O voceiro adxunto do PNV, Aitor Esteban, empregou onte no Congreso como exemplo o precedente dos topónimos A Coruña e Ourense para defender o cambio da denominación oficial das provincias vascas, que pasarán a ser Álava/Araba, Gipuzkoa e Bizkaia, coa grafía do éuscaro.
A proposición de lei do PNV conta co rexeitamento de UPyD e máis do PP, pero ten o apoio doPSOE, de todos os partidos nacionalistas e da esquerda minoritaria. Esteban pediu na súa intervención que se tome en consideración a proposta “con naturalidade” e que a toponimia se acepte sen atrancos.
O deputado de Izquierda Unida, Gaspar Llamazares, criticou ao PP por “negar para Euskadi o que si aceptou para Galicia, mentres que o popular Alfonso Alonso xustificou aquel voto favorable aos topónimos galegos no feito de que o solicitase o Parlamento galego, aínda que eles defendan outra opción.
Porque en 1997, e malia as consignas de populares como Carlos Negreira a prol dos topónimos deturpados, o PPdeG pelexou polos nomes oficiais e naturais das localidades galegas fronte a unhas traducións que cualificaban de “aberración lingüística”. Aznar avalou e apoiou aquela petición.
Ningún comentario:
Publicar un comentario