No momento da publicación desta entrada a iniciativa de FOANPAS (Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e comarca) titulada "Mes da lingua" leva xa cargados 65 vídeos. Trátase de pezas audiovisuais curtiñas nas que alguén nos convida a falarmos en galego. Pode seguirse co cancelo #verandalingua.
Xa había tempo que tiña ganas de compartir esta iniciativa pero cando vin o vídeo de Jon Amil xa non tiña desculpa. Este vídeo recordoume a intervención de Valentín García, o secretario xeral de política lingüística, nunha comparececia na comisión parlamentar de finais do mes de abril pasado na que como resposta a unha interpelación da deputada do BNG Mercedes Queixas Zas, declara que a liña fundamental da súa actuación sería a do uso do galego nas novas tecnoloxías. Desde aquela ata o día de hoxe non volvemos a saber nada sobre o asunto. Mentres, un tal Jon Amil, con este vídeo xa fixo moito máis polo galego que Valentín García en todo o tempo que leva detentando o cargo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario