Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 28 de febreiro de 2011

Que pasa con Flocos.tv?

Flocos.tv foi unha iniciativa que botou a andar no ano 2008 da man do AGADIC. Nesta páxina dispoñíamos das únicas producións en galego ás que temos acceso. Había unha gran cantidade de recursos, incluso eu mesmo lembro que un dos primeiro vídeos que din inserido aquí, nest blogue, viña precisamente da web Flocos. Tratábase do excelente documental "Linguas cruzadas",  que nesa mesma páxina viña acompañado dunha unidade didáctica moi ben elaborada. Polo momento Anxo Lorenzo aínda non se decatou que a mantén entre os bits da Secretaría Xeral de Política Lingüística, agardamos que así suceda durante moito tempo.
Agora se imos a Flocos.tv, non atopamos nada, só unha pantalla en negro. Por que se eliminaron incluso os contidos que xa había? A quen lle molestaba que tivésemos ao noso dispor unha plataforma de referencia na que acceder ao audiovisual galego? Trátase doutro chanzo máis na anormalización da lingua galega? É unha resposta contra aqueles que non din amén a toda disposición que se vomita desde a Xunta?



P.S.: máis sobre a desfeita, e para ver o pouco que durou este recurso, aquí a nova da súa apertura
E sobre todo a excepcional análise feita pol´A Profa

Es la leche: o bilingüismo que aí vén

por Robert Neal Baxter, en Terra e Tempo:

Ao parecer, non chegou con que os Reis católicos fixesen arrincar as oliveiras do país , senón que en 2008 alguén da Universidade de Vigo tivo a brillante idea de acabar coa que quedaba no escudo destainstitución para plantar no seu lugar un delirante logotipo híbrido (por non dicir bastardizado): "UniversidadeVigo". Aínda non me ficou moi claro como se supón que se tería que ler esta broma que custou os seus 12.000 €, só se me ocorre una especie de castrapo mal grafado (asturiano talvez?): "Universidá de Vigo"... E digo eu, se o obxectivo que se esconde detrás desta iniciativa consiste en reconciliar o español e o galego nun bilingüismo harmonioso para facilitar a súa comprensión para os españolfalantes, cabe preguntarse se alguén que non for capaz de intuír que "universidade" significa o mesmo que "universidad" estiver realmente preparado para seguir unha educación universitaria. E se, pola outra banda, o que se pretendía era romper co provincialismo pailán do galego, indigno dunha institución deste calibre, co fin de "internacionalizar" a súa imaxe, poderíase ir máis lonxe, borrando definitivamente a idiosincrasia lingüística nacional do novo emblema, ao optar incluso por algo do estilo: 'Universi[dad(e)/ty/té/tät/tat/teit/tà, etc.] Vigo / 维哥大学'.

Mais para alén do meramente anecdótico, sirva este de exemplo para ilustrar un fenómeno que comeza a se facer cada vez máis estendido, que vai desde o xa tristemente famoso "doa sangue, a miña xa a tes", pasando pola campaña da Xunta para promover a marca de leite "100% gal(l)ega" que "marca a diferencia", até outros exemplos que non son senón un verdadeiro insulto para a intelixencia dos españolfalantes: realmente é necesario na porta dun banco da capital colocar etiquetas coa correspondente tradución ao español de 'empuxar' (podíase ter optado por "empurrar") e "tirar/tirar" (entenderíase mellor a posíbel confusión se se tivese optado por "puxar", mais non é o caso)? Abofé que, en caso de dúbida, chegaba con probar con puxar e empurrar un pouco. O mesmo pasa cos supostos accidentes causados por condutore@s que non saben galego e que non identifican A Coruña, Ourense ou Ferrol coas correspondentes aberracións La Coruña, Orense ou mesmo El Ferrol del Caudillo (así segue a aparecer en moitas guías turísticas na rede e, sen ir máis lonxe, na web do Ministerio de Sanidade).

E que ninguén se engane. Sería de inxenu@s pensar que se traten de simples deslices, erros ou incidencias puntuais. Moi pola contra, forman parte dunha intencionada campaña de desvalorización e desgaste simbólico da lingua galega no ámbito público e altamente influínte da paisaxe lingüística, cuxa función consiste en denigrar o galego, reducíndoo a unha "fala" sen regras onde todo vale, sobre todo aquilo que o achegue para o español.

Mais aí non queda a cousa. Xa estamos afeit@s (desgraciadamente) a que na Radio Gallega se ouve cada vez máis español (non vaia ser que se molesten en procurar expert@s, tertulian@s galegofalantes), sen falar da pauperísima calidade do castrapo burlesco que sae da boca de moit@s d@s "profesionais" (non tod@s...) que chuchan do galego, mais a convivencia harmónica xa comeza a facerse sentir tamén na TVG de xeito escandaloso coa miniserie Mar Libre de produción propia en colaboración con Ficción Producciones (sic. : Versión galega do sitio coa sinopse de Conversaciones con el viento. Mar libre dispoñíbel en.... español onde algúns dos personaxes falan español. É a punta do iceberg que aproveita para se agochar detrás do discurso bilingüísta: mais, mentres o español vai invadindo os únicos espazos supostamente blindados por lei , o galego, á súa vez, non vai aflorando máis nos medios (ultramaioritarios) que son couto privado do español.

De feito, poñen o grito ao ceo ante calquera intento, por tímido que sexa, de abrir as portas para un verdadeiro bilingüismo de alto valor simbólico como posibilitar que aquel@s Senador@s que así o desexaren se poidan expresar nas respectivas linguas dos territorios que representan (nin que dicir, hai quen renega deste dereito), argumentando o custo 'elevado' de 350.000 €, equivalente a 0,63% do orzamento global do Senado cifrado en 55,1 millóns  . Seica o valor do dereito lingüístico de se dirixir ao resto da Cámara na súa propia lingua, recoñecida como cooficial no territorio que representa, é inferior á necesidade de espallar o español polo mundo, pois segundo unha fonte nada sospeitosa de ser crítica  oInstituto Cervantes non vai sufrir recortes neste momento de 'austeridade', cun orzamento total valorado en 103 millóns de euros para o 2011.

O obxectivo de todo iso é rastreiro: consiste en facer callar, de xeito simbólico e subliminar, mais non por tanto menos determinante (máis ben todo o contrario), a percepción do galego como unha sublingua que non vale por si soa e onde todo vale - fronte, por suposto, ás marabillas e glorias do español que cómpre falar e escribir co esmero que merece. Transmite a idea básica do galego como un apéndice estético e funcionalmente superfluo do español, e como apéndice que é, o mellor é arrincalo de raíz antes de que comece a causar molestias máis graves. E niso están: primeiro acantoalo, logo afogalo no boedo castrapeiro, para que finalmente vaia morrendo lentamente para que ninguén se decate. 

Mais decatámonos nós. Deixémonos de caralladas: como ben demostrou a mal lograda tentativa de facer encaixar o himno galego co cante hondo, non todas as fusións funcionan. Ás veces, as cousas son unha cousa ou a outra, ou non son nada. E cando se tenta mesturar pirañas con robalizas, ninguén dubida de cal vai ser o resultado.

Eco!

por Carlos Callón, no seu artigo dos luns no Galicia Hoxe:

Son moitas as formas polas que se nos transmite certa censura social por falarmos en galego en ámbitos ou espazos en que se agarda que este idioma se deba ocultar. É unha censura que moi raramente chega a través de exabruptos. O máis común é que sexa tan sibilina como eficaz.
Unha das fórmulas máis habituais para dar a entender que non debes continuar a falar en galego é a tradución automática das túas palabras, como un pseudoeco. Algúns exemplos que vos soarán:
- Chegas a unha gasolineira e solicitas: "Cheo, por favor". Resposta en forma de eco: "¿Lleno?"
- Estás nunha cafetaría e pides: "Un café con leite, por favor". Resposta en forma de eco: "¿Con leche?"
- Realizas unha xestión telefónica e, desde o outro lado da liña, pídenche que proporciones algunha cifra, por exemplo o teu número de conta. O diálogo pode ser máis ou menos así:
- O meu número de conta é: oito
- Ocho...
- Sete.
- Siete...
- Un.
- Uno...
Moitos falantes de galego con pouca lealdade lingüística acaban abandonando o seu idioma cando isto se produce. O falante entra no armario, ocúltase, repite en castelán o que lle acaban de corrixir, pode pensar mesmo que non o comprenden e continúa a conversa nesoutra lingua:
- Cheo, por favor.
- ¿Lleno?
- Sí, lleno. Muchas gracias.
Hai varias cousas que temos que ter claras destas situacións. A primeira, que a xente que se dedica a corrixir en alto traducindo ao castelán o que acabamos de dicir en galego o máis xeral é que o faga por inercia. Non é que pensen: "Vou incomodar esta persoa para que me deixe de falar en galego." Non o racionalizan así, aínda que é xusto o que fan.
É evidente, ademais, que o motivo destas repeticións non é que non comprendan o que significan palabras como "leite", "sete" ou "cheo". A pregunta non se formula por un problema de entendemento, senón polo hábito aprendido de que, coa xente descoñecida, se debe utilizar o castelán, disque "por cortesía" ou "por educación". Posto que é un hábito moi enraizado, pode ser difícil de trocar. Mais non deixa de ser un hábito, polo cal, cun pouco de esforzo, poderase superar con outros hábitos: o de falar en galego con normalidade a todas as persoas ou, cando menos, respectar aquelas que o falan, sen traducilas de forma insistente e continuada.
Por iso, ademais do obxectivo fundamental de nos mantermos no uso da lingua, un bo consello é facer visíbel o incómodo dese eco, a través dun certo sentido do humor. Deste xeito tamén proporcionamos unha chiscadela para a reflexión e para irmos mudando as cousas, aínda que sexa pouquiño a pouco. Mais tamén estes xestos son importantes, pois os pequenos cambios son os que van orixinando as grandes transformacións.
Velaquí algunhas posibilidades:
- Un café con leite, por favor.
- ¿Con leche?
- Pois se non ten leite, tamén valerá...
- Cheo, por favor.
- ¿Lleno?
- Full, please.
- ¿Perdone?
- Si, cheo, por favor - dito cun sorriso amplo, nada agresivo nin burlón.
No caso dos números, verás que, se a lista é medianamente longa e ti continúas recitándoos en galego, a persoa que está do outro lado da liña telefónica acabará por deixar de traducir.
Se simplemente non tes o día con humor, o mellor é que tamén nos casos anteriores te reafirmes no galego repetindo exactamente as mesmas palabras que xa dixeras.
- ¿Con leche?
- Si, con leite.
Solicitemos sempre o galego!
Hai un conto moi engrazado que nos pode ser de utilidade para o noso día a día como falantes conscientes e leais do galego:
Un home circula de noite por unha estrada da Terra Chá. Cando toma unha curva rebéntalle unha roda e case se mata. Baixa enfadado do auto, bótalle un ollo á roda e vaise coller o gato para a cambiar, mais cando abre o maleteiro encóntrase con que o gato non está. Esqueceuno no garaxe!
Mira o reloxo de pulso. Son as tres da madrugada! Está desesperado!
Comeza a espreitar no escuro horizonte, mais por ningures divisa uns faros que se acheguen. Xa se sabe: "Non canta na Chá ninguén". Parece que a esa hora non hai máis circulación.
Porén, ao lonxe ve a pequecha luz dunha casiña. É a súa esperanza, así que toma camiño cara a aló coa idea de lles pedir emprestado aos habitantes un gato para cambiar a roda.
Na metade do camiño, comeza a pensar: "Ao mellor non teñen carro e estou a camiñar inutilmente... E se teñen carro, ao mellor non me queren emprestar o gato... Ademais, coa hora que é seguro que aínda me botan unha bronca por acordalos... Como se fose polo meu gosto!"
Segundo se achega, ve a silueta dun auto bastante vello, mais que ten trazas de que aínda lle dan uso. "Ben, se teñen carro, teñen gato, seguro! Porén... e se me piden diñeiro por deixarmo? Eu agora non teño un peso e non sei como lles podería pagar! Total, seguro que pola hora que é xa se me poñen a roñar, montan un cirio e pasan de min... E aínda tería sorte se non me responden con balíns pensando que son un ladrón!
O home sobe as escadas cara á porta. "Ou sonche capaces de me afuciñar o can e tería que escapar a fume de carozo e sen poder arranxar nada!" Peta na porta. "E aínda que teñan gato seguro que non mo deixan porque estou a incomodar ás tres da madrugada, xa pasadas." Peta de novo. "Ao mellor non hai ninguén e estou a facer o parvo."
Entón, ábrese a porta e aparece unha velliña en bata, aínda medio adurmiñadiña, que lle pregunta ao forasteiro cunha voz cándida:
- Que desexa, cabaleiro?
- Sabes o que che digo?! Que metas o gato no cu!!
Non fagamos como o do chiste do gato e nos anticipemos pensando que, cando solicitamos o uso do galego, ou mesmo cando respondemos aos pseudoecos, a resposta que nos van dar vai ser sempre negativa ou alporizada. Haberá casos nos que si, e teremos que saber actuar con intelixencia e adoptar certa distancia, aínda que sen renunciarmos nunca aos nosos dereitos.
Mais noutras ocasións veremos, con enorme satisfacción, que o feito de pedir algo en galego vai significar que o galego teña presenza. Moitas veces, o noso idioma deixa de avanzar nalgúns ámbitos non porque haxa unha especial inquina, senón porque se manteñen vellas inercias. Na nosa man está romper con esa rotina tan lesiva para a nosa cultura..

Manifesto do Día de Rosalía

O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, le no Panteón de Galegos Ilustres o manifesto do Día de Rosalía publicado por esta asociación e no que desde o Panteón de Galegos Ilustres. Reivindica a celebración no 24 de febreiro o Día de Rosalía e o uso do galego no ensino como o alicerce do futuro do tecido cultural galego.  O vídeo remata cun recitado de poesías.


Velaquí o manfiesto da AELG:
Estamos aquí unha vez máis para honrar a nosa poeta nacional Rosalía de Castro no aniversario do seu nacemento.
Os actos nos que hoxe a estamos a reivindicar en toda a nación (Compostela, Vigo, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Betanzos...) queren dicir alto e claro que foi levada a Bonaval pola sociedade galega, consciente naquel momento da necesidade e transcendencia de rememorar publicamente a Rosalía e visualizármonos no presente, con ela e nela, como pobo.
Seguimos a ter a mesma vontade reivindicadora que a manifestada hai poucos meses en Compostela, celebrando o aniversario do traslado do seu corpo material a San Domingos de Bonaval, recoñecido como o Panteón de Galegos Ilustres, nun acto cívico e reivindicativo como este de hoxe, alimentado pola personalidade e obra da poeta fundadora da literatura galega contemporánea.
A mensaxe da nosa poeta nacional, a de reclamar a redención da patria galega, segue a estar vixente, así como a súa obra, a que acrisola os valores de noso, a que asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento.
Neste acto cívico e reivindicativo de hoxe queremos reafirmármonos, máis unha vez, como galegos e galegas conscientes, e apelarmos con orgullo á súa figura para, asemade, apelarmos á actualidade dos nosos dereitos nacionais.
Demandamos para San Domingos de Bonaval a permanencia do Panteón de Galegos Ilustres, pois ten a lexitimidade da historia e o respecto da tradición como símbolo colectivo, ao tempo que reafirmamos como irrenunciábel que sexa de titularidade pública e de uso laico e público para aqueles que a queiran honrar coma unha das personalidades fundadoras da nosa nación.
Denunciamos, asemade, a regresión na política de investimentos en todos os sectores das cultura por parte do Goberno da Xunta de Galicia, que está a destruír o construído nos últimos trinta anos por varias xeracións de creadores e creadoras, e por toda a sociedade galega no seu conxunto. Estase a destruír programática e estruturalmente, reiteramos, o xa creado ‑e aínda mínimo‑ tecido industrial na cultura galega canto á necesaria profesionalización na mesma, desaparecendo de facto a promoción da cultura de base que é, na realidade, a seiva nutricia de todo o tecido cultural galego, sendo este de feito quen crea, promove, demanda e goza da cultura de noso.
Reafirmámonos no pronunciamento público, expresado reiteradamente nos dous últimos anos polo Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, contra o novo estatus do galego no ensino, minorizado aínda máis e limitado na escola, ao negar a posibilidade de impartir en galego materias vinculadas a áreas e espazos de prestixio na sociedade actual, como é a ciencia e a tecnoloxía. Apoiamos, máis unha vez, todo aquel profesorado que ten manifestado o seu compromiso para co mantemento da docencia nesta lingua, desde o convencemento da súa validez como ferramenta pedagóxica e da súa necesidade de uso curricular como procedemento de apoio á arredada normalización lingüística.
Demandamos, finalmente, que a Consellaría de Educación, máxima autoridade responsábel do proceso educativo da nosa infancia e mocidade, que ha converterse na madurez futura, recolla no calendario escolar oficial anual a data do 24 de febreiro como o Día de Rosalía, co obxectivo de recuperaren os centros educativos para a práctica docente regular a organización de actividades conmemorativas sobre a vida, obra e pensamento da nosa escritora, significativamente válidos, onte coma hoxe.

O decreto do galego que non se cumpre

Artigo elaborado por Miguel Pardo para o Xornal de Galicia sobre a situación do ensino en galego:

“Ningunha incidencia”, di a Xunta cando se lle pregunta pola aplicación do polémico decreto do plurilingüismo. Logo de meses de enfrontamento político, de varias –e masivas– manifestacións en contra e entre os discursos gobernamentais louvando “a recuperación da liberdade e a fin da imposición” nas escolas galegas, pouco ou nada cambiou nos colexios galegos.
Transcorridos seis meses de curso, nin Goberno nin oposición levantan a voz sobre a situación lingüística do sistema educativo. A ameaza de rebelión de numerosos profesores ante a imposibilidade legal de dar certas materias en galego en Primaria e Secundaria levou a Xunta a rebaixar as súas ameazas. Nin inspeccións nin sancións. Conseguiu o Executivo de Feijóo minguar o galego, pero máis grazas ao sempiterno discurso da “liberdade” e cheo de prexuízos contra o idioma que coa obrigatoriedade legal. “Ti vai facendo”, que diría o outro.
Anulada a posibilidade de que o galego ocupase máis do 50% do currículo escolar dos rapaces, a distribución lingüística por materias apenas se cumpre no sistema educativo de Galicia. Así se tira, polo menos, dos numerosos testemuños de profesores aos que Xornal tivo acceso nos últimos meses. Iso si, todos prefiren manter o anonimato ante o temor de que o que agora é inacción se converta en presión no futuro. “A realidade é que cada profesor ou profesora dá as clases na lingua que quere, tanto os que teñen a obriga por lei de impartilas en castelán como en galego. Non hai ningún control da inspección”, aclara unha profesora dun instituto do sur de Galicia. Ela mesma, obrigada polo decreto a impartir a clase en castelán, faino en galego.

“PASAN DE TODO”
“Pasan de todo e non velan polo cumprimento porque saben que en moitos casos é o mellor para manter a tranquilidade e o bo ambiente”, di outro mestre da comarca de Santiago. “No meu instituto non se fai nada, todo segue igual que antes, non vexo inspección por ningures. Os que tiñan antes que impartir en galego as súas materias e o facían en castelán, seguen igual, e outros seguen a impartir as súas en galego, aínda que agora o decreto non llo permita”, engade un mestre máis, este dun colexio da cidade da Coruña.
Os testemuños abondan pero os datos non. Comprobar o funcionamento en materia lingüística de todos os centros de Galicia só estaría ao alcance da Xunta, que non facilita esas estatísticas. Os sindicatos do ensino fan as súas propias enquisas e constatan a impresión xeral. “O Goberno fai un desleixo absoluto; a intención real do decreto era a desgaleguización do ensino porque este Executivo non ten interese ningún en que o idioma propio sexa vehicular na escola”, di Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, que recoñece que o control da Consellería de Educación sobre o cumprimento da norma é case nulo. “Saben que se non se fai nada e se deixa vía libre, gaña o castelán”, insiste outra docente que corrobora a versión que dá a central sindical.
“Eu seguirei dando as clases en galego, iso que o teñan claro”, dicía ao principio de curso unha profesora de Matemáticas dun centro urbano galego. Levaba anos usando a lingua propia. E así segue, malia que o decreto deixa ben claro que esa materia científica está destinada ao castelán. Xa antes do curso, máis de 4.500 docentes asinaran un manifesto comprometéndose a continuar dando as clases en galego. Só con que se cumprisen esas cifras, o incumprimento legal sería flagrante.
“O inspector non se ocupa de nada relacionado con iso. Seguen como decote, preocupados por horarios, porque todo se desenvolva con ‘total normalidade’ e todo iso. Do demais, canto menos preocupacións teñan, mellor”, recorda o mestre da Coruña. Outra profesora, desta vez pola zona da Barbanza, insiste no mesmo.
Carlos Callón, presidente d’A Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro de Queremos Galego, certifica tamén que o control sobre a política lingüística que se segue nos centros é “nula”. “Non se vixía nada e a presenza do galego segue minguándose”, di.
Porque igual que moitos mestres manteñen o seu compromiso de impartir as aulas en galego, son moitos tamén os que incumpren a norma ao contrario e dan en castelán materias que, como Coñecemento do Medio ou Historia, deberan ser en galego. Esta situación, segundo moitos dos mestres consultados, é máis habitual en colexios privados. Pero non só neles.
“Non só se obvia o galego nos centros privados; en moitos colexios e institutos públicos tamén se obvia, e non é raro atopar en bacharelato grupos con menos de 30% das materias en galego, tanto antes como despois do decreto. Neste tipo de centros, o complicado e conflitivo é chegar a un 50% das materias en galego”, di
A reflexión final é, en moitos casos, a mesma: “Estamos como na época de Manuel Fraga; non se controla nada e o galego segue perdendo”. Daquela, a presenza da lingua propia era escasa. Agora, con Feijóo, a promesa de que ambas as dúas linguas estarían en igual condicións tampouco é tal. Discriminar positivamente o galego é 
unha quimera.
Mentres, a polémica lingüística –a real e non a utilizada electoralmente– perde folgos. BNG ePSdeG saben que recuperar a belixerancia arredor do idioma sería entrar de novo nun xogo co que o PP podería volver enlamar a campaña e que acabaría prexudicando o idioma. Carlos Negreira ou Corina Porro xa ameazaron empregando a recorrida “imposición lingüística” nalgún mitin.
O pacto de silencio parece a solución menos mala para evitar outro dano irreparable á lingua. O remedio pode ser peor que a enfermidade. No entanto, sindicatos do ensino, A Mesa ou plataformas como Queremos Galego lembran que os datos que saíron á luz sobre a Educación Infantil nas cidades indican que case o 90% das aulas son en castelán malia que o 40% dos pais elixiron o galego. E así segue.

domingo, 27 de febreiro de 2011

Vivirmos en galego

Xa liguei hai uns días este comunicado noutro post, pero creo que non está de maís deixar constancia del por aquí:
Ante a inminente presentación do programa «Vive en galego» da Secretaría Xeral de Politica Lingüística con Microsoft a Comunidade de Software Libre Galega quérelle achegar á cidadanía o seguinte comunicado para a súa redifusión:
«Dende a comunidade de software libre galega queremos expresar as nosas inquedanzas e o malestar que nos produce a reedición dos acordos entre o goberno galego, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, e a empresa Microsoft. A SXPL disponse a anunciar a dispoñibilidade dos produtos privativos desta empresa na nosa lingua galega e faino por medio dunha campaña que deu en chamar «Vive en galego».
Lonxe de nos alegrar a nova, preocúpanos que de novo un organismo público poida estar favorecendo a unha empresa que reiteradamente foi condenada pola Unión Europea  por abuso da súa posición dominante no sector e que ten uns ingresos netos anuais da orde de miles de millóns de euros. Descoñecemos os detalles económicos da colaboración entre a SXPL e Microsoft mais sospeitamos de que existe un apoio financeiro ou unha contrapartida que beneficia á dita empresa. Por iso demandamos que se fagan totalmente públicos os acordos acadados entre as dúas partes para que cada contribuínte galego saiba en que medida os seus impostos van destinados a favorecer a Microsoft.
Estamos convencidos de que os dous millóns e medio de galegos son un motivo suficiente para que unha empresa cos beneficios netos de Microsoft financie autonomamente a localización dos seus produtos en galego sen precisaren de apoio institucional ningún. Sería verdadeiramente lamentable coñecer que se malgastan fondos públicos neste tipo de colaboracións.
Se os houber, eses recursos públicos irían mellor empregados na promoción do sector do software libre galego, que xa fornece dende hai máis de dez anos produtos de alta calidade totalmente galeguizados. Apoiar ao tecido do software libre galego permitiría  dar un pulo a un sector TIC propio e puxante que xeraría aínda máis recursos e empregos na nosa comunidade do que xa o fai actualmente. Mais lonxe disto o goberno ignora o seu discurso de austeridade e parece disposto a favorecer a grandes empresas estranxeiras que non só deixan beneficios fóra do noso territorio senón que se opoñen frontalmente ao software libre, violan os principios de libre competitividade e néganse á adaptación aos estándares internacionais dos formatos.
Na comunidade galega de software libre fomos quen, co moi escaso apoio institucional prestado durante todos estes anos, de conseguir verdadeiros fitos grazas ao esforzo individual de cada voluntario que altruistamente e anonimamente prestaron e prestan o seu tempo e dedicación ao desenvolvemento, galeguización e difusión de software libre. Grazas a este esforzo colectivo hoxe cada galega e galego ten á súa disposición solucións informáticas completas e de calidade na súa lingua, coa seguridade de que as poden obter libremente sen restricións de ningún tipo. Nós xa vivimos en galego tamén as novas tecnoloxías.»
Asinan:
A.C. para a Galeguización de Software Libre Proxecto Trasno
Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (Melisa)
Asociación de Usuarios de GNU/Linux «Inestable.org»
Asociación Comunidade O Zulo
Grupo Asociado pola Libre Información e a Tecnoloxía (Galite)
Asociación de Usuarios GNIX (AGNIX)
Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon)
Grupo de Programadores y Usuarios de Linux (GPUL)

sábado, 26 de febreiro de 2011

Co galego.... ata o inferno

Vídeo de Roberto Conde para o concurso 24 horas full screen, argallado por GalegoLab en colaboración con EuFalo.TV.
É o segundo vídeo publicado que se presenta ao concurso. O primeiro tamén se pode ver nesa plataforma documental e leva o título  Queres unha casa?

Diglossia e galegofobia

por Roberto Bouça, en Terra e Tempo:

Durante estes dias tem-se falado muito sobre as opinions expressadas sobre a nossa língua por umha participante galega no reality Gran Hermano. Pola minha parte, estas opinions viriam cobrar umha maior dimensom devido a umha série de anedotas que me acontecerom e que nom pudem deixar de relacionar com o mediático caso do GH. Tentarei pôr em relaçom estes dous casos e para finalizar, darei a minha opiniom sobre qual deve ser a estratégia para umha defesa real da nossa língua e para a sua sobrevivência. Começo com as anedotas.

Anedota 1: Viajo caminho de Ponte Vedra; fago umha paragem para almorçar; ao pagar a conta no balcom, reparo na seguinte cena: dous empregados estám a falar em galego; um deles decide-se a atender-me; primeiras palavras em galego; entrega-me a volta e dize convencido: "Ahí tiene. Muchas gracias". Anedota 2: Continuo a minha viagem e ligo a rádio do carro; na Rádio Galega, a jornalista entrevista umha pessoa que responde num galego "natural", "correcto"; num momento da conversa, a pessoa entrevistada cita-se a si própria; a cita em espanhol; continua o resto da sua conversa em espanhol. Anedota 3: Viagem de volta; paro numha área de serviço; pido um café com leite; tomo o café ao tempo que a empregada mantém umha conversa com um cliente; comunicam-se num galego "correcto", "natural", "o seu galego"; vou pagar e pergunta: "con leche?".

