A ecuación diferencial do bilingüismo estaba chamada a que me pasara desapercibida. Foi o interese que mostrou A. C., un alumno meu, quen me falou das reportaxes que saían nos medios informando do caso , e foi polas cuestións que A. C. me avanzou polo que se me despertou o interese no traballo “Importancia da semellanza lingüística e do bilingüismo estable cando dúas linguas compiten”.
Efectivamente, o estido asinado polos profesores da USC Mira, Seoane e Nieto fíxose coñecido ao ser destacado nunha revista do prestixioso MIT (Instituto Tecnolóxico de Massaschussets). Ten unha gran significación simbólica o feito de que se recoñeza internacionalmente un traballo realizado en Galicia e no que se presenta un modelo de dúas linguas en conflito, sobre todo agora, nos tempos en que desde as altas instancias da política autonómica se pretenda disociar a lingua galega do mundo científico.
A orixinalidade do traballo reside na introdución de dúas medidas que poden axudarnos a comprender mellor a sangría de falantes que está sufrindo o galego. Unha delas é o estatus, que mide a percepción social das ventaxas que lle ofrece a un falante o uso dunha determinada lingua. Os autores acaban determinando un valor do 24% para o galego e, polo tanto, dun 76% restanto para o castelán. O outro parámetro co que xogan é o da semellanza lingüística e ao meu ver parte dunha percepción errónea do que pretenden modelizar. A semellanza lingüística pretende medir de que forma pasan os individuos de falaren nunha lingua a facelo na outra ou ben a converterse en bilingües. Do que se pode ler no adianto do modelo que construíron estes profesores da USC, o caso parece máis acaído para aplicarllo a unha sopa de dous tipos de moléculas que poden ter unha determinada afinidade para combinarse ou disociarse.Un non enxerga un substato sociolingüístico firme detrás do parámetro da semellanza lingüística. Así, fálase, por exemplo, dun panorama no que a lingua galega desaparece mentras que tanto o grupo bilingüe como da lingua española se equilibran baixo a consideración dun estatus constante da lingua galega sempre inferior ao da lingua de Castela. De chegarmos a este caso, entre outras cousas, o galego sofriría tal deturpación interna que se esvaería como dialecto do castelán. Trazos de ese proceso xa os podemos ver hoxe en día.
Por outra banda hai fenómenos que non aparecen reflectidos na ecuación diferencial.. No propio estudo, apuntando novas liñas de investigación, noméanse algún. Outros poderían achegarse da consideración de que por moi mala que fose a evolución do número de falantes dunha lingua, ésta podería resistir se hai un grupo de falantes irreductibles dispostos a lle manter fidelidade.
Non debemos perder de vista que o que aparece no artigo non nada máis (e nada menos) que un modelo da evolución do número de falantes de dúas linguas en competición. Así que aínda que a previsión do futuro da lingua galega segundo o modelo, que aparece na imaxe de arriba, é bastante desalentadora, este resultado non é nada definitivo, a sorte do galego non está decidida. Aínda así o traballo destes tres investigadores pode achegarnos nova luz sobre as análises sociolingüísticas realizadas ata o momento.
É de agradecer que estes profesores da USC focalizaran o seu interese nun fenómeno social próximo. Isto sérvenos para confiar máis na nosa universidade, para comprobarmos, que por moi esotéricos que nos parezan os estudos que se realizan nas unversidades, éstes acaban sendo útiles á sociedade que as mantén e apoia.
Finalmente creo que está claro, e considero que éste é o aspecto máis positivo deste traballo, que se abre toda unha nova forma de abordar o estudo do conflito lingüístico e isto é o mellor que lle pode pasar a unha teoría científica: que sexa fructífera, e que xenere todo un novo proxecto de investigación. Sería realmente marabilloso que a partir deste artigo se xurdira unha innovadora vía de colaboración entre matemáticos e sociolingüistas que nos axudaran nun futuro a comprender moito mellor do que poidamos facelo hoxe, os procesos relaccionados co cambio de lingua despois de estableceren un modelo asentado no que puidera ser a ecuación diferencial da diglosia.
ecuación_diferencial_do_bilingüismo
Documento "Importancia da semellanza lingüística e o bilingüismo estable cando dúas linguas compiten"
Artigo en Galicia Hoxe: "A cousa non vai nada ben"
Entrevista en Radiofusión a Jorge Mira, un dos co-autores do traballo
Mapa das zonas determinadas polos parámetros s-k, no You Tube
Documento "Importancia da semellanza lingüística e o bilingüismo estable cando dúas linguas compiten"
Artigo en Galicia Hoxe: "A cousa non vai nada ben"
Entrevista en Radiofusión a Jorge Mira, un dos co-autores do traballo
Mapa das zonas determinadas polos parámetros s-k, no You Tube
Ningún comentario:
Publicar un comentario