por Manuel Rei Romeu, en Terra e Tempo:
Coinciden moitas voces ultimamente na necesidade de facermos un esforzo cotián por mellorar a calidade do galego que usamos. Moitas destas recomendacións parecen ir encamiñadas a persoas con certa proxección pública, persoas que poden ser referentes ou modelos a imitar para outras moitas. Porén, no que se refire ao ámbito do cotián, é ben recoñecermos que este esforzo ás veces atopa non poucas dificultades para algúns falantes, sobre todo os máis novos, que teñen que afrontar falta de modelos (non abundan nos medios de titularidade pública), incomprensións e dúbidas, prexuízos e, como non, unha presión esmagadora do español que provoca non poucas interferencias e conduce a actitudes contemporizadoras ou de abandono e desleixo.
Xorden a perpetúanse deste xeito unha serie de prexuízos sobre os supostos cambios constantes que experimenta a escrita do galego, sobre a imposibilidade de falalo ben, sobre a dificultade derivada dunha especial complexidade da nosa lingua. Van unidos a toda unha serie de preconceptos que nos remiten irremediabelmente á causa última desta situación: un proceso de normalización dificultoso, cheo de impedimentos e incertezas, que repercute directamente nunha falta de estandarización e depuración de facto da lingua propia. E xa sabemos que a can fraco todas son pulgas.
Complexidade existe na medida das nosas expectativas, mais nunca pode ser escusa e impedimento para comezar ou seguir a utilizar o galego. Nin máis nin menos complexidade que a que ten calquer lingua. Non podemos dicir de ningunha delas que sexa unha forma pura, exenta de dificultades, que non estea suxeita a variacións e vacilacións, que as fan evolucionar e ser máis matizadas e máis ricas. Mesmo as máis extensas e canónicas levan inherente a tendencia á diversificación e non permanecen inalterábeis ao longo do tempo. Por outra parte, no referente á complexidade, de habela, tamén é conveniente recoñecermos que canta maior complexidade teña un instrumento, maiores prestacións nos poderá ofrecer . E isto será válido tamén no terreo comunicativo. Para o uso doméstico diario, a suposta complexidade e o medo a falalo mal, cúranse da mellor maneira posíbel como case todas cousas na vida. Cúranse na práctica, que é o prioritario. Por tanto, para chegar a falalo ben, como xa se ten dito tantas veces,haberá que empezar mesmo a falalo mal, porque ninguén nace aprendido. Non hai outro camiño que o que se anda.
É certo que o galego ten unha variedade de matices -tradición e riqueza acumulada- nalgúns niveis que non se pode asimilar de boas a primeiras ou que precisa unha certa decantación ou mesmo superación, por canto remiten a unha cultura tradicional que hoxe xa non ten referentes materiais na cultura en que vivimos.
Hai trazos morfolóxicos, moi característicos, como poden ser o futuro de subxuntivo e o infinitivo flexionado ou conxugado, que revisten certa dificultade de manexo por parte dos falantes menos experimentados. Mesmo os máis instruídos acaban tropezando nalgunha que outra pedra e cometendo erros.
Neste sentido, para aspectos relacionados coa corrección da lingua que usamos día a día, considero moi recomendábel o libro de Freixeiro Mato, Lingua de calidade, publicado en 2009. Nel ofrécese unha análise dos trazos fundamentais a corrixirmos para percorrer un camiño que inverta o proceso de deturpación da lingua a que antes aludimos. Ao remate do mesmo, preséntasenos un breviario práctico cun conxunto de normas precisas para lograrmos os mínimos de corrección lingüística que esixe unha lingua de calidade. Sintomaticamente, o profesor Freixeiro Mato considera o infinitivo flexionado un dos trazos máis tradicionais e representativos da nosa lingua, presente desde a época medieval á actualidade. Afirma, neste mesmo apartado, que esta característica tan singular é privativa do galego-portugués e o húngaro.
Teño para min que o uso espontáneo do infinitivo conxugado sempre foi considerado por nós algo así como a garantía de saúde do idioma e a súa expresión en plena forma. É por iso que os cidadáns galegos máis conscientes das posibilidades da nosa lingua nos esforzamos por utilizalo con naturalidade tanto na fala como na escrita. É un recurso que, para alén dos matices afectivos de implicación do interlocutor, serve para desfacer ambigüidades en certos contextos. Se dicimos, por exemplo "Todo pasou por andares de esmorga", atribuímos a acción do infinitivo a un suxeito determinado, que pode ser outro en función da intención ou das necesidades comunicativas. Desde logo, tamén os clásicos da nosa literatura, entre eles Castelao, foron conscientes da súa importancia e fixeron esforzos ben notorios por utilizalo e por recrealo como fiel reflexo da fala popular no seu estado máis puro..
Pois, malia a todas as consecuencias negativas derivadas do proceso de deturpación do galego, non deixa de resultar reconfortante descubrirmos zonas onde este trazo se mantén aínda vivo na fala popular espontánea. Unha destas comarcas é a do Eume -concretamente no Val Inferior do río Eume (a falta de máis datos, non podería precisar os límites, mais esténdese por Pontedeume, Cabanas, Miño...). É certo que nas vilas como Pontedeume se utiliza un galego moi desvirtuado pola influencia do español. Como contrapartida, tamén se fala un español moi ruín, unha especie de híbrido con trazos de galego. Mais para alén destas falas deturpadas, pervive asombrosamente un galego coidado e esmerado, con recursos moi expresivos e claras reminiscencias da vitalidade que en tempos pasados tivo o noso idioma, cando era a lingua tanto de mariñeiros, labregos e artesáns, como de cabaleiros, nobres e reis. Chama poderosamente a atención que en Pontedeume -por máis que sexa nas súas parroquias: Andrade, Boebre, Centroña, Nogueirosa, Ombre, Vilar- perviva na lingua oral este representativo trazo do galego. Non hai que esquecer a indubidábel influencia españolizadora das áreas urbanas próximas da Coruña e Ferrol (militares, construción naval, funcionariado,...).
Resultou ser algo así como unha revelación sorprendente, despois de ter coñecido con certa profundidade o galego de zonas máis rurais e afastadas, presuntamente menos interferidas polo español. En concreto, o da zona onde nacín e me criei, o do Val do Ulla no Concello da Estrada. Mais tamén o da Costa da Morte na zona de Camariñas, Vimianzo..., onde traballei algún tempo. Mesmo facendo un traballo de campo, ao rematar os estudos de Filoloxía galego-portuguesa , para a Comisión de Toponimia, percorrendo zonas moi recónditas da provincia da Coruña e falando con xente de lugares moi diversos, non teño conciencia de ter escoitado os infinitivos flexionados. Recordo aínda destas últimas dúas décadas de estadía en Pontedeume os nomes de moitos homes e mulleres e o testemuño das conversas nas que xurdía, como unha flor ventureira, o infinitivo flexionado, con toda a naturalidade e con suma mestría, nas diferentes formas persoais. Trátase tanto de persoas maiores como de persoas de menos idade, mesmo que andan nos corenta. Teño case a certeza de que é un trazo transmitido de xeración en xeración; de feito, moitas destas persoas máis novas, tiñan sempre na casa outra persoa ou outras persoas de avanzada idade. Sen dúbida, non creo que sexa debido á influencia da TVG.
En síntese, para rematar, quixera subscribir aquí a apelación que nos fai Freixeiro na obra arriba mencionada:
"Non podemos deixar perder o infinitivo flexionado porque iso suporía a desnaturalización do idioma. Máis importante que o correcto uso dun "v", un "b" ou un "h" é a utilización deste trazo morfosintáctico que mantén viva a esencia da nosa lingua".
Ningún comentario:
Publicar un comentario