Porque relato com detalhe estas anedotas que isoladamente parecem nom ter maior importância? Pois porque estes acontecimentos estám perfeitamente relacionados entre si, dando mostra da situaçom na que se encontra a língua galega. Detrás de cada um desses gestos e dessas atitudes hai um comportamento claramente diglóssico que se manifesta no uso do galego na esfera do privado e ambientes informais e no uso do espanhol na esfera do público e ambientes de tipo formal. Esta mudança de usos é sintomática, pois mostra às claras o processo de substituiçom linguística que padecemos no nosso país, onde a diglossia é tam acentuada, que a Galiza constitui um caso paradigmático para o estudo e compreensom deste fenómeno sociolinguístico. 

Deixemos agora os factos e vamos ao plano ideológico. Ao valorarmos as opinions da participante galega no GH, nom devemos cair na inocência de personalizar o que na realidade constitui umha problemática de carácter ideológico na que o galego é desprestigiado em favor do espanhol. As manifestaçons desta rapariga venhem pôr sobre a mesa as ideias de fundo que alimentam o discurso galegóbobo no nosso país. Entre outras podemos encontrar o rechaço consciente do uso do galego; a falta de competências para desenvolver-se neste idioma; que o galego soa "bruto"; que só é apto para pailáns das vilas e aldeias ou para nacionalistas extremistas das cidades; que a língua de ensino é maioritariamente o espanhol; etc.

Qual entom a relaçom entre as opinions galegófobas e as "anedotas" que vimos de descrever? Esta comparaçom entre o plano ideológico e o plano sociológico pom de manifesto a armadilha que supom defender a liberdade linguística sendo-se sabedor de que a desprotecçom de umha língua doente significa condena-la à sua morte. 

Por isso, devemos desmascarar a farsa anti-galega, porque sabemos que se suavizamos o discurso em favor dum "bilinguismo igualitário" na Galiza, terám dado mais um passo na batalha ideológica. Porque sabemos que o galego continua a ser umha língua de segunda e precisa dumha especial protecçom, que as percentagens nos usos do galego no ensino som insuficientes, que os meios de comunicaçom em galego som escassos e com um baixo nível linguístico e a presença das televisons portuguesas é nula. Chame-se imersom, discriminaçom positiva ou chame-se como se queira, devemos procurar a restituiçom da dignidade do galego e a sua sobrevivência através do monolinguismo social. Devemos ter em conta outro aspecto de vital importância, consistente em vermo-nos desde umha óptica propriamente galega, sem termos que passar polo filtro do espanhol como referente do nosso relacionamento linguístico, virando para um convívio natural e fluente dentro da comunidade linguística à que pertencemos legitimamente por sermos o seu próprio germe, é dizer, o âmbito galego-luso-brasileiro. O monolinguismo social e o relacionamento com as outras variantes da nossa língua comum virám dar ao galego um status de prestígio e utilidade nos planos social, cultural e económico que constituem a única via para a sua salvaçom. 

