Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 10 de febreiro de 2011

As matemáticas para a normalización


Contra os prexuízos e a simplificacións da lingua galega Manuel Núñez Singala ten un libriño que se deixa ler moi ben e que ademais é un recurso didáctico excelente. Estamos a falar de En galego, por que non?, e un bocadiño do mesmo está accesible con só premer nesta ligazón.
A min gústame sobre todo porque fai uso de recursos matemáticos para desmontar prexuízos  e simplificacións que andan boureando ao noso arredor. Vai de seguido un exemplo e que é un dos problemas que raro é que non apareza nas miñas clases da ESO.
Trátase de contar o número de cadrados que hai na figura da esquerda. Simplemente iso. Seguramente a primeira vista calquera diría que hai 16 cadrados. Non é esa a resposta que busco.
 Basta unha pequena indicación (este novo debuxo) para comprobarmos que hai máis cadrados. Agora cómpre repetir a cuestión: cantos cadrados hai?. Se despois de lle dar algunhas voltas non se acha a solución, podedes ir ao texto de Singala e facer o reconto.
Con isto Singala fai unha analoxía cos prexuízos lingüísticos. Habitualmente, cando pensamos ou opinamos sobre a nosa lingua, é moi frecuente adoptar unha visión superficial, sen profundar o suficiente, e crer que o que se percibe é todo o que hai. Non é ese o caso.
Singala para aquí. Calquera que teña gusto polas matemáticas reflexionaría sobre o número de cadrados que hai nun taboleiro de xadrez (de 8x8), un nun taboleiro cadrado calquera (nxn), ou incluso nun taboleiro rectangular (mxn).
E así, reflexionando sobre as matemáticas, comenzaremos a enxergar toda unha realidade que se esconde detrás dunha cortina de prexuízos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario