Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 21 de febreiro de 2011

En Galiza non existe o auto-odio

por Xesús González Gómez, na Nosa Terra:

Co gallo dunhas palabras dunha tal Marta en Gran Hermano volveu ás columnas xornalísticas de xente máis ou menos vinculada ao nacionalismo a palabra auto-odio. É unha palabra que se usou, e aínda se usa, moito para explicar o que algúns consideran inexplicábel. É, tamén, unha palabra comodín, en certa maneira. Os sionistas aplícana a todos aqueles xudeus non-xudeus (que dicía Isaac Detscher, aínda que na versión española de tal conferencia traduciron xudeu non-sionista), é dicir, aqueles non-xudeus que nunca estiveron a favor dun estado xudeu, sionista ou non, que foron moitos, tanto homes e mulleres de esquerda como de dereita. En Galiza, a palabra úsase, sobre todo, para definir o “estado de ánimo” de xente que está contra o galego, ou que lle dá vergonza falar o idioma que mamou desde neno/a e que, de seguro, adoita usar na intimidade familiar cos seus maiores, etc.
Mais, acho, vai sendo hora de cambiar a expresión. Sobre todo por parte daqueles que queren (queremos) atraer cara ao noso idioma a maior cantidade de individuos posíbeis. Cambiar a expresión, por diversas e variadas “razóns”, desde, digamos, socióloxicas até, mesmo, científicas.
O primeiro paso que se debe (ou debemos) facer para intentar comprendermos ese individuo (home ou muller, iso dáse por descontado) sobre o que se lanza o “estigma” de auto-odio é escoitar as súas razóns, e, como afirma Jacques Rancière, contra Pierre Bourdieu, dalas a ler como razóns e non como expresión dunha desgraza: o auto-odio.  Esta posición pode e debe impedir que se caia no desprezo do outro, que non é capaz de coñecer os seus “males”, as súas “doenzas”, e debe impedir actuar como se o “diagnosticador” fose un médico que despois de dar cos males do doente receitase as medicinas que ían curar a este, descoñecedor de todas as súas enfermidades e, por suposto, dos remedios para a súa curación. Por outra parte, como afirma Rancière, o desprezo non se cura mediante ningunha ciencia, senón mediante o seu contrario: a consideración. E todos sabemos, mesmo antes de Richard Sennet (talvez haberá que ler, ou reler, os libros deste para intentar achegármonos sen displicencias, superioridades, vitimismos, etc., a ese “fenómeno” que se deu en chamar auto-odio), xa que, como afirma o sociólogo americano “a caridade mesma ten o poder de ferir; a piedade pode enxendrar o mesnosprezo; a compaixón pode estar intimamente ligada á desigualdade”.
Mais antes de intentar xustificarmos porque pensamos que se debe desterrar o concepto de auto-odio por outro que logo mencionaremos, fagamos un pouco de, digamos, historia. Ou mellor, mencionemos algunhas “anécdotas”.
O auto-odio, inter nós, é entendido, seguindo a Rafael Ninyoles, como a vergonza que sente un falante de expresarse na súa lingua propia. Máis ou menos, si fa non fa, que din os cataláns. Cómo se chegou a iso? Necesitaríanse moitas páxinas e profundos estudos para tirar algunha conclusión. Non estou capacitado para realizar tal traballo, así que me dedicarei ás “anédotas”. Ao mellor parvas, máis que poden inducir a pensarmos.
Pediuse, ou pedímoslles, ás famosas clases subalternas que usen o idioma de seu, é dicir, o que mamaran na súa nenez, maiormente os nacidos nas aldeas ou nos arrabaldes das vilas. Os beneficios que tirarán estas clases de tal práctica serán, afírmase, inconmensurábeis, a empezar pola afirmación de si ou autoafirmación, etc. Todo isto é moi bonito, mais… Mais non temos visto como algúns escritores galegos, defensores do galego, etc., nas súas correspondencias con outros escritores  (galegos) usaron sempre do español? (E non quero sinalar a ninguén co dedo, mais por aí corren esas correspondencias). E non só nas súas correspondencias, senón nas conversas entre eles. Os mesmos que só usaron do galego para relacionarse cos outros pídenlles ás clases subalternas que usen o galego: hipocrisía, inconstancia, inconsistencia, duplo xogo, internacionalismo (sic), ou, tamén, e como afirmaría un marxista algo obsoleto, posición de clase? Isto, predicar que hai que falar o idioma propio e logo dar trigo en español, é –ou foi?– unha constante dentro de certos sectores da intelectualidade galega.