venres, 25 de febreiro de 2011

Parabéns á Consellería de Educación

Levei un susto moi grande pois ao entrar no portal da SXPL o primeiro que vin foi este logo que presento aquí: "Vive en galego a tecnoloxía". Penesei que a Consellería de Educación se botara atrás e estaba a promover o ensino da materia de Tecnoloxía en galego... Pero non, todo sigue igual. Vexamos...
Unha das accións promovidas consiste en que o persoal da administración e os centros educativos van poder dispoñer de novos medios en liña para o traballo en galego. Trátase dun sistema que permite consultar o dicionario de galegoDigalego e a Enciclopedia Galega Universal (EGU), dúas ferramentas con acceso restrinxido, grazas á colaboración entre a Xunta e a empresa Ir Indo Edicións. Polo tanto, parabéns para a Consellería por levar a cabo unha medida a favor do galego despois de dous anos de goberno; é a primeira e todo apunta a que vai ser a última.
Outra boa nova parecía ser que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística  presenta coa  empresa Microsoft a tradución das interfaces ao galego de Windows 7, Office 2010, Sharepoint 2010 e Dynamics CRM....No entanto todo indica a que a SXPL non está implicada activamente neste proceso pois segundo informan na súa web a empresa informática  "contou co asesoramento da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do servizo de terminoloxía galega, Termigal, que tamén colaborou na avaliación das primeiras versións das interfaces de Microsoft". Polo tanto, parabéns para a Consellería de Educación por non lle prohibir a Microsoft o acceso ao Termigal.
Neste mesmo asunto, temos que preguntarnos polas razóns de por que a compañía Microsoft vai da man da Consellería a presentar esta nova ferramenta se non é polas razóns que se aducen desde o Proxecto Trasno, quen din sospeitar "de que existe un apoio financieiro ou unha contrapartida que beneficia a dita empresa", cando unha poboación de dous millóns e medio de persoas son unha garantía suficiente para que unha compañía como Microsoft sexa quen de financiar autónomamente. Así, pois debemos reiterarlle os parabéns á Consellería de Educación por esquencerse dos que si que realmente están comprometidos coa normalización lingüística no ámbito das novas tecnoloxías.
Na contra da Xunta temos os casos do Firefox 3.6 e o OppenOffice 3.2, dos que contamos coa versión galega en contra do disposto desde o goberno autonómico segundo se denuncia desde g11.net, xa que o desmantelamento de Mancomún provocou a interrupción do traballo de tradución iniciado polo personal do CESGA (CEntro de Supercomputación de GAlicia). Por mor disto pode ser que a nova versións teñan algúns erros e que así a nosa lingua esté a perder oportunidades no eido das novas tecnoloxías, fundamental para a normalización. Polo tanto, parabéns para a Consellería de Educación porque a pesar de actuar continuada e sistemáticamente en contra do galego sabe presentarse diante da opinión pública como se fose a súa principal defensora.
Definitivamente, a Consellería non cambiou o rumbo. O sinal máis claro de que isto é así podemos atopalo no labor que están realizando co proxecto Abalar e que xa comentara noutro post. As cousas non van a mellor. A gran maioría das unidades didácticas colgadas neste proxecto son as de matemáticas, todas elas en castelán, por suposto. Desde a Consellería non siguen ningún criterio didáctico para engadilas ao repositorio do proxecto xa que, por exemplo, hai algún vídeo inserido dentro das unidades de 1º da ESO, e que con moitas dúbidas podería recomendarse a un alumno que cursara o 1º curso na universidade. Cada vez está máis claro que o único criterio que lles importa é que o galego fique excluído de todo o que tocan desde a Xunta. Non queda máis remedio, polo tanto, e volver a darlle os prabéns á Consellería de Educación por poñer todos os medios ao seu alcance para excluir do ensino todas as posiblidades de contacto co galego.
No colmo da zunia contra a nosa lingua a Consellería de Educación debe estar presionando ao Ministerio para que non distribúa material educativo en galego da materia de matemáticas, existente desde principios de curso pois se non é incomprensible que a día de hoxe poidamos descargar da web do proxecto Descartes 60 unidades didácticas de excelente calidade didáctica e técnica traducidas ao catalán e non poidamos facelo na sua versión en galego. Non podermos facer outra cousa que darlle os  parabéns á Consellería de Educación por actuar na sombra e no máis puro estilo mafioso, unha e outra vez, contra o galego.

Lois Pereiro: web oficial

Por medio do Levantador de minas achegamos esta nova web adicada a Lois Pereiro.
A web  recolle  as noticias xeradas encol do poeta,pero ademais aporta unha serie de contidos sobre a súa figura:  literarios, gráficos e audiovisuais . Moitos destes recursos son libres para usos non lucrativos. Tamén permite subir os contidos elaborados aproveitando ese material libre, para poder ser logo descargados e difundidos e inclúe un calendario dos actos que se están a organizar en todo o país, e mesmo materiais que se poden empregar naquelas convocatorias pensadas para a participación da xente.
páxina oficial de Lois Pereiro foi desenvolvida por Algueirada S. L. e conta co apoio daConsellería de Cultura e Turismo.
Outros recursos sobre Lois Pereiro:
Revista das Letras
MundoLois
Vídeo Lois Pereiro: as armas da paixón



xoves, 24 de febreiro de 2011

Testemuños libres de galego

A Mesa vén de denunciar unha nova exclusión da lingua galega nunha iniciativa desenvolvida por un departamento da Xunta. É o caso da campaña de concienciación sobre condución segura denominada ‘Libre’, impulsada pola Consellaría de Traballo e Benestar a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, que xunto a diferentes materiais informativos incorporará por vez primeira un tema musical, acompañado dun videoclip, que se distribuirá masivamente a centros de ensino.
Isto non é todo, un coñecido zunante presenta  o testemuño destacado, tamén en español, da campaña "Libre, libre de alcol, libre de preocupacións"... ou tal e como vén na web da campaña, en presunto galego, *testimonio. Unha nova e completa acción contra a nosa lingua. A quen lla temos que agradecer?
Efectivamente, testemuños libres de galego.