Entrevista que lle fixeron para O Cartafol dixital a Alba Nogueira, profesora de Dereito Administrativo na USC:
Dende o punto de vista da lexislación lingüística en Galicia, que resaltarías deste 2010 que rematou?
Hai bastante pouquiño que resaltar, basicamente retrocesos en canto á protección ao galego con respecto á normativa anterior. Neste senso temos que destacar que o Decreto do plurilingüismo reduce as porcentaxes de presenza do galego nas materias que se imparten no ensino obrigatorio, polo que é claramente regresivo.
Que consecuencias poden ter estas medidas normativas?
As consecuencias son, por suposto, negativas. De todos os xeitos, máis aló de como pode afectar a lexislación, creo que tamén hai facer fincapé no papel tan agresivo da Xunta contra o galego, con ese discurso que se lle lanza á cidadanía de que o noso idioma é unha carga que limita. Ese é un prexuízo para a lingua gravísimo. O ambiente negativo que logrou crear o PP é algo que, aínda que grande parte da sociedade non comparte, si que asenta prexuízos sobre a lingua.
A Xunta presentou o anteproxecto da Lei de convivencia e participación na comunidade educativa, que inclúe cuestións vinculadas á lingua no ensino. Como o valoras?
O proxecto en si é moi rancio na concepción que ten de participación e convivencia, xa que basicamente as concibe dende un punto de vista represivo e non de fomento da resolución de conflitos de forma pacifica, do cal xa hai moitas experiencias nos centros escolares. No aspecto concreto que pode afectar ao idioma, pretende regular a consulta ás familias sobre o uso das linguas en relación coa programación educativa, e eu penso directamente que é ilegal. É ilegal dende o momento no que a participación das familias, da que fala o artigo 27 da Constitución, se concreta a través de dúas leis orgánicas: a Lei orgánica da educación e a Lei orgánica do dereito á educación, que establecen claramente que a participación da familia se canaliza a través dos consellos escolares. Si se lles pode preguntar aos pais directamente, por exemplo, se o horario de entrada ao centro debe ser ás 9 ou ás 9.30; pero son consellos escolares os que deben pronunciarse pola programación educativa: a fixación do currículo escolar, a decisión sobre as linguas nas que se imparten as materias ou o calendario escolar en sentido amplo. A lei impide que os pais decidan sobre estas cuestións porque son responsabilidade dos poderes públicos.
Como xurista, que valoración fas da introdución do galego no mundo xurídico nestes últimos anos?A introdución do galego neste eido é moi reducida e non hai unha vontade clara de aumentala. O mundo xurídico é un concepto moi amplo. Se o entendemos no sentido xudicial, a presenza do galego é moi baixa e ademais está minguando, así o constatan as propias estatísticas do poder xudicial. Polo tanto, é preciso facer unha acción decidida de formación, de valoración dos coñecementos de galego dos xuíces para os efectos da súa mobilidade, e de integración do galego en toda a oficina xudicial. Porén, e isto é un exemplo constante que poñen os xuíces, as ferramentas informáticas que usan dificultan ditar sentenzas en galego porque implica dobre de traballo que facelas en castelán. E é unha responsabilidade da Xunta proporcionar os recursos á Xustiza. E os avogados actúan en función do que fan os xuíces. Se notan un poder xudicial reticente ao emprego do galego, non van forzar a máquina. Aínda así hai algúns colexios profesionais da avogacía, como o de Santiago, que están a traballar polo galego. Podemos afirmar que hai sensibilidade, pero que a figura do xuíz impón.
Se o mundo xurídico tamén abrangue a administración pública, aí o grao de normalización é elevado, sobre todo na escrita, mais aínda hai pasos que dar. Por exemplo, a atención telefónica aínda presenta bastantes eivas. Non se garante, logo, o dereito da cidadanía a manter as súas relacións coa administración en galego.
Por que cres que o mundo do dereito é un mundo tan desgaleguizado?
Como case todos os ámbitos de poder, a xudicatura, os propios poderes públicos e as administracións son un mundo moi desgaleguizado. Pero tamén sucede con outros colectivos cunha certa proxección social, como a sanidade. O labor de normalización debería ser moi intenso e iso non se realizou nunca.
Ti licenciácheste en dereito neste centro e agora exerces como docente. Cambiou moito a situación do galego dende daquela?
Moito non, pero cambiou. Cando eu estudaba só tiven un profesor que me dese clases en galego. Hoxe en día hai un grupiño máis grande de docentes que o usan. Non é unha taxa elevadísima, pero medrou algo, especialmente nalgunhas áreas de coñecemento. De todos os xeitos pódese dar o caso de que haxa alumnos que saen da facultade sen recibiren en todos os anos de carreira unha soa clase en galego, e iso é unha eiva para a súa formación.
Polo tanto, cres que unha maior formación en galego na universidade repercute nunha mellor formación como profesionais?
Por suposto. Cando saian, van exercer nunha sociedade que ten dous idiomas oficiais e isto séntese á hora de redactaren documentos, de establecer procedementos coa propia administración ou seguir procesos xudiciais. Na súa realidade social diaria o galego é necesario incluso para atender axeitadamente aos seus clientes, xa que usar a súa lingua é un xeito de achegarse mellor aos seus problemas. O feito de que un futuro avogado ou unha futura xuíza non coñezan con corrección os termos xurídicos que se aplican á súa profesión é bastante triste.
Hai estudantes de Dereito que afirman que algúns profesores non ven con bos ollos o galego. Forma parte do mito?
Eu creo que non é o mito desta facultade senón o mito de moitas facultades desta universidade. Non se pode presentar Dereito como un becho raro con respecto ao resto dos centros; non é das facultades que menos usan o galego, especialmente se a comparamos con algunhas de ciencias. Agora ben, igual que sucede na sociedade, si que é certo que hai profesores que teñen prexuízos lingüísticos contra o galego. Eu agardo que con iniciativas como esta campaña de “Témoslle Lei” poidamos axudar a eliminalos.
No marco da campaña «Témoslle Lei» púxose a disposición do estudantado e dos profesores lexislación básica en galego. Cres isto vai axudar a que haxa unha medra no uso do noso idioma?Confío en que si. Para preparar a docencia non ter materiais en galego é un inconveniente, pero iso non nos debe impedir usalo con normalidade. En todo caso o principal ámbito no que cómpre incidir é no do profesorado. Pola miña experiencia vexo que os estudantes usan máis ou menos galego dependendo da medida en que os profesores o utilicen. Debería realizarse algún tipo de acción para que haxa máis profesores que impartan aulas en galego e que polo menos un grupo de cada materia se dea en galego. É algo factible polos coñecementos que posúe o profesorado hoxe en día, e probablemente se se argalla de forma colectiva sexa máis fácil obter uns bos resultados.
Que modelos lingüísticos se seguen en facultades de dereito doutros países nos que se usan dúas ou máis linguas?
En xeral neses países os estudantes manéxanse cunha certa soltura nas linguas oficiais; no caso belga, nas dúas linguas oficiais e tamén en inglés. Nos plans de estudo de Dereito das universidades belgas inclúese o coñecemento da linguaxe xurídica en flamengo, francés e inglés, o que facilita o uso fluído dos termos especializados nesas linguas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario