Levei un susto moi grande pois ao entrar no portal da SXPL o primeiro que vin foi este logo que presento aquí: "Vive en galego a tecnoloxía". Penesei que a Consellería de Educación se botara atrás e estaba a promover o ensino da materia de Tecnoloxía en galego... Pero non, todo sigue igual. Vexamos...
Unha das accións promovidas consiste en que o persoal da administración e os centros educativos van poder dispoñer de novos medios en liña para o traballo en galego. Trátase dun sistema que permite consultar o dicionario de galegoDigalego e a Enciclopedia Galega Universal (EGU), dúas ferramentas con acceso restrinxido, grazas á colaboración entre a Xunta e a empresa Ir Indo Edicións. Polo tanto, parabéns para a Consellería por levar a cabo unha medida a favor do galego despois de dous anos de goberno; é a primeira e todo apunta a que vai ser a última.
Outra boa nova parecía ser que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta coa empresa Microsoft a tradución das interfaces ao galego de Windows 7, Office 2010, Sharepoint 2010 e Dynamics CRM....No entanto todo indica a que a SXPL non está implicada activamente neste proceso pois segundo informan na súa web a empresa informática "contou co asesoramento da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do servizo de terminoloxía galega, Termigal, que tamén colaborou na avaliación das primeiras versións das interfaces de Microsoft". Polo tanto, parabéns para a Consellería de Educación por non lle prohibir a Microsoft o acceso ao Termigal.
Neste mesmo asunto, temos que preguntarnos polas razóns de por que a compañía Microsoft vai da man da Consellería a presentar esta nova ferramenta se non é polas razóns que se aducen desde o Proxecto Trasno, quen din sospeitar "de que existe un apoio financieiro ou unha contrapartida que beneficia a dita empresa", cando unha poboación de dous millóns e medio de persoas son unha garantía suficiente para que unha compañía como Microsoft sexa quen de financiar autónomamente. Así, pois debemos reiterarlle os parabéns á Consellería de Educación por esquencerse dos que si que realmente están comprometidos coa normalización lingüística no ámbito das novas tecnoloxías.
Na contra da Xunta temos os casos do Firefox 3.6 e o OppenOffice 3.2, dos que contamos coa versión galega en contra do disposto desde o goberno autonómico segundo se denuncia desde g11.net, xa que o desmantelamento de Mancomún provocou a interrupción do traballo de tradución iniciado polo personal do CESGA (CEntro de Supercomputación de GAlicia). Por mor disto pode ser que a nova versións teñan algúns erros e que así a nosa lingua esté a perder oportunidades no eido das novas tecnoloxías, fundamental para a normalización. Polo tanto, parabéns para a Consellería de Educación porque a pesar de actuar continuada e sistemáticamente en contra do galego sabe presentarse diante da opinión pública como se fose a súa principal defensora.
Definitivamente, a Consellería non cambiou o rumbo. O sinal máis claro de que isto é así podemos atopalo no labor que están realizando co proxecto Abalar e que xa comentara noutro post. As cousas non van a mellor. A gran maioría das unidades didácticas colgadas neste proxecto son as de matemáticas, todas elas en castelán, por suposto. Desde a Consellería non siguen ningún criterio didáctico para engadilas ao repositorio do proxecto xa que, por exemplo, hai algún vídeo inserido dentro das unidades de 1º da ESO, e que con moitas dúbidas podería recomendarse a un alumno que cursara o 1º curso na universidade. Cada vez está máis claro que o único criterio que lles importa é que o galego fique excluído de todo o que tocan desde a Xunta. Non queda máis remedio, polo tanto, e volver a darlle os prabéns á Consellería de Educación por poñer todos os medios ao seu alcance para excluir do ensino todas as posiblidades de contacto co galego.
No colmo da zunia contra a nosa lingua a Consellería de Educación debe estar presionando ao Ministerio para que non distribúa material educativo en galego da materia de matemáticas, existente desde principios de curso pois se non é incomprensible que a día de hoxe poidamos descargar da web do proxecto Descartes 60 unidades didácticas de excelente calidade didáctica e técnica traducidas ao catalán e non poidamos facelo na sua versión en galego. Non podermos facer outra cousa que darlle os parabéns á Consellería de Educación por actuar na sombra e no máis puro estilo mafioso, unha e outra vez, contra o galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario