónimos” que acabarán por eliminar os centos de nomes que alí se arrasaron. Alí onde antes estaban as veigas das Tiñosas, dos Pumares, da Lavandeira ou os montes de Carregal, da Xeixeira, das Toupas, do Cocho ou da Teixuga agora están indicadas, nas rotondas, as zonas LE-6, LE-8... Será que non se poden reutilizar os nomes autóctonos?

Ningún comentario:

Publicar un comentario