O caso catalán
Se un bota man dalgunha historia social da literatura catalá verá, por exemplo, que moitos escritores en catalán que quedaron no seu país despois da desfeita do 1939 publicaron, anos despois, obras que escribiran nos anos 40, a empezar por Antígona, de Salvador Espriu, escrita en marzo de 1939, a dous meses da toma de Barcelona polas tropas franquistas: a obra só puido ser publicada en 1955. Tamén saberá o lector desa historia social da literatura catalá que moitos escritores exiliados: Tisner, Agustí Bartra, Joan Oliver, Xavier Benguerel, etc., publicaron, no exilio, obras en español: antes saíran en catalán en pequenas edicións, e todas aquelas edicións, en español, avisaban que estaban traducidas do catalán. Outros/as gardaron as súas obras na gabeta até o momento en que puidesen ser publicadas en Cataluña: Armand Obiols, Mercé Rodoreda, Just Cabot e un amplo etcétera. (Escritores galegos que fixeron algo semellante: Ramón de Valenzuela, Delgado Gurriarán, Antón Fernández… Anoto só exiliados políticos)  Por outra banda, deixando de lado aqueles que se pasaron con armas e bagaxes ao franquismo: Sebastià Sánchez Juan, Ignacio Agustí, Carles Sentís, Llorenç Riber ou mesmo Josep Pla (este é un caso “á parte”), moitos dos escritores cataláns que apoiaron por conveniencias de clase o franquismo –e houbo moitos, pode o letor achegarse a ese libro excepcional que é L’Últim Cambó, ou a ese outro, máis anecdótico, mais con moita información, Els cataláns de Franco, de Ignasi Riera–, continuaron a ser, na súa obra de “creación”, unilingües: Joan Teixidor, por exemplo –e o propio Pla, entre outros. Ou Josep María de Sagarra, que se ben non era franquista tampouco era anti, etc.

E en Galiza?
Aconteceu o mesmo entre nós? Non é certo que nos anos 40, e mesmo 50, moitos escritores galegos (é dicir, que escribían en galego) continuaban a usar o español na súa obra literaria simplemente para poder “publicar”, ou por outras causas, xa que hai novelas e obras destes escritores que na década de 1950 podían publicarse en galego sen problemas de censura? Por outra parte, fóra dalgunha excepción, poucos escritores galegos gardaron na gabeta obras súas até que puidesen ser publicadas. E, mentres tanto, a demandarlles ás famosas clases subalternas que gardasen e usasen o galego.
Máis “anécdotas”. Ás veces entramos nunha tenda, en Galiza, e o ou a dependente fálanos en español, continuamos en galego e o ou a dependente acaban por nos falar en galego ao cabo dun pequeno tempo. Volvemos a esa mesma tenda, e volve acontecer a mesma historia, así cada vez que imos a ese espazo comercial. Por que ese ou esa dependente, que xa nos coñece, principia por falarnos en español: auto-odio? As cousas son máis complicadas. E, como remate, ao forzalo/a a falarnos en galego non estamos a coaccionalo/o porque somos os “clientes”? Ese mesmo dependente, se non é amo do seu negocio, dificilmente se dirixirá sempre en galego a un cliente que lle fale en español (aínda que ás veces acontece así, sobre todo en supermercados: loor a eses/as dependentes), e non, evidentemente, por auto-odio. Tamén, e ás veces non nos damos conta, quizais ao lle obrigar (sic) a falar en galego estamos a provocar que ese mesmo dependente, membro das clases subalternas, medre no desprezo de si: non foi capaz de enfrontarse ao superior (resic): o cliente, é , dicir, nós. Porque hai un dato que non se pode esquecer: o galego salvouse mediante un acto de barbarie por parte do Estado español e da nosa burguesía (porque si, tivemos unha burguesía, non sei se aínda temos, que actuou tal e como predicaba herr doktor Marx: explotadora, internacionalista e atenta aos seus intereses: a burguesía nacional non existiu en ningures, talvez fóra dos inicios da revolución burguesa en Inglaterra e Francia; noutras palabras, os males non viñan, nin veñen, de fóra) contra as clases populares:  mantelas no analfabetismo durante séculos. As clases populares, as clases subalternas, aumentaron o seu “nivel de vida” e educativo cando foron alfabetizadas (en español): renunciar a este idioma, non podía, para elas, significar volver atrás, aos tempos da miseria? Habería que estudar polo miúdo o  nacemento das organizacións obreiras no país durante o século XIX así como a súa prensa. E ben sabemos todos as posicións de socialistas, comunistas e anarquistas fronte ao idioma durante moitos anos.
Non. Non existe por parte das clases subalternas o chamado auto-odio. Existe, pode existir, un rexeitamento do galego. Mais ese rexeitamento é debido, como afirmaba Horkheimer a respecto dos sentimentos dos xudeus integrados en Alemaña fronte aos xudeus que proviñan do Leste, un medo ao “inferior”, a ser considerado e tido como inferior. E predicarlle á xente que temos os remedios para os seus erros e os seus sufrimentos, é consideralos, simplemente, inferiores